As aldeas modelo poderán xestionar as comunidades enerxéticas

Farase mediante solución innovadora e integral

As aldeas modelo poderán xestionar as comunidades enerxéticas

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural, Inés Santé, participou hoxe nunha xornada informativa sobre a contratación do servizo de desenvolvemento e implantación dunha solución innovadora e integral para a xestión das comunidades enerxéticas nas aldeas modelo, promovida por dita Axencia na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Nesta xornada tamén estivo presente o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación, Pablo Fernández Vila.

O contrato que se presenta forma parte do proxecto de Compra Pública de Innovación denominado “Aldeas intelixentes: solucións de futuro para aldeas sostibles”. O documento descritivo deste contrato está publicado na plataforma de Contratos Públicos de Galicia, conta cunha primeira licitación dotada cun orzamento de case 1,2 millóns de euros de fondos propios.

Este evento serviu para abordar os elementos esenciais do procedemento de contratación co fin de ofrecer unha visión detalla e clarificadora do mesmo. O obxecto do contrato é o deseño dun modelo de comunidade enerxética aplicable a calquera aldea.

Este prototipo levarase a cabo como un proxecto piloto en varias aldeas modelo, coa pretensión de ofrecerlles un modelo enerxético innovador e integral. Isto fundamentarase no uso de enerxías renovables e dará prioridade ao aproveitamento da biomasa e os residuos da actividade agraria, co fin de potenciar a autosuficiencia enerxética e utilizar as sinerxías coas comunidades de montes veciñais e cos produtores agrogandeiros.

Este sistema enerxético deberá conformar unha garantía de subministro enerxético e unha redución de custes co fin de atraer novos residentes e actividade económica á aldea, grazas a aparición de novos negocios e aos fomento do turismo.

O contrato que se presentou na xornada correspóndese coa fase de deseño, na que se desenvolverá unha solución innovadora que incluirá un modelo técnico, tecnolóxico e xurídico de comunidade enerxética local adaptada á realidade das aldeas galegas. Nun posterior contrato, correspondente á fase de piloto, aplicarase en varias aldeas modelo.

Axudas para as comunidades enerxéticas

A xornada tamén serviu para informar, no marco do compromiso co cumprimento dos obxectivos de descarbonización, de que ademais de iniciativas como a presentada na xornada, a Administración autonómica tamén conta con mecanismos que facilitan a constitución de comunidades enerxéticas, como por exemplo a convocatoria de axudas destinada á planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, que conta cun orzamento de 800.000 euros.

Nesta convocatoria, aberta ata o 15 de maio ou o esgotamento do crédito, cóbrense os custos, cunha intensidade de axudas do 80% e un máximo de 15.000 euros, da contratación dos servizos de asistencia para definir as infraestruturas enerxéticas necesarias, así como a elaboración ou ampliación de estatutos, pois tamén se poden presentar solicitudes previas á constitución destes entes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información