A Asociación de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL) recomenda no seu aviso fitosanitario deste venres de que xa comezou a primeira xeneración do verme da mazá (C. pomonella) polo que é necesario realizar un tratamento.
Recomendacións:
En maceiras de sidra en floración, debemos respectar esta época sen tratamentos a fin de protexer a actividade das abellas e demáis insectos polinizadores.
Nas variedades nas que xa estamos en fase de caída de pétalos (estados H-I), debemos dar unha aplicación dun funxicida sistémico (curativo), xunto co que aplicaremos un insecticida se atopamos gromos afectados por pulgóns, tanto verde como cincento.
É preciso recalcar, que debemos ter en conta a duración da efectividade do producto usado, segundo actuemos en agricultura convencional, integrada ou ecolóxica, xa que o tempo que debe transcorrer entre tratamentos é distinto. Podendo suceder que un tratamento nunha semana cubra a súa efectividade durante dúas máis.
Así en agricultura convencional e integrada, en xeral, os insecticidas usados teñen una duración da efectividade entre 15/21 días mentres que en agricultura ecolóxica é de 7/10 días (virus da granulopse da carpocapsa).
Especial atención ás comarcas de A Estrada (Pontevedra) e Chantada (Lugo) xa que prevemos un ataque da primeira xeneración nos vindeiros días ( A Estrada entre o 23-24 de maio e Chantada os días 27-28 de maio.), polo que debemos aplicar un tratamento cun insecticida-larvicida.
Recoméndase alternar as materias activas usadas para evitar problemas de resistencia.
Recomendacións dos técnicos de AFRUGAL de insecticidas contra o verme da mazá:
Produción Integrada:
-Clorantraniliprol (ovicida + larvicida)
-Fenoxicarb (ovicida + larvicida)
Agricultura Ecolóxica:
-Bacillus thuringiensis
-Spinosad
-Virus da granulopse da carpocapsa
Observacións:
Dúas variables meteorolóxicas, a temperatura e a humidade, marcan de maneira moi destacada a evolución dos parásitos que afectan á fruticultura.
Nos últimos anos, están a darse temperaturas máis altas durante os meses de primavera e verán (este ano é un claro exemplo). Como consecuencia desto, prolongaron a súa actividade en varias semanas, o que provoca un aumento no número de xeneración e na intensidade dos danos.
Horas de frío:
As xemas, para sair do repouso necesitan unha cantidade específica de frío invernal que restaure a capacidade da xema para hincharse e medrar. Temperaturas por debaixo de 7ºC son as efectivas.
Polo tanto, a duración media de repouso dunha determinade especie denomínase “necesidades de frío”.
Este ano non acadamos a cantidade necesaria de horas-frío, polo que os síntomas que imos atopar serán: floración escalonada, perda de xemas, e polo tanto, disminución da colleita.
Este desaxuste na floración provoca dificultade na polinización e que os froitos sexan de tamaño máis pequeno.