A xunta xeral de accionistas de Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), a firma asturiana propietaria das marcas Central Lechera Asturiana (Clas) e Larsa, aprobou as contas correspondentes ó ano 2017, no que a compañía logrou un beneficio neto de 15,2 millóns de euros, o que supón un 11,7% máis que no exercicio anterior, segundo a nota de prensa remitida onte por Capsa.
A cifra de negocio da sociedade no último ano foi de 695 millóns de euros, cun incremento do 7,7% (50 millóns de euros). Capsa considera que a posta en marcha do Plan Estratéxico 2013-2019 foi clave na evolución que presenta a compañía. A corporación lembra que no 2012 sufriu un déficit dun millón de euros, que nos seguintes anos se transformou nunha liña crecente de beneficios. “Factores como o incremento das vendas e unha xestión eficiente, con optimización de custos e diversificación de negocio e mercados, foron fundamentais para explicar este crecemento”, valora Capsa.
Durante o 2017, Capsa recolleu 914,6 millóns de litros de leite, o que representa un aumento do 2%, e mantén en España unha cota de mercado en leite líquido do 13,2%, en tanto que en nata está no 12,5% e en manteiga no 21,3%. As vendas internacionais de Capsa representan un volume de negocio de 50 millóns de euros -un 7% das súas cifras de negocio-, estando presente en países como Guinea Bissau, Qatar, México, Chile ou Panamá. A empresa tamén mantén unha sección de negocio de ingredientes industriais, Innova Food Ingredients, que medrou un 25% en relación a 2016.