Fruga denuncia os “nulos efectos” do Acordo Lácteo e pídelle á Xunta “que se fixe nos prezos de Asturias, non nos de Irlanda”

Fruga denuncia os “nulos efectos” do Acordo Lácteo e pídelle á Xunta “que se fixe nos prezos de Asturias, non nos de Irlanda”

Elías Somoza e Manuel da Cal

O coordinador do sector gandeiro da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, e o coordinador nacional, Manuel da Cal, ofreceron este venres unha rolda de prensa en Lugo para denunciar o que consideran “nulos efectos” do Acordo Lácteo, asinado o pasado setembro, nos prezos que reciben os gandeiros.

Deste xeito, Elías Somoza subliñou que “un ano despois de que o 17 de xullo do pasado ano os gandeiros galegos iniciásemos as mobilizacións, a valoración para o sector lácteo galego non pode ser máis que negativa”.

Así, o responsable da Fruga referiuse ao peche dende entón dunhas 600 explotacións de vacún de leite na Comunidade, a caída dos prezos medios do leite de 0,31 euros por litro a 0,27 que cobran actualmente os gandeiros, ou os atrasos nos pagos da PAC por parte da Consellería do Medio Rural.

“O Acordo Lácteo de Madrid non serviu para nada pois seguimos cos prezos baixos, cos mesmos problemas nos contratos que antes, coa mesma situación de dominio por parte da industria sobre os gandeiros e con falta de seguimento por parte da administración sobre a que se destina realmente o leite que se vende para intervención”, explicou Elías Somoza.

Ante esta situación, a Fruga solicitou unha reunión coa conselleira do Medio Rural para analizar a situación do sector lácteo galego e as medidas a tomar.

“A conselleira ten que fixarse nos prezos de Andalucía ou de Asturias e non nos de Irlanda”

Por outra parte, Elías Somoza criticou as declaracións desta mañá da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen nunha entrevista na Radio Galega puxo en valor que os prezos medios do leite en Galicia son 4 céntimos superiores aos que se lle pagan aos gandeiros de Irlanda.

“O sistema produtivo de Irlanda permite producir a custos baixos, pero en Galicia pola falta de políticas de ordenación do territorio non podemos facer iso. O que si tería que explicar a conselleira é porqué en Galicia temos uns prezos máis baixos que Asturias ou Andalucía, ou porque os gandeiros galegos temos os prezos máis baixos do Estado español”, concluíu o representante da Fruga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información