A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Gandería Cruceiro Pazo: Un exemplo de transición de sala a robot de muxido

Esta gandería de Arzúa soubo adaptar rápidamente o seu rabaño ao muxido robotizado, a pesar das limitacións das instalacións. Na actulidade moxen a metade das súas 110 vacas en produción cun Lely Astronaut A5 e teñen previsto incorporar outro para finais de ano. Cóntannos como está a ser o seu proceso de transición

Gandería Cruceiro Pazo: Un exemplo de transición de sala a robot de muxido

Manuel Varela, un dos socios da SAT Gandería Cruceiro Pazo

Mellorar a calidade de vida tanto dos gandeiros como dos empregados, así como a organización do traballo. Ese foi o motivo o motivo que levou á Gandería Cruceiro Pazo de Arzúa a instalar un robot de muxido, un Lely Astronaut A5, e a estar traballando para incorporar outro para finais deste ano. E todo nun tempo récord: En febreiro deste ano decidiron mercalo, o 23 de xuño xa o tiñan instalado e un mes despois xa funcionaban con normalidade.

Na actualidade moxen 54 vacas en robot e outras 56 en sala, unha Gascoigne de 16 puntos. “É unha sala de muxido traseiro que compramos de segunda man en Francia e que instalamos no 2014. Estamos moi contentos con ela e de feito antes de mercar o robot pensamos en informatizala e poñer colares para reducir a duración do muxido, arredor de 1 hora e 45 minutos en cada muxido, un ás sete da mañá e outro ás sete da tarde, pero case nos costaba tanto como un robot, polo que que ao final decantámonos por este”, explica Manuel Varela, terceira xeración á fronte desta gandería de vacún de leite, que conta con 110 vacas en produción e 190 animais en total. Ademais de Manuel, a SAT familiar está formada pola súa nai Ángeles, e pola súa irmá, Ángela.

“Non instalamos o robot por reducir man de obra, pois estamos moi contentos cos nosos dous empregados, senón por ter máis organización do traballo, e mellorar calidade de vida, para todos, tamén para os asalariados. Porque se muxes ás 7 da mañá e ás 7 da tarde, tes moito tempo polo medio e hai que levantarse moi cedo, e iso tampouco axuda para atraer man de obra”, recoñece.

O empuxón definitivo para pasar de sala a muxido robotizado foi un gandeiro veciño co que manteñen moi boa relación. “Xa nos rondaba a idea pola cabeza pero o paso démolo a raíz de que un gandeiro veciño, co que facemos moitos traballos en común e temos relación de amizade, instalou dous Lely Astronaut A 5 en decembro e vimos que cambiou para mellor a súa forma de traballar e a calidade de vida. Fomos con el e con técnicos de Lely visitar outras granxas e o 23 de xuño xa empezamos a muxir en robot”, destaca Manuel.

Previamente realizaron no rabaño unha selección das vacas con máis facilidade de muxido; logo ese lote estivo unha semana con penso en robot para que se habitúe ao aparello e un mes despois xa estaban muxindo con normalidade. E como o notaron na produción? “Subimos grazas ao terceiro muxido: Hoxe media estamos en 3,2 muxidos e 43 litros de produción fronte aos 34 nos que estamos na sala”, explica.

A valoración do resultado en Gandería Cruceiro Pazo é tan positiva que para finais de ano xa teñen previsto instalar unha segunda unidade do Lely Astronaut A5 para muxir todo o rabaño con robot.

Yolanda Trillo: “Esta granxa é un exemplo de transición a robot de muxido”

Yolanda Trillo Dono, Farm Management Support (FMS) de Lely, explica que “en Gandaría Cruceiro Pazo non se notaron os cambios en leite en ningún momento da transición da sala ao robot”.

“A alimentación mantívose consistente e o cambio foi progresivo e paulatino ao novo sistema de ración parcial mesturada en acordo co nutricionista da explotación. Empezouse con 47 vacas en robot e fóronse incrementando animais a medida que o manexo o permitía, até hoxe que se mantén en 54”, destaca.

Así na gráfica 1 obsérvase o salto de 91 a 139 Días en Leite (DEL) (ver gráfica), o que supuxo arrincar o primeiro día con 1900 kg até chegar aos 2400 kg de leite total producidos ao día por este lote de 54 animais. Descenderon as calidades do leite lixeiramente até manterse en 3,7% de graxa e 3,3% de proteina na actualidade. As células somáticas mantivéronse e mesmo descenderon lixeiramente. O consumo de penso en robot é de 370 kilogramos diarios, cunha media de 6,7 kilos de concentrado en robot por vaca e día.

Gráfica 1. De esquerda a dereita preséntanse os datos diarios desde o inicio do arranque até a actualidade (dous meses). En barras reflíctese a evolución da media dos días en leite do rabaño e unha liña a evolución da incorporación de animais ao robot.

lely ganderia cruceiro arzua 1

Gráfica 2. De esquerda a dereita preséntanse os datos diarios desde o inicio do arranque até a actualidade (dous meses). En barras reflíctese a evolución da media de leite do rabaño e a liña representa a evolución dos muxidos medios realizados.

lely ganderia cruceiro arzua 2

Ración das vacas e produción

En Gandería Cruceiro Pazo véndenlle o leite a Nestlé e no conxunto do rabaño logran unhas calidades de arredor do 3,8% de graxa e 3,3 de proteína, cun reconto de células por debaixo das 200.000.

