A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“O maior potencial deste país é a xente do rural”

Entrevista a Mónica Freire Rancaño, deputada responsable de Medio Rural da Deputación de Lugo

“O maior potencial deste país é a xente do rural”

Mónica Freire sentada no seu despacho na área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo

Mónica Freire Rancaño (A Pontenova -Lugo) é responsable Provincial de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, en representación do BNG no goberno de coalición.

Enxeñeira Agrónoma de formación, cun máster en Xestión e Dirección de Cooperativas e Empresas Agroalimentarias, é funcionaria de carreira da Consellería de Medio Rural dende o ano 2015.

Ten máis de dez anos de experiencia laboral, e desenvolveu a súa carreira profesional no ámbito da xestión de fondos europeos (foi xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais entre os anos 2009 e 2015) e da formación e transferencia tecnolóxica agraria (no CFEA Pedro Murias de Ribadeo).

¿Cales son os obxectivos que te marcas para a Área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo?
Dende o primeiro día de traballo fixeime como obxectivo de poder levar a cabo iniciativas reais, tanxibles e eficaces de desenvolvemento rural nas que o fin último é a fixación de poboación no rural.

Isto que escoitamos tantas veces e que semella tan doado de escribir, e que na práctica é tan complexo de desenvolver, é o que me motiva a min e ao meu equipo na Deputación de Lugo como liña estratéxica prioritaria na acción de goberno nacionalista.

“O noso obxectivo é axudar á fixación de poboación no rural”

As miñas raíces están no mundo rural e son consciente que o rural só logrará sobrevivir e perdurará como sistema vivo se acadamos proporcionar as condicións necesarias para que as persoas que queiran emprender nel, o poidan lograr dun xeito que lles proporcione un modo de vida digno e sostible no tempo, tanto dende un punto de vista social, como económico e medio ambiental.

¿Cales consideras que son os principais obstáculos para o desenvolvemento rural en Galicia?
O maior potencial deste país é a xente do rural. Temos que evitar que o rural esmoreza, senón Galiza perderá a súa identidade cultural como pobo. E para iso, a premisa fundamental e transversal no deseño desas iniciativas políticas é a ordenación do territorio, todo pasa por ahí, e nace daí.

Isto evidentemente ten que ir acompañado de cambios na lexislación que non depende de nós como Deputación de Lugo, como administración local que somos, o que nos obriga a traballar coas ferramentas das que dispoñemos no contexto actual.

 “En Galicia é imprescindible a ordenación do territorio”

Esta situación condiciónanos en moitos aspectos e somos conscientes que acadar eses obxectivos ambiciosos non é posible dende o marco competencial da Deputación, cos recursos limitados que dispoñemos na nosa área de goberno. Porén, non podemos caer no desalento, e que nos arrastre cara un inmobilismo na acción política.

Nesta lexislatura, o que pretendemos dende a Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo é sumar e aportar en positivo pequenas ideas e programas de actuación, que poidan ter un impacto exponencial sobre o territorio.

“Nos últimos 30 anos Galiza perdeu o 25% da súa superficie agraria útil, que pasou a un uso forestal ou ao abandono”

Un exemplo é a superficie das explotacións que deixan a súa actividade e se perde, porque na maioría dos casos mudan cara un uso forestal ou simplemente quedan abandonadas. Temos que lembrar que nos últimos 30 anos Galiza perdeu o 25% da superficie agraria útil, o que supón un problema estrutural para as explotacións agrogandeiras, que xa de por sí son deficitarias en S.A.U. Coas ferramentas normativas que temos non se acada a mobilización efectiva destas terras. Para reverter esta tendencia, precisamos claramente por parte da Consellería de Medio Rural de políticas proactivas que favorezan ese cambio, como a necesidade dunha lei que ordene o uso das terras no noso país.

¿Que medidas concretas estades a poñer en marcha dende a Deputación de Lugo para fomentar a actividade agrogandeira na provincia?

