Desenvolvemento rural

Aberto o prazo de inscrición para a III edición do programa de incubación de proxectos de emprendemento, RR_dTerritorio

Organizado pola Fundación Roberto Rivas, a iniciativa busca mozas con espírito emprendedor e comprometidos co territorio que queiran lanzar unha empresa innovadora no interior de Galicia, axudándolles a desenvolver unha idea viable de negocio

Campo Galego 11/04/2023 7:39 a.m.

A Fundación Roberto Rivas acaba de abrir o prazo de inscrición para a III edición do programa RR_dTerritorio, unha iniciativa de incubación de proxectos de emprendemento con enfoque social e innovador para transformar o interior de Galicia.

Para participar no programa é necesario inscribirse a través da páxina web www.rrdterritorio.com, que estará aberta desde o día 10 de abril ata o día 10 de maio ás 00.00 horas, ambos os incluídos, período durante o cal se poderán presentar as candidaturas.

O programa desenvólvese de maio a setembro e consta de 260 horas de formación en liña con visitas e actividades presenciais

A convocatoria está aberta a calquera persoa que estea a pensar en emprender en Galicia, agora ou no futuro, e queira formarse para facelo. En particular, o programa enfócase a persoas mozas e que se atopen en comarcas do interior de Galicia, de modo que as candidaturas priorizaranse en función deste e outros criterios establecidos nas bases.

Contido formativo

O programa ten unha duración total de 260 horas, repartidas entre os meses de maio a setembro de 2023, nun formato en liña complementado con algunhas actividades presenciais. A formación iniciarase o luns 22 de maio de 2023 e as persoas participantes aprenderán de forma 100% aplicada, incluíndo as seguintes temáticas:

Ademais, o apoio e acompañamento personalizado estruturarase a través de mentorías en liña a cargo do equipo de formadores, tanto individuais como de equipo.

O programa contará tamén con visitas a empresas e a outros axentes, co obxectivo de coñecer casos inspiradores e innovadores, así como para detectar as principais necesidades e recursos que hai no territorio e que poden ser de utilidade para emprender.

Rede Eusumo

As actividades presenciais terán como referencia o espazo da Fundación Roberto Rivas denominado “A Moda” Rural Lab, en Silleda, e incluirán encontros de traballo xunto con outros destinados ao lecer e a comunidade.

O programa RR_dTerritorio forma parte da Rede Eusumo de colaboración impulsada pola Xunta

Na súa terceira edición o programa ofrece a oportunidade de formarse e capacitarse para emprender, a través do deseño e desenvolvemento de cinco ideas de negocio viables, innovadoras e sostibles, partindo das oportunidades detectadas no territorio e elixidas conxuntamente as persoas participantes.

Nas edicións anteriores deste programa participaron xa máis de 30 persoas, que desenvolveron proxectos de emprendemento en sectores tan diversos como a biotecnoloxía, o uso de drons, a cosmética baseada en produtos locais, os licores e produtos artesanais, a agricultura ecolóxica, o turismo sostible e os servizos persoais no territorio.

Etiquetado
Ir a la portada