Sobe o gando vacún e os leitóns en Silleda

Nas mesas de prezos acordouse manter os prezos do porco cebado e subir o dos leitóns e o dos ovos. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 27 de setembro

Sobe o gando vacún e os leitóns en Silleda

As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia /Abanca caracterizáronse pola suba dos prezos dos becerros de recría e tamén por un lixeiro repunte no vacún maior. Nas mesas de prezos acordouse subir os prezos dos ovos e dos leitóns, mentres que os do porcino cebado permaneceron sen cambios.

Nos becerros de recría de raza Frisona a tendencia foi á alza. Así, os de menos de 20 días, pagáronse a unha media de 96 euros, fronte aos 92 da pasada semana. Con todo, a cifra representativa é a dos de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, onde a media foi de 126 euros por xato, cunha importante suba con respecto aos 108 euros de media do pasado martes. Nos tenreiros de máis de 51 días os prezos permaneceron prácticamente sen cambios: unha media de 149 euros, fronte aos 148 euros da semana anterior.

Nos becerros de Cruzamento industrial as oscilacións nos prezos foron tamén en positivo. A excepción foi a categoría de menos de 20 días, onde as cotizacións medias baixaron ata situarse nos 234 euros, fronte aos 253 da pasada semana. Na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos subiu ata os 305 euros, oito máis que na última poxa. Nas femias, tamén houbo unha lixeira suba: 215 euros de media, un máis que o pasado martes. Pola contra, nos xatos de máis de 51 días, o prezo medio subiu de forma máis clara ata os 371 euros, fronte aos 331 euros de media da pasada semana.

E se analizamos o vacún maior, a tendencia xeral foi dunha unha lixeira suba. Deste xeito, quedaron en 1.090 euros de media en categoría primeira, 712 en segunda -a máis numerosa- e 389 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.083 , 709 e 430 euros, respectivamente.

As cotizacións quedaron da seguinte maneira:

silleda_cotizacions_vacun_setembro_2_16

Ovos e coello sen cambios

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse manter os prezos da pasa semana: 0,95 euros a ducia na categoría S; 1,14 euros a M; 1,23 a ducia da categoría L e 1,36 euros a XL.

Nos coellos, en Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, acordouse manter os prezos sen cambios nos 1,55 euros o kilo.

Suba dos leitóns e estabilidade do porco cebado

En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou tamén manter os prezos da semana pasada. Deste xeito, as categorías Selecta e Normal quedaron nos 1,365 e 1,340 euros por quilo, respectivamente; a Canle II situouse nos 1,740 euros por quilo, e na categoría de desvelle o intervalo de prezos quedou entre 0,77 e 0,83 euros o quilo. En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, os prezos tamén permaneceron sen cambios esta semana.

En canto aos leitóns, acordouse tras varias semanas sen cambios ou á baixa, subir as cotizacións un 2%. Deste xeito quedaron nos 33 euros os procedentes de varias explotacións e nos 38 euros os procedentes dunha única explotación.

Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira:

silleda_cotizacions_porcino_setembro_2_16

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información