As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia caracterizáronse, con excepcións, pola suba xeral dos tenreiros de recría, tanto os de Frisona como os de Cruce Industrial. O vacún maior mantivo os seus prezos con lixeiras oscilacións.
Deste xeito, nos becerros de Frisoa, os machos de menos de 20 días pagáronse a unha media de 113 euros, fronte aos 105 do pasado martes. Con todo, a cifra representativa é a dos de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, onde a media foi de 147 euros por xato, fronte aos 140 da semana pasada. Pola contra, nos tenreiros de máis de 51 días houbo unha pequena baixada: 163 euros de media por animal fronte aos 166 do pasado martes.
Nos becerros de recría de Cruzamento industrial a tendencia xeral tamén foi á alza, aínda que con excepcións, como nos de menos de 20 días, que tiveron uns prezos medios de 279 euros de media por animal fronte aos 287 da pasada semana. Pola contra, na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos foi de 320 euros, fronte aos 279 do pasado martes, mentres que nas femias houbo un pequeno descenso: 244 euros de media, fronte aos 246 da pasada semana. E nos xatos de máis de 51 días houbo suba das cotizacións: 390 euros fronte aos 388 da anterior sesión.
No vacún maior a tendencia xeral foi a unha lixeira baixada. Deste xeito, quedaron en 1.065 euros de media en categoría primeira, 710 en segunda -a máis numerosa- e 441 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.111, 709 e 450 euros, respectivamente.
As cotizacións quedaron da seguinte maneira:
Ovos á baixa
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse unha nova baixa nas cotizacións, excepto na categoría XL que quedou en 1,17 euros a ducia. Pola contra, as demais categorías baixaron un 0,02%, quedando a L nos 1,02 euros, a M nos 0,97 e a S nos 0,85 euros a ducia.
Nos coellos, en Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, mantívose sen cambios nos 1,40 €/quilo
.
Suba do porco cebado
En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou unha semana máis subir os prezos un 0,01% para as categorías Selecta e Normal, que quedaron nos 0,985 e 0,960 euros por quilo, respectivamente. A Canle II tamén subiu, un 0,013% ata 1,247 euros por quilo.
En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, esta semana os prezos subiron un 0,04% ata os 1,32 euros o quilo, unha tendencia alcista que se reproduciu nos principais mercados europeos.
En canto aos leitóns acordouse manter os prezos. Deste xeito quedaron nos 31 euros os procedentes de varias explotacións e nos 36 euros os procedentes dunha única explotación.
Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira: