A decisión da Xunta de crear unha Axencia da Industria Forestal, dependente da Consellería de Economía, é considerada un acerto tanto por Confemadera Galicia, a patronal das empresas do sector, como polo Cluster da Madeira. Ambas entidades consideran un acerto desligar a actividade industrial da política de loita contra incendios, xa que entenden que os lumes ocupaban recursos técnicos e económicos que facían descoidar outras áreas.
As empresas da madeira califican de “aspiración histórica” a creación da Axencia da Industria Forestal, anunciada tras o Consello da Xunta do pasado xoves. Confemadera lembra que na comunidade hai arredor de 3.000 empresas da madeira, polo que a posta en marcha da Axencia interprétase como unha “oportunidade para mellorar a competitividade do sector”.
Xunta directiva do Cluster
O Cluster da Madeira celebrou estes días unha reunión da súa xunta directiva en Vilalba (Lugo), un enclave escollido con motivo do recente incendio de Maderas Goiriz, empresa á que o Cluster quixo transmitir o seu apoio.
Participaron no encontro o presidente da patronal nacional Unemadera, José Carballo (Finsa), o presidente da Asociación de Empresas Forestais de Lugo, Daniel Díaz Villapol; o presidente da Federación de Carpintería e Ebanistería de Galicia, Ángel Hermida, así como representantes da gran industria, como Ence, Grupo Losán ou Finsa.