Galicia acollerá en maio o congreso internacional de innovación rural no agro “Spin rural”

Galicia acollerá no vindeiro mes de maio un congreso internacional de innovación rural que levará por título “Spin Rural” e que estará organizado pola Xunta. Está previsto celebrar esta cita entre o 4 e o 6 de maio deste 2022, segundo anunciou este pasado venres a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, durante a súa intervención telemática no evento on line Facebook Live, no que tamén participou a secretaria xeral desta axencia, Luisa Boquete.

Ambas responsables da Consellería do Medio Rural informaron nesta cita on line sobre a celebración do devandito evento arredor da innovación no agro dentro da axenda para 2022 da Axencia. Ademais, trasladaron tamén outros anuncios. Entre eles, a próxima apertura da segunda consulta pública ao mercado do proxecto “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”. Neste contexto, avanzaron tamén a publicación, en breve, de diversas convocatorias de axudas no Diario Oficial de Galicia, complementarias e vinculadas aos proxectos de recuperación da terra. Trátase das destinadas a servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos vinculados a instrumentos de recuperación de terras e tamén das de posta en marcha de novas actividades produtivas non agrarias en aldeas modelo.

“Alma Rural”, dedicado á muller

Outro anuncio trasladado polas responsables da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ten que ver coa celebración, o vindeiro día 15 de outubro, dunha nova edición do evento “Alma Rural”, que ten como principal obxectivo a posta en valor do papel da muller no agro galego. Case un mes despois, o 11 de novembro, terá lugar unha nova entrega dos premios ao desenvolvemento rural, tal e como avanzaron tamén as representantes da Axencia. Por último, outro dos fitos que marcará a actividade da Xunta neste eido será a presentación do Plan de coordinación estratéxica cos grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información