Como o mercado de pellets se viu enredado nun ‘efecto papel hixiénico’
O mercado de pellets viña dun 2020 e un 2021 malos, marcados por unha baixada de consumo derivada de invernos suaves e da pandemia. Tanto foi así que a comezos deste ano, Biomasa Forestal (As Pontes), a maior planta de pellets de Galicia, iniciou un expediente de regulación temporal de emprego (Erte) para a súa plantilla, coa idea de mantelo activado un ano. Só uns meses despois, na primavera, cancelouno e pasou a traballar as 24 horas dos 7 días da semana, en cinco turnos, un ritmo que todavía mantén. Que foi o que pasou?
A orixe de todo o sucedido nos últimos meses arranca na guerra de Ucraína. “Coa invasión rusa e o bloqueo europeo ó mercado ruso de biomasa, perdéronse dous suministradores principais, Rusia e en menor medida Ucraína, que representan arredor do 20% do pellet mundial”, analiza Francisco Álvarez, presidente do Clúster de Biomasa de Galicia e director de Ecowarm (Brión), unha das catro plantas de pellets que operan na comunidade.
“A perda desa fonte de suministro a nós en principio non nos afectaba, pero deixou desabastecidos a algúns países, en especial a Reino Unido, que recurriu entón a importacións masivas do mercado portugués -analiza Álvarez-. “Ao dispararse a demanda de Reino Unido, os fabricantes portugueses, que tradicionalmente exportaban a España parte da súa produción, víronse incapaces de atender a súa rede de distribución habitual en España, o que levou a que os puntos de venda españois que traballaban con pellet portugués se quedasen temporalmente sen mercancía”.
Foi entón, no verán, cando a ausencia de pellets en determinados puntos de venda, aireada por redes sociais e medios de comunicación, iniciou un ‘efecto papel hixiénico’. Os consumidores lanzáronse á compra compulsiva de pellets en plena vaga de calor, sen medida e antes da tempada tradicional de compra en outono – inverno. A situación chegou ó punto de que “un distribuidor noso falounos dun cliente que mercou pellet para tres anos”, conta Álvarez.
“En verdade nunca houbo risco de desabastecemento real do mercado nacional porque temos capacidade para abastecer ó mercado. O problema xurde se un alto número de consumidores se lanza a mercar pellets nos mesmos días porque entón rómpense temporalmente os stocks dispoñibles”, explican en Biomasa Forestal.
España viña producindo cada ano arredor de 740.000 toneladas de pellet para un consumo estatal dunhas 710.000. “Do total de produción, exportábase unha parte a Italia e a outros países europeos, pero compensábase co que entraba de Portugal, quedabamos a pre”, valora Francisco Álvarez.
En Galicia, o Clúster de Biomasa calcula unha produción que supera as 110.000 toneladas para un consumo interno de arredor de 45.000. “E teriamos capacidade de aumentar esa produción ata nun 50% se fose preciso”, aseguraba Álvarez hai uns días na revista editada polo Clúster da Biomasa e a asociación BioEco2.
O mercado español adentrouse desde a primavera nun 'Matrix' no que cada saco de pellets percibíase como o último paquete de papel hixiénico do supemercadoEsa é en teoría a realidade, pero a cuestión é que o mercado español adentrouse desde a primavera por outra realidade paralela, unha especie de ‘Matrix’ na que cada saco de pellets percibíase como o último paquete de papel hixiénico na estantería do supermercado. “O mercado vai agora normalizándose a medida que os distribuidores que traballaban con Portugal están relocalizando os seus puntos de suministro”, subliña Francisco Álvarez. Incluso se dá a circunstancia de que distribuidores da fronteira galega con Portugal están recibindo unha gran demanda de suministro do país veciño, onde se mantén a escaseza de pellet polo tirón da exportación británica. O sector galego incide en que a demanda británica sobre o pellet portugués e, en menor medida, certo aumento de demanda italiana sobre pellet español, distorsionaron o mercado estatal, pero Álvarez apunta a que novembro xa é un mes no que se foron normalizando as cousas. “En setembro o teléfono non paraba de soar pedindo palés de pellets, pero agora a situación xa é similar a de todas as campañas”, asegura o director de Ecowarm. A mesma percepción manifestan en Biomasa Forestal: “As vendas actuais son a un ritmo normal e sostido”, indican.