A ración para as vacas de robot está composta por 6 kilos de bagazo que lle compran a Estrella Galicia, 22 de silo de millo, 10 de silo de herba e 1,5 kilos de palla, ademáis dos 6,7 kilos de penso que reciben no robot. Para as vacas que moxen en sala a ración é de 28 kilos de silo de millo, 9, 1 de silo de herba, 5 de bagazo e 11 kilos de concentrado .

“O carro fáinolo a cooperativa Perpetuo Socorro de Arzúa, á que tamén lle compramos o penso e lle contratamos o servizo de maquinaria”, engade Manuel.

ganderia cruceiro arzua pesebre vacas

A base territorial, a súa principal limitación para medrar

As instalacións e a base territorial son as limitacións de Gandería Cruceiro Pazo para seguir medrando. “Traballamos preto de 60 hectáreas, a metade en propiedade e a outra metade en aluguer a granxas que foron pechando nos arredores, pero pouco podemos medrar porque terra non hai máis dispoñible: a que hai é monte ou foi forestada e é moi difícil reverter o uso”, recoñece.

En canto ao manexo da terra, cultivan a millo unhas 43 hectáreas nas mellores leiras, de forma que logran uns rendementos medios de 45 toneladas de materia húmida por hectárea e cuns ciclos entre 350 e 400. Desa superficie en 35 hectáreas rotan con pradeira de inverno, nas que sementan unha mestura de raigrás italiano e raigrás híbrido e algo máis de 10 hectáreas mantéñenas a pradeira permanente.

Manteñen as becerras no establo ata ao destete e logo pasan a unha nave alugada onde permanecen ata 3 meses antes do parto

Manteñen as becerras no establo ata ao destete e logo pasan a unha nave alugada onde permanecen ata 3 meses antes do parto

Bos resultados co Azul Belga nos cruces cárnicos

En canto á xenética, en Gandería Cruceiro Pazo buscan ante todo nos acoplamentos lograr unha vaca funcional, cunha boa estructura para producir leite. “Nas xovencas inseminamos todas con sexado, e nas de primeiro e segundo parto facemos unha selección e inseminamos con frisón, sexado ou con azul belga segundo o tipo e a súa produción leiteira”, explica Manuel.

A elección desta raza para os cruces cárnicos -que representan arredor do 70% das inseminacións en vacas en produción nesta gandería- débese, segundo este gandeiro, a que “atrasa un pouco menos os partos que outras razas e prácticamente non temos incidencias”. “Os becerros págannolos bastante mellor que os frisóns, pero non recuperamos aínda os prezos que había antes da pandemia”, puntualiza.

De caseiros a unha das principais granxas de Arzúa

A historia de gandería Cruceiro Pazo é en gran medida unha historia de superación. Os avós maternos de Manuel eran caseiros e con moito esforzo foron mercando pouco a pouco as terras nas que se asenta a gandería.

“Eramos caseiros e non tiñamos base territorial, polo que fomos comprando as fincas que tiñamos arrendadas, daquela uns 120 ferrados, e medrando pouco a pouco”, destaca.

Deste xeito, son varias as datas que marcan a historia desta gandería: No 1998 a nai de Manuel, Ángeles, toma o relevo da súa avoa, Carmen, na pequena gandería familiar de 20 vacas de leite. No 2002 constrúen a primeira nave para vacas estabuladas e pasan a 40 animais en produción. No 2006, con 24 anos Manuel decide incorporarse á gandería familiar: “Estudei un ciclo de electricidade pero sempre me tirou máis a gandería e traballar na casa”, recoñece. Nos seguintes anos foron ampliando de 20 en 20 prazas ata chegar aos 120 cubículos para vacas en produción cos que contan neste momento. E no 2014 compraron a sala de muxido, na que investiron case 150.000 euros. “E todo en base a aforro propio, pois só tivemos unha axuda dun plan de mellora para construír os novos silos”, subliña.

No 2018 incorpórase tamén a irmá de Manuel, Ángela, e poñen en marcha como negocio complementario á gandería de vacún de leite unha granxa de polos campeiros na que investiron arredor de 500.000 euros. “Fixemos un plan de mellora e vimos que dado que a nosa gandería está limitada para medrar máis porque non temos base territorial disponible, decidimos diversificar coa avicultura, que era máis compatible co que tiñamos”, explica. “O peor de todo -recoñece- foi sen dúbida a burocracia para crear un negocio no rural: tardamos 3 anos en levar a cabo o proxecto debido a todos os trámites e papeis que nos pedían”.

As vaas están en cama de colchoneta con carbonato e serraduras

As vaas están en cama de colchoneta con carbonato e serraduras

Cambios para o futuro

De cara aos vindeiros anos Manuel non prevé incrementar o número de animais pois están limitados por tres factores clave: A propia nave, que se lle quedaría pequena e obsoleta e esixiríalles construír un establo novo noutra ubicación; a falta de base territorial dispoñible na zona e os propios robots de muxido, cunha capacidade de arredor de 60 animais por aparello.

O que si prevén é construír unha nova fosa de xurro pois a actual quedóuselles pequena e cubrila, ademais de incorporar un robot de limpeza de Lely.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *