Feira do Viño de Monterrei

Publicidade
Feira do Viño de Monterrei

A presidente da Consello Regulador, o alcalde e concelleira de Cultura e Festas

Data inicio: 07/08/2015
Data fin: 09/08/2015
Lugar: Verín, España

A Feira do Viño da Denominación de Origen Monterrei, que se celebrará en Verín entre os próximos 7 e 9 de agosto, contará coa participación de 16 das 24 adegas que conforman a D.O, seis máis das que tomaron parte en 2014. Trátase dun éxito de adhesión sen precedentes na historia deste foro vinícola, que este ano alcanza a súa décima edición. O acto de inauguración terá lugar ás 20,00 horas do 7 de agosto na Alameda de Verín, escenario no que se desenvolverá a Feira neste ano 2015.

Despois da inauguración, tras o pregón e o percorrido das autoridades polos postos participantes, a exaltación da Denominación de Orixe Monterrei trasladarase á igrexa da Mercé de Verín, un dos referentes culturais da vila, onde se procederá á imposición de medallas a catro novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei.

Estes datos foron desvelados esta mañá no decurso dunha rolda de prensa ofrecida polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, e a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Asunción Rodriguez Zarraquiños. Neste marco, aludiuse ao cambio de situación da Feira como o lugar máis idóneo para responder ás demandas dun maior número de expositores. Xunto a isto, o alcalde verinés e a presidenta da D.O de Monterrei fixeron un chamamento ao público para que se achegue ata Verín, nas datas nas que se celebra a Feira, a coñecer de primeira man a singularidade dos viños da zona. Neste sentido, a organización confía en superar a cifra de 15.000 degustacións rexistrada o ano pasado.

Paralelamente, na rolda de prensa presentouse o cartel divulgativo da X edición da Feira do Viño, un traballo que correu a cargo do deseñador local Jorge Godás e se indició o horario de apertura dos postos: venres 7 de 20.00 a 23.00 horas; sábado 8 de 12.00 a 14.30 h e de 19.00 a 24.00 h; e domingo 9 de 11.00 a 14.30 h. e de 19.00 a 23.00 h.

Gastronomía, música e viño xuntaranse un ano máis no marco da Feira do Viño da D.O de Monterrei. Así está previsto, segundo confirmou na rolda de prensa a concelleira de Educación, Cultura,Festas e Deportes de Verín, Emilia Somoza, que a inauguración da Feira estea amenizada pola Banda de Gaitas do Concello de Verín.

Na xornada do sábado 8, na Alameda e coincidindo cos postos da tarde, proponse unha actividade dirixida fundamentalmente aos máis pequenos: a ludoteca infantil. Mentres os nenos gozan con xogos infantís, sempre atendidos por monitores, os adultos poderán degustar as diferentes variedades dos viños de Monterrei. O recinto da feira estará amenizado pola Charanga Ideal e os asistentes presenciarán a chegada dunha concentración de bicicletas de época que finalizarán o seu paseo no espazo da Feira do Viño. Xa pola noite, o público contará coa verbena Primera Línea.

O domingo 9 de agosto, a Feira do Viño arranca, pola mañá, cunha sesión vermú e a actuación da Disco Móbil Jorge. Pola tarde, coa apertura dos postos, os asistentes volverán contar coa ludoteca infantil e, nesta ocasión, vivirán un momento enxebre coa actuación de Candaina. Cánticos, baile e pandeireta acompañarán os asistentes ata a clausura do evento, momento no que volverá a Disco Móvil Jorge para despedir a Feira do Viño bailando.

Adegas participantes e colaboradores

As 16 adegas participantes nesta X edición da Feira do Viño deMonterrei son as seguintes:

Bodegas Ladairo S.L,
Bodega Pazos del Rey S.L
Adegas Pazo das Tapias S.L
Gargalo S.L
José Luis Gómez Ibáñez
Adega Crego e Monaguillo S.L
O Cabildo S.L
Quinta do Buble S.L
Terras do Cigarrón S.C.G
Triay Adegas de Oimbra
Boo Rivero SAT
Manuel Guerra Justo
Concepción Paradela Martínez
Bodega Pazo de Valdeconde S.L
Bodega Tabú S.L.N.E
Franco Basalo S.L.U

Finalmente, na rolda de prensa, o alcalde de Verín e a presidenta do Consello Regulador quixeron agradecer a implicación de todos os bodegueiros participantes e a das institucións e entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Deputación de Ourense,MAGRAMA, Fondo Europeo Agrícola de Desarollo Rural (FEADER),concellos de Oímbra, Monterrei, Castrelo do Val, Riós eVilardevós, AECT e Portas de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *