Novas alternativas para combater a varroa no apiario

O proxecto Varroaform proba 4 fórmulas experimentais e ecolóxicas contra este parasito. As propostas non xeran residuos no mel nin nos produtos da colmea e son inocuas para as abellas

Novas alternativas para combater a varroa no apiario

A detección da varroa no apiario é fundamental para atallar e controlar a expansión do parasito.

A varroase segue a ser unha das maiores preocupacións e problemáticas nos apiarios galegos, de aí a importancia de proxectos como o Varroaform, no que están a procurar novas alternativas ós tratamentos convencionais contra este parasito. A iniciativa, liderada pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e na que participan tamén a Universidade de Santiago e a Universidade das Palmas de Gran Canaria, xunto con varios apicultores, amosa xa algúns avances significativos.

“Tras este primeiro ano do proxecto, estamos obtendo resultados prometedores”, afirman os investigadores involucrados no proxecto. Nestes momentos están a probar 4 formulacións experimentais para comprobar a súa efectividade contra o parasito. Son produtos de orixe natural incorporados en sistemas e soportes biodegradables que procuran unha opción máis sostible para atallar a varroa na colmea.

As novas solucións naturais contra a varroa procuran reducir as perdas nos apiarios e beneficiar a outros sectores como o da froita, dependente da polinización das abellas

“O proxecto pretende reducir as perdas económicas sufridas polos apicultores debido á parasitación por este ácaro, á vez que procura beneficiar a sectores como a produción agrícola ou froiteira tan dependente da polinización”, explican.

Tratamentos naturais e inocuos

Ó longo destes primeiros meses do proxecto, o equipo da USC desenvolveu unha ampla variedade de prototipos dos que se seleccionaron as 4 propostas experimentais que están agora en fase de proba. Tódalas formulacións están elaboradas a base de distintos aceites esenciais que actúan como substancias activas con eficacia antivarroa. Todas as propostas foron elaboradas a partir de materiais biodegradables e non tóxicos, e moitos deles mesmo son de orixe natural ou de grao alimentario.

aplicacion pasta

A aplicación dunha destas novas fórmulas é en pasta, pero tamén contan con outras propostas como xeles, que sexan de fácil aplicación para o apicultor. // Foto Varroaform.

Cada un destes novos tratamentos ten certas variacións en canto á súa composición e a súa forma de aplicación. As distintas fórmulas preséntanse en diferentes formatos, dende microcápsulas, oleoxel, xeles con ciclodextrina e pastas. “Procuramos que tódolos prototipos de tratamentos se poidan aplicar polo apicultor de forma fácil e sinxela”, inciden.

Estas formulacións, unha vez aplicadas, deben liberar dunha forma eficiente e continuada o aceite esencial durante todo o ciclo de vida do parasito, que neste caso é de aproximadamente un mes, e sen xerar toxicidade para as abellas. “Calquera tipo de medicamento precisa dunha formulación na que vaia incorporado e que axuda a cumprir tanto a función antivarroa para a que está pensado como a aplicación na colmea”, explican os investigadores.

Sen residuos

Outra das vantaxes que presentan estes posibles tratamentos de orixe botánica é que non deixan residuos nos produtos procedentes da colmea. Optaron por estes principios naturais para evitar así algúns dos problemas derivados do emprego de acaricidas sintéticos como é a aparición de resistencia ou os efectos tóxicos que poden presentar en abellas e sobre todo a acumulación de residuos deste tipo de compostos que se pode xerar nos produtos obtidos da colmea, dende o propio mel, a cera ou o propoleo.

O uso destes tratamentos naturais e que non deixan residuos aporta maior valor engadido ó mel e abre novas oportunidades de mercado

“Ó ser un tratamento natural e non tóxico tamén se busca minimizar ou eliminar a presenza de residuos no mel e noutros produtos derivados da colmea outorgándolle un maior valor engadido”, detallan os promotores de Varroaform.

A eficacia no apiario

As novas fórmulas están a ser avaliadas inicialmente tanto en laboratorios como nos apiarios experimentais da Universidade das Palmas de Gran Canaria (ULPGC), un dos socios do proxecto. “As probas en Canarias véñense realizando dende hai uns meses como ensaios previos ós que se realizarán por parte de apicultores, posto que as condicións climáticas desta rexión permiten desenvolver estas prácticas antes que nos apiarios que forman parte do proxecto”, detallan os promotores da iniciativa.

Apiario experimental Canarias_

As primeiras probas están a realizalas en apiarios experimentais de Canarias. // Foto Varroaform.

As probas estanse realizando en colmeas tipo Langstrot e están a avaliar tratamentos a base de substancias e aceites esenciais como o ácido oxálico, mentol, carvacrol, timol, cineol e linalol. Para determinar a eficacia das novas fórmulas contan a caída de varroa nos días previos e despois da aplicación, o que lles permite valorar a resposta que ofrecen os tratamentos.

Os tratamentos probaranse en apiarios de Canarias, Galicia, Castela-A Mancha e Castela e León

Estes traballos iniciais permitirán unha selección tanto a nivel de toxicidade nas abellas como de eficacia. Ademais, tamén están a avaliar outras cuestións como o comportamento das formulacións en canto á perda de auga ou a súa aplicación na colmea.

Unha vez se seleccionen os tratamentos que proporcionaran mellores resultados, neste segundo ano do proxecto tamén se levarán a cabo probas da eficacia dos novos produtos en diferentes apiarios. En concreto, no proxecto colaboran apicultores como o galego Benigno Basteiro, Agustín Arias, de Castela – A Mancha e Urbano González de Castela e León que se encargarán de probar estas fórmulas nos seus apiarios. Nestas probas nos apiarios realizarase unha comparación entre a eficacia antivarroa e os posibles efectos destas novas formulacións naturais fronte ós tratamentos convencionais.

O proxecto Varroaform conta cun orzamento de 380.000 euros cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información