Duplícase o orzamento das axudas da Xunta á apicultura

Medio Rural publica no DOG unha ampliación orzamentaria de 575.000 euros, elevando o importe final das subvencións para a mellora da produción e comercialización a preto de 1,3 millóns de euros

Apiario-Mel-O-Castelo-O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar este mércores a orde da Consellería do Medio Rural pola cal se incrementa o importe das axudas destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos de apicultura cunha dotación de 575.026 euros. Esta ampliación eleva finalmente o importe global a preto de 1,3 millóns de euros, o que supón un aumento de case o dobre do orzamento do ano pasado, que era de 724.105 euros.

Precisamente, estas subvencións son posibles grazas á incorporación tanto de fondos propios da Xunta como do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). A repartición da Unión Europea e do Estado faise en relación ao número de colmeas existentes en cada territorio, que en Galicia superan as 200.000.

O número de colmeas existente en Galicia supera as 200.000

Así, as axudas dispoñen de seis liñas de subvención diferentes: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a racionalización da transhumancia, para medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para apoiar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado.

O prazo de solicitude xa rematou

Cómpre lembrar que a convocatoria destas axudas, que xa está pechada, fíxose en réxime de concorrencia competitiva, dando prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións, a pertenza á IXP Mel de Galicia ou a adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. Tamén foi obxecto de valoración o feito de que as explotacións solicitantes ostentasen titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estivesen en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.

As axudas contemplan ata seis liñas de subvencións, das que poden ser beneficiarios tanto asociacións como particulares

Deste xeito, logo da ampliación de crédito, poderán beneficiarse destas axudas todos os solicitantes que cumpran os requisitos, tanto cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, como particulares titulares de explotacións apícolas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información