A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“A maquinaria do sector forestal en Galicia foise renovando moito nestes últimos 5 anos”

Manuel Portas pasou por diferentes postos nun mesmo sector, desde maquinista a empresario, ata chegar a comercial. Na actualidade, traballa con Forest Pioneer para achegar as ferramentas de traballo máis rendibles ás empresas forestais

A mecanización do sector forestal está xerando cada vez máis necesidades, unha cuestión que vai de man da busca dun maior rendemento e dunha maior produtividade por parte das empresas. Por este motivo, “Forest Pioneer traballa con varias marcas, como Logset ou Timberpro, para ofrecerlle unhas ferramentas de traballo ao cliente que se adapten ás necesidades da súa empresa”, sinala Manuel Portas, comercial de Forest Pioneer.

Manuel Portas non comezou o seu camiño no sector forestal como comercial, senón que foi creando unha empresa de explotación forestal, primeiramente cunha procesadora, e despois agregando un autocargador; unha cuestión que lle permitiu ter “moi clara a mecanización do sector forestal”, detalla. Deste xeito, a experiencia como traballador neste eido é o que máis lle aporta nestes momentos porque “pode entender ao cliente desde varias perspectivas”, comenta.

O mercado está avanzando na mecanización forestal cada vez máis. As necesidades medioambientais están presionando aos fabricantes do sector para ter máquinas máis sostibles e con menor impacto, e pola súa banda, as empresas demandan ferramentas de traballo fiables e que teñan un bo rendemento. Ao respecto, Manuel Portas afirma que “xa se move moito a maquinaria híbrida”, pero así mesmo aporta que “xa non vale calquera máquina, senón que ten que ser una máquina fiable, unha máquina que sexa constante no traballo”.

“Xa non vale calquera máquina, senón que ten que ser una máquina fiable, unha máquina que sexa constante no traballo” (Manuel Portas)

O caso galego non é diferente. Desde fai uns anos cara aquí percibiuse certa evolución, tanto pola mecanización como pola renovación da maquinaria. “Para min o mercado galego xa leva uns anos co tema da mecanización, e tal vez agora poidamos tamén dicir, que fai cuestión de 5 anos, esa mecanización si que se foi renovando. Anteriormente había en Galicia un parque de maquinaria usado, tal vez moi vello, e si que nestes últimos tempos, se está substituíndo por un novo”, sinala Portas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *