Desenvolvemento rural

Asesores rurais de Galicia e de Alemaña efectuaron este ano un programa de colaboración

O obxectivo era coñecer métodos e técnicas que poidan ser intercambiables nun e outro lugar.

23/12/2023 10:41 a.m.

A USC e o Ministerio de Agricultura de Baviera colaboraron nun programa de intercambio de asesores rurais. Esta acción efectuouse durante este 2023 contando co apoio das institucións nomeadas. No seu caso, a USC interveu como Órgano Rexional de Certificación CECRA para a acreditación de Asesores Rurais en España.

Intercambiáronse catro asesores rurais por cada entidade. Esta acción permitiulles reflexionar sobre o seu propio traballo de asesoramento, coñecer os sistemas, métodos, medios, ferramentas útiles, ideas de proxectos, etc., que se aplican e desenvolven noutras rexións da UE e que puidesen ser transferidos á área e rexión de cada un.

Ademais, este intercambio era unha actividade formativa obrigatoria para que os asesores poidan obter o Certificado Europeo CECRA, que acredita as súas competencias como asesores rurais no ámbito europeo.

A delegación alemana que visitou Galicia en outubro conformábana Frank Trauzetel, director da Axencia de Agricultura de Landshut; Matthias Hillmeier, responsable da Coordinación do Asesoramento da Axencia Estatal de Agricultura de Passau e Katrin Patermann, responsable de formación de agricultores da FUEAK (Academia Estatal para o Liderado na Agricultura, Bosques e Agroalimentación en Baviera).

Os catro asesores galegos que se desprazaron a Baviera foron Antonio Bestard Roselló. Susana Trastoy Polo, Miguél Angel Francés López e María Elena Piñeiro Sotelo. O obxectivo deste intercambio era coñecer como se realiza o asesoramento rural noutra rexión europea, acompañar ao asesor anfitrión no seu traballo diario e coñecer a súa entidade e organización, visita a explotacións, participar en reunións de traballo e workshop final de estancia.

Intercambio na FUEAK

O desenvolvemento das actividades para os asesores galegos realizouse na Academia Estatal para liderado en Alimentación, Agricultura e Selvicultura (FUEAK) e no Centro de Formación Agrícola de Landshut Schönbrunn.

Esta entidade promoveu e favoreceu a realización deste intercambio. Trátase dunha Academia creada polo Ministerio de Agricultura, na o ano 1959, para a formación e capacitación dos asesores rurais públicos de Baviera e a formación dos docentes e profesores de agricultura; co transcorrer do tempo, converteuse nun centro de servizos integral, ao servizo do Ministerio de Agricultura de Baviera, pero tamén ao doutras administracións.

Etiquetado
Ir a la portada