Administración convocante: Consellería do Medio Rural
Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210528/AnuncioG0426-140521-0001_gl.html
Prazo: Ata 28/06/2021
Resumo:
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde da Consellería do Medio Rural que establece o réxime de axudas destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e que se convocan para este ano cun orzamento de 724.183 euros. Esta orde virá seguida dunha ampliación orzamentaria que elevará o importe global a preto de 1,3 millóns de euros, tras o incremento de fondos confirmado por parte tanto da Unión Europea como do Estado e da Xunta. Isto supón case o dobre do orzamento do ano pasado, cando a partida total ascendera aos 724.105 euros.
O prazo de solicitude das axudas é dun mes
A orde vai destinada tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Dispón de seis liñas de subvención diferentes, nas que os custos subvencionables foron pactados co sector: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a racionalización da transhumancia, para medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para apoiar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado.
Son subvencionables as arpas eléctricas e os fondos sanitarios
No primeiro caso, o das asociacións da apicultores, será subvencionable a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia a persoas apicultoras, así como de persoal de administración. Nesa primeira liña de achegas tamén se poderá financiar tanto a organización de cursos e xornadas como a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación. No relativo á loita contra as enfermidades, inclúense a adquisición de tratamentos quimioterápicos e outros compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, a alimentación das abellas co fin de mellorar a vitalidade da colmea e de renovar ou purificar a cera e, como novidade deste ano, a adquisición de métodos para a captura, eliminación e control da avespa velutina. Neste caso, sufragarase tanto a compra de trampas e atraentes como de fondos sanitarios, reixas excluíntes, sistemas de protección mediante redes, etc.
O acondicionamento dos apiarios e os sistemas antirroubo tamén entran dentro das axudas
Na liña da transhumancia, a axuda deberá ir destinada á adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte, para sistemas de protección ou vixilancia antirroubo, para a mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas, e para a subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas. Canto ás medidas de apoio aos laboratorios, contémplase a contratación de servizos de análise do mel e dos produtos apícolas. No que respecta ás medidas de apoio á repoboación están enfocadas, fundamentalmente, á cría e adquisición de raíñas. Por último, a liña de seguimento de mercado está pensada para a realización de estudos de mercado ou elaboración de proxectos piloto sobre novos produtos apícolas ou sobre novas formas para presentalos.
Terán prioridade as explotacións profesionais rexentadas por mozos
A convocatoria destas axudas faise en réxime de concorrencia competitiva. Así, darase prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións, a pertenza á IXP Mel de Galicia ou a adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. Tamén se valorará que as explotacións solicitantes ostenten titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estean en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.
O DOG publica este venres a orde de axudas, que contempla un orzamento inicial de 725.000 euros, pero que será ampliado até 1,3 millóns, o dobre do ano pasado
Cómpre apuntar que estas subvencións incorporan tanto fondos propios da Xunta como do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). A repartición da Unión Europea e do Estado faise en relación ao número de colmeas existentes en cada territorio, que en Galicia superan as 200.000.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a contar desde o sábado 26 de maio. Cabe sinalar que o ano pasado se esgotou practicamente todo o crédito dispoñible, resultando beneficiarias oito asociacións que agrupan 1.800 apicultores e 11 particulares.
O sector apícola en Galicia suma case 5.000 produtores e 200.000 colmeas
O sector apícola galego ocupa o terceiro lugar de España en número de explotacións, con 4.663, que representan case o 14% do total estatal, situándose só por detrás de Castela e León e Andalucía. Son xeralmente pequenas explotacións cun total de 200.000 colmeas, que supoñen algo máis do 6% do total nacional de colonias de abellas.
Nos últimos dez anos o número de explotacións aumentou un 35% e o de colmeas duplicouse
Estes datos reflicten un incremento do 35% do número de explotacións apícolas nos últimos dez anos, mentres o número de colmeas se duplicou. Outro dato a destacar é que a idade media dos apicultores galegos profesionais (os que teñen máis de 150 colmeas) é a segunda máis baixa de España ao establecerse nos 41 anos, tan só por detrás de Asturias.
Galicia, co 6% das colonias de abellas do Estado, produce unhas 3.000 toneladas anuais, o 8% do mel español
En canto á produción de mel, Galicia ocupa o quinto lugar do Estado, cunhas 3.000 toneladas anuais, o que representa o 8% da produción total estatal, por detrás de Andalucía, a Comunidade Valenciana, Estremadura e Castela e León.