Cita co mel de montaña esta fin de semana en Muras

Este concello da serra do Xistral organiza a sexta edición da súa Feira de exhaltación, xunto a outra serie de actividades, unha labor de promoción que logrou revitalizar a produción na zona coa incorporación ao sector de novos apicultores nos últimos anos

Edición do ano 2019 da Feira do Mel de Muras, a última que se puido celebrar antes da pandemia

Edición do ano 2019 da Feira do Mel de Muras, a última que se puido celebrar antes da pandemia

O concello de Muras é un paraíso para as abellas. Abundante flora melífera, un territorio natural e a tradición apícola mantida de xeración en xeración polas persoas do lugar converten a este entorno da serra do Xistral nunha das mellores zonas de Galicia para a produción de mel. 

Ese feito, sumado á labor de recuperación que se está a facer desde o Goberno municipal nos últimos anos, animou a novos produtores a iniciarse na actividade, tomando o relevo dos apicultores máis veteranos e contribuíndo deste xeito a revitalizar o sector. 

Muras mantén neste momento uns 30 produtores de mel, moitos a nivel de autoconsumo e outros cun maior grado de profesionalización, que venden os excedentes ou que obteñen da apicultura uns ingresos complementarios a outra actividade principal.

Muras mantén neste momento uns 30 produtores de mel, con varias incorporacións de xente moza nos últimos anos

No rexurdir que o sector apícola está a ter en Muras nos últimos anos xoga un papel importante a súa ubicación en plena Serra do Xistral, onde a velutina fai moitos menos estragos que na costa. A flora a esta altitude tamén é distinta, conformada por especies endémicas que confiren a este mel de montaña unhas características diferenciais. 

11 produtores locais estarán na Feira do Mel

Aínda que este ano a produción foi escasa pola inestabilidade do tempo, que afectou á alimentación das abellas na primavera e o comezo do verán, os produtores locais de Muras porán á venda o seu mel esta fin de semana na sexta edición da Feira do Mel de Montaña que se celebrará no Viveiró. 

Unha cata, charlas formativas e distintas actividades completarán o programa

Nesta sexta edición participarán 11 produtores locais, aos que se sumarán outros chegados doutros lugares, así como postos de venda de queixos, pan ou outros produtos. Ademáis dos postos de venda, o domingo haberá tamén actividades infantís e dous showcookings a cargo de Belén Morandeira, do restaurante Colón de Lugo. Os dous locais de hostalaría do Viveiró estarán abertos para xantar, ao igual que a carpa na que se instalará unha pulpería. 

Recoñecemento aos apicultores máis veteranos

O programa da Feira do Mel de Montaña de Muras complétase con distintas actividades na véspera, o sábado, con charlas formativas en colaboración coa Casa do Mel de Goente, nas Pontes, a quinta edición da cata do mel de Muras e un magosto popular pola noite. 

Será no transcurso desta festa, a base de castañas, liscos e viño, cando se presentará unha reportaxe documental sobre o Mel de Montaña, que tratará de mostrar as particularidades da produción de mel en Muras e homenaxeará a aqueles produtores que souberon manter a tradición até hoxe. 

Hai que aproveitar a experiencia das persoas maiores, se a produción segue a día de hoxe é grazas a esa xente

“A produción de mel nun lugar coma Muras pode ser rendible para a xente de hoxe pero non debemos esquecer que se esa tradición chegou até os nosos días é grazas a todas esas persoas que a souberon manter durante anos. Hai que aproveitar a experiencia da xente maior”, afirma Mario Rouco, tenente alcalde do Concello de Muras. 

Feira Mel Muras 2021-1Feira Mel Muras 2021-2Feira Mel Muras 2021-3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información