A Xunta lidera o proxecto europeo para reducir o impacto do cambio climático en áreas rurais sensibles ao abandono

O proxecto Down to Earth ten como socio principal a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural xunto con outros seis países europeos.

A Xunta lidera o proxecto europeo para reducir o impacto do cambio climático en áreas rurais sensibles ao abandono

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe na segunda reunión de stakeholders -grupos de interese- galegos que forman parte do proxecto europeo Down to Earth, do que a axencia é o socio líder. Esta iniciativa, na que están presentes entidades públicas e privadas de Eslovenia, Italia, Alemaña, Grecia, Países Baixos e Romanía, busca xestionar os problemas ambientais vencellados ao cambio climático en áreas rurais especialmente sensibles ao reto demográfico.

As distintas entidades que participan, contan con competencias e responsabilidades, tanto directas como indirectas, sobre as cuestións nas que traballan. A procura de solucións para reducir o risco e o impacto das catástrofes medioambientais no rural despoboado e atraer poboación a aquel que estea ameazado por ditos desastres, son os seus obxectivos.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aposta firmemente por este proxecto e é a entidade que máis aporta, cun investimento superior aos 250.000 euros procedentes nun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Ademais, mantén o seu compromiso de coordinar as transferencias de información e coñecemento entre os socios que constitúen o eixo central do proxecto.

Nos grupos de interese galegos, para os que se destinou a reunión de hoxe, atópanse as universidades de A Coruña, Santiago e Vigo; a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, diferentes direccións xerais da Consellería do Medio Rural e de Política Social e Xuventude; e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Na xornada abordáronse os resultados do estudo da visita a Campobasso (Italia), presentouse o informe rexional sobre riscos medioambientais, despoboamento e rural galego, e rematouse cunha sesión interactiva entre todos os participantes.

Tres liñas de actuación

Down to Earth dispón de varias temáticas de traballo que teñen en conta a realidade de cada un dos territorios implicado. A primeira son os riscos ambientais vencellados ao despoboamento e ao envellecemento da poboación nas áreas rurais. A segunda, as barreiras de acceso ao rural despoboado e envellecido para a xente nova que quere incorporarse ao sector primario. Por último, traballan nos instrumentos para fortalecer o papel dos actores de dito sector na loita contra o cambio climático e a prevención dos riscos ambientais nas áreas rurais.

Para levalas a cabo, as sesións de traballo inclúen visitas de campo ou talleres dixitais e tamén a elaboración de informes territoriais sistemáticos e conclusións operativas para a toma de decisións sobre o terreo. En definitiva, este proxecto europeo permitirá amosar as posibilidades e potencialidades das aldeas modelo, das que Galicia conta con 21 aprobadas a través da Lei de recuperación de terra agraria, e do proxecto Aldeas intelixentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información