Unións Agrarias presenta a web do proxecto Enerxigando de mellora na eficiencia eléctrica e aforro de gasto das explotacións galegas. A web albergará nun futuro unha plataforma de autodiagnose para as granxas. Dende esta plataforma, os gandeiros poderán obter informes detallados sobre medidas e solucións en optimización enerxética e enerxías renovables.
A través do rexistro dunha serie de datos, a plataforma prescribirá solucións adaptadas ao tamaño, tipoloxía de procesos e pautas de funcionamento de cada explotación.
A plataforma estrutúrase en dúas seccións, sendo a primeira un bloque de diagnostico enerxético e a segunda unha sección de calculadoras. No primeiro bloque, os gandeiros poderán obter informes de diagnóstico relacionados con diversos aspectos enerxéticos tales como iluminación, instalación de enerxías renovables, produción de auga quente sanitaria (AQS), climatización ou facturación eléctrica, entre outros. Na segunda sección terán a posibilidade de realizar cálculos específicos relacionados coa iluminación ou a maquinaria agrícola. Este último apartado inclúe tamén unha sección de optimización de potencia e un comparador de tarifas, ambos de gran utilidade para o gandeiro.
A plataforma, aínda que inicialmente está centrada en explotacións de vacún de leite, incorpora seccións xenéricas aplicables a outros tipos de explotacións gandeiras en intensivo e poderá consultarse na sección do proxecto na web de Unións Agrarias-UPA.
A aplicación desta ferramenta foi pensada para impulsar a modernización das explotacións gandeiras tradicionais de vacún de leite, transformándoas en modelos máis eficaces. Esta mudanza non só fomentará a sustentabilidade do sector, senón que tamén contribuirá positivamente á preservación do medio ambiente, desempeñando un papel clave na loita contra o cambio climático. Isto é posible grazas ao aproveitamento do potencial das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), as cales promoven a eficiencia enerxética, a produción sostible e a diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro no ámbito gandeiro.