Dende a Área de Medio Rural, do Mar e Mocidade fixamos 4 eixos programáticos para o noso rural, que debullaremos a través de diferentes programas de actuación:

1. Política Territorial: ordenación do territorio. Mantemento da superficie agraria útil e recuperación de zonas de monte abandonadas ou improdutivas. Fomento de labores de pastoreo, aproveitamento silvopastoril, desbroce ou xestión mixta sostible con sistemas agroforestais, onde se inclúan especies leñosas autóctonas. Apoio directo ás comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC).

2. Mellora do valor engadido das producións coa creación dunha plataforma de promoción e apoio aos pequenos/as agricultores/as e gandeiros/as locais que poidan ofrecer e comercializar os seus produtos agroalimentarios de calidade diferenciada e contrastada, directamente ao consumidor final con todas as garantías sanitarias, como punto de partida para xerar un valor engadido que asegure unha renda xusta e digna polo seu traballo. Esta medida converteuse en prioritaria despois da necesidade que nos trasladaron as diferentes asociacións de produtores agrarios e gandeiros trala crise provocada pola pandemia da Covid-19, fundamentalmente no sector da restauración e hostalaría, a través da canle horeca. Tamén incidiremos no fomento da diversificación produtiva con pequenas producións artesanais e/ou tradicionais que permiten xerar ingresos por rendas complementarias ao fronte das granxas, habitualmente de natureza familiar ou reducida dimensión produtiva.

“Crearemos unha plataforma de promoción e apoio aos pequenos/as agricultores/as e gandeiros/as locais”

3. Educación e concienciación: programa de dignificación e posta en valor do traballo dos/as nosos/as agricultores/as, con visitas guiadas da mocidade, para que poidan coñecer o papel fundamental que desempeñan os/as nosos agricultores/as e gandeiros/as no mantemento da biodiversidade, do territorio, da paisaxe e da tradición agraria como elemento identitario da nosa cultura. Temos que ser capaces de desterrar o estigma social da baixa autoestima que os/as propios/as labregos/as lle transmiten ás xeracións vindeiras.

4. Formación: Temos que poñer a disposición dos agricultores/as e gandeiros/as as ferramentas necesarias para a súa formación, como base fundamental e indispensable para a profesionalización de sectores estratéxicos como a gandaría extensiva (ovino e cabrún, vacún, cabalar, porcina, etc..). Para logralo estableceremos un plan de formación continua anual que se complemente e perfeccione a oferta de formación da propia consellería de Medio Rural, mediante unha especialización demandada polas propias asociación e agrupacións de produtores/as.

Son catro eixos, catro planos, que se entrecruzan entre si, co obxectivo de atopar sinerxias e mellorar a eficiencia no seu desenvolvemento e posta en marcha.

Unha das propostas con máis repercusión que lanzastes este ano foi o programa “O Que Non Arde”. ¿Que balance fas dos seus resultados?
Así comezamos este ano 2020 co programa “O Que Non Arde”, co que buscamos dar soporte a aqueles Concellos lucenses que están a cumprir coa lexislación de prevención dos lumes nos nosos montes.

Este programa pretende mitigar a orfandade na que sumiu a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia a todos os concellos galegos coa publicación da Instrución 1/2018 na que obriga ás entidades municipais a asumir as competencias de vixilancia sobre o cumprimento da Lei de incendios no ámbito das redes de faixas secundarias de xestión de biomasa; e ao mesmo tempo desenvolver esa laboura pedagóxica que moitas veces falla na idea de ordenación dos espazos agrarios fomentando a adquisición e semente de plántulas de especies arbóreas autóctonas (carballos, castiñeiros, bidueiros, árbores froiteiras, etc…).

