A Central Agropecuaria de Galicia Abanca, celebrada en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha suba xeral dos prezos medios dos tenreiros de recría, tanto de raza frisoa como de cruces industriais, así como no vacún maior e en boa parte das categorías dos becerros carniceiros. Mentres, as mesas de cotizacións do porcino acordaron unha baixada para os leitóns e os porcos cebados mantéñense sen cambios. No mercado do ovo houbo unha suba nos ovos de maior tamaño e unha redución do prezo nos da clase M.
Facemos un repaso polos prezos medios das diferentes seccións e categorías do gando vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da semana pasada rexistradas nas distintas categorías para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Nos prezos da recría con respecto da semana anterior, aprécianse subas xerais. Nos becerros frisóns, os animais máis novos, os de menos de 20 días cotizáronse de media a 140 euros, o que supón unha suba de 5 euros con respecto da semana anterior. Nos animais de entre 20 e 50 días, o prezo medio situouse nos 161 euros, é dicir, 5 euros máis. No caso dos becerros de máis de 50 días houbo un aumento de 6 euros e o prezo medio queda nos 186 euros.
Os becerros de recría de cruces industriais experimentaron a mesma tendencia. Nos tenreiros máis novos, os de menos de 20 días, o prezo medio foi de 287 euros, o que supón unha suba de 32 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, un incremento de 42 euros deixou un prezo medio de 330 euros. Nos becerros de máis de 50 días, o prezo medio situouse nos 472 euros, logo dun aumento de 4 euros.
En canto ó prezo por razas dos becerros carniceiros, os tenreiros frisóns cotizáronse de media a 762 euros, o que deixa unha suba de 94 euros con respecto do prezo medio da semana anterior. Os becerros de cruces industriais cotizáronse a 898 euros. Foi unha das seccións nas que se apreciou unha baixada do prezo medio, neste caso de 55 euros. Porén, nas femias, o prezo medio foi de 795 euros, o que amosa un incremento mínimo de 5 euros con respecto do valor medio da semana anterior. Nos machos de Rubia Galega, o prezo medio está nos 1.236 euros, ó experimentar un aumento de 217 euros. Nas femias, a cotización media sitúase nos 1.034 euros, 77 euros máis. Nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema o prezo medio foi de 1.018 euros, cunha suba de 56 euros.
No vacún maior apreciáronse subas en tódalas seccións. Nas vacas da extra, o prezo medio foi de 2.134 euros, o que amosa un incremento de 181 euros con respecto da semana anterior. Nas vacas de primeira, o prezo medio estivo nos 1.165 euros, o que supón unha subida de 3 euros. Tamén as vacas de segunda amosaron un incremento, neste caso de 13 euros, e pasan a cotizarse a 779 euros. Nas vacas de desfeito o prezo medio estivo nos 479 euros, cun aumento de 8 euros. No gando comercializado baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 1.965 euros, cunha baixada de 263 euros con respecto da semana pasada.
Novas baixadas dos prezos dos leitóns
Este martes, a mesa de cotizacións do porcino acordou unha nova baixada dos prezos dos leitóns, mentres o porco cebado se mantén sen cambios. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,565 e 1,540 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2 euros o quilo e os animais de descarte cotízanse entre os 0,67 e os 0,73 euros o quilo.
Os leitóns acusaron unha baixada de 3 euros. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 51 euros (cun prezo de 2,55 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 46 euros e teñen un prezo por quilo de 2,3 euros.
Esta semana houbo variacións nalgunhas seccións do mercado do ovo. Os ovos da XL acusaron unha suba de 0,05 euros e acadan os 2,20 euros a ducia. Mentres, os da M reduciron en 0,03 euros o seu valor e sitúanse en 1,71 euros. Os ovos da clase L e S mantéñense sen cambios e cotízanse a 1,94 e 1,51 euros a ducia, respectivamente. As galiñas de descarte semipesadas, que se atopan entre os 2,1 e os 2,2 quilos, están a cotizarse entre os 0,30 e os 0,37 euros por quilo.
Non vexo nada claro o precio dos veceros porque na Mila zona depende do peso e aquí polen precio sin peso sería ben precio kg e non unidade