Abertas as axudas ‘Vive o rural’, da Deputación de Pontevedra, para centros escolares

As axudas van dirixidas a financiar visitas dos estudantes a granxas escola da provincia

Abertas as axudas ‘Vive o rural’, da Deputación de Pontevedra, para centros escolares

As iniciativas de educación agraria desenvólvense xa noutras provincias, como Lugo. / Arquivo.

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 15 de abril, o prazo para solicitar as axudas do novo programa “Vive o rural”, que permitirá aos centros escolares realizar visitas de educación ambiental ás granxas escola da provincia. O programa, impulsado polo servizo de Xuventude e cun orzamento de 30.000 euros, busca servir de apoio ao labor educativo que se desenvolve nos centros de ensino e fomentar entre os rapaces a curiosidade natural e o respecto pola cultura e o medio.

“Vive o rural” está dirixido aos centros públicos de educación infantil, primaria e secundaria dos concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes, así como ás Asociacións de Nais e Pais (ANPAS) destes centros educativos, que recibirán unha subvención máxima 1.350 euros (25 euros por alumno) para que poidan organizar visitas de educación ambiental ás granxas escola da provincia (Serantellos, en Cambados; Fervenzaventura, en Silleda; Kiriko, en Fornelos de Montes; Corazón de Carballo, en Tomiño, ou Río Mouro, en Poio). As visitas consistirán en pasar un día realizando distintas actividades de toma de contacto cos animais, labores da horta, obradoiros educativos, xogos ou calquera outra actividades de natureza análoga. As axudas poderán destinarse a financiar o custo da entrada ás granxas escola, así como aos gastos de desprazamento de ida e volta entre o centro educativo e o espazo escollido.

O programa ten como finalidade ofrecerlles ás rapazas e rapaces a oportunidade de realizar actividades alternativas e de calidade para o seu lecer e tempo libre, así como para coñecer e descubrir lugares da súa contorna xeográfica, achegarse á realidade das actividades agrícolas e gandeiras, e adquirir coñecementos prácticos sobre a produción local, as características dos cultivos presentes na contorna, a vida dos animais que nela habitan, o coidado do medio natural e a valorización do sector primario, poñendo sempre en valor o mantemento da biodiversidade do territorio e da paisaxe e da tradición agraria como elemento de identidade da cultura da provincia de Pontevedra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información