Visita con Oliver Laxe a Vilela, aldea natal do cineasta, que apadriña o programa O Que Non Arde

Visita con Oliver Laxe a Vilela, aldea natal do cineasta, que apadriña o programa O Que Non Arde

Debido ao crecente interese e aceptación que o programa acadou entre os concellos da provincia de Lugo e que finalmente cristalizou na sinatura de 3 convenios interadministrativos de actuación nos concellos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro, temos previsto incorporar novas liñas de axudas dentro da II Edición “O Que Non Arde”, no vindeiro ano, que estarán orientadas á promoción de actividades silvopastorís nas C.M.V.M.C. con gandería extensiva que contribúan a reducir o risco de lumes pola elevada cantidade de biomasa existente nos nosos montes.

“En 2021 incorporaremos unha nova liña de axudas para promover actividades silvopastorís nos montes veciñais e así reducir o risco de incendios”

A provincia de Lugo lidera a produción leiteira en Galicia. ¿Que carencias detectades neste sector e como poderían intervir as distintas administracións?
Debemos ser capaces de entender a actual situación de crise no sector primario, pola pandemia da Covid, como unha oportunidade para mellorar e incidir sobre certos problemas endémicos do noso país. Non entendemos como dos fondos do Plan Europeo de Reconstrución Económica da U.E. “Next Generation”, só 700 millóns de € serán repartidos para o agro entres todos os PDRs das diferentes comunidades autónomas, mentres que os proxectos tractores da Xunta de Galicia para o noso rural, son cinco proxectos de índole forestal coa fabricación da fibra viscosa, como o proxecto estrela máis ambicioso.

“Non entendemos como a Xunta quere concentrar as axudas dos fondos europeos Next Generation en proxectos forestais, coa fábrica de viscosa como proxecto estrela”

É incomprensible que se discrimine ao sector do vacún de leite, tendo en conta que o sector lácteo galego é o que máis poboación activa directa ten empregada no noso rural. É un dos piares do sustento económico e demográfico e aporta o 1,7% do P.I.B. galego, se ben o impacto real na economía é moi superior debido as interrelacións con outras ramas de actividade económica.

Pese a que na actualidade Galiza produce o 40% de todo o leite do estado español, existen moitas problemáticas que seguen sen recibir solución dende a Consellería de Medio Rural: A dependencia das materias primas importadas dende os mercados internacionais, a volatilidade do prezo do leite, o escaso peso dos produtores na cadea alimentaria fronte á industria e a distribución, a falla de sucesión e relevo xeracional ao fronte das explotacións leiteiras, ou a debilidade estrutural e o reducido valor engadido das industrias lácteas, (…) non son motivos suficientes para que a Xunta presente proxectos estratéxicos que capten fondos europeos do plan de reconstrución e sirvan de pulo ao noso castigado e abandonado sector leiteiro.

¿Que outras eivas detectades noutros sectores produtivos do agro como a gandería de carne ou o sector forestal?
A gandaría extensiva en Galiza permitiu frear a perda de poboación en moitas zonas do interior e das montañas de Lugo e de Ourense, que doutro xeito quedarían abandonadas. A produción forestal tal e como está plantexada na actualidade non permite acadar as cifras de poboación activa nas actividades primarias de produción de carne e de leite, polo que debe entenderse como actividades complementarias á renda básica ou de diversificación e aproveitamento multifuncional dos montes galegos, pero priorizando a fixación e permanencia da poboación no rural.

 “É moi grave que a Xunta non teña un plan de futuro a medio e longo prazo para o agro galego”

Algo máis que queiras engadir?
Quixera transmitir a nosa preocupación porque dende a Xunta non se está incidindo na captación dos fondos consignados á liña do Reto Demográfico, dada a particularidade do noso territorio e a enorme dispersión xeográfica coa que contamos, practicamente coa metade dos núcleos de poboación de todo o estado español. É moi grave que a Xunta non teña un plan de futuro a medio e longo prazo para o agro galego, e a improvisación sexa a tónica dominante na Consellería de Medio Rural.

Visita a Pobra de Brollón para revisión da compra de maquinaria para a limpeza de zonas rurais no marco dun convenio interadministrativo

Visita a Pobra de Brollón para revisión da compra de maquinaria para a limpeza de zonas rurais no marco dun convenio interadministrativo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *