5611 ganderías de vacún de carne de Galicia recibirán de media 1400 euros de axudas pola Covid 19

5611 ganderías de vacún de carne de Galicia recibirán de media 1400 euros de axudas pola Covid 19

A Xunta resolverá antes de final de ano as case 6.000 solicitudes recibidas para as axudas directas aos sectores agroalimentarios máis afectados pola covid-19. A meirande parte das solicitudes de achegas, un total de 5.611, corresponden ao sector bovino, que recibirá unha media de 1.400 euros por explotación.

Así o recolle o informe analizado este xoves polo Consello da Xunta, onde se dá conta dos 18 millóns de euros en achegas convocadas para axudar aos produtores de planta ornamental, flor cortada, vacún de carne e viño, dando cumprimento ao Plan de reactivación e dinamización da Consellería do Medio Rural fronte aos efectos da covid-19.

A maiores, en 2021 prevese convocar outros seis millóns no marco do instrumento financeiro para as industrias agroalimentarias, no caso de que sexa preciso pola situación do coronavirus.

Así, este luns 30 de novembro vén de rematar o prazo para solicitar as axudas directas concibidas para os sectores da planta ornamental, da flor cortada e do vacún de carne. Ao abeiro desta convocatoria, a Xunta repartirá un total de 12 millóns de euros, tres para os produtores de planta e flor e nove para os do sector bovino. A meirande parte das solicitudes recibidas, un total de 5.611, correspóndense con explotacións de carne, mentres 133 proceden dos produtores de flor e planta. O Goberno galego anuncia que terá resoltas todas estas solicitudes antes de final de ano -en apenas dous meses desde a súa convocatoria o 29 de outubro- co obxectivo de axilizar os pagamentos o máximo posible.

Mentres, poden solicitarse aínda -ata o 21 deste mes de decembro- os chamados préstamos vendima, para os que a Xunta habilita seis millóns de euros co obxectivo de garantir que as bodegas poidan mercar toda a uva desta campaña a prezos de mercado. A Consellería do Medio Rural prevé mobilizar ata 37,5 millóns de euros ao abeiro destes empréstitos na presente convocatoria, aos que habería que sumar outros 37,5 millóns mobilizados o ano vindeiro, de convocarse unha nova orde de axudas doutros seis millóns de euros no caso de que fose preciso pola evolución do coronavirus. Neste caso, a Xunta financia a garantía co fin de cubrir posibles impagos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información