As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia /Abanca caracterizáronse pola lixeira baixada nos prezos dos becerros de recría, principalmente nos de Cruce Industrial, mentres que o porcino segue á alza.
Así, en Frisoa os machos de menos de 20 días pagáronse a unha media de 119 euros, fronte aos 132 da pasada semana. Con todo, a cifra representativa é a dos de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, onde a media foi de 140 euros por xato, tres menos que o prezo medio pagado o pasado martes. E nos tenreiros de máis de 51 días os prezos tamén baixaron ata os 162 euros, fronte aos 164 euros da semana anterior.
Nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia xeral á baixa foi máis acusada. Na categoría de menos de 20 días, os prezos medios foron de 252 euros fronte aos 284 da pasada semana. Na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos baixou ata os 310 euros, fronte aos 328 da última poxa. En canto aos xatos de máis de 51 días, o prezo medio mantívose estable nos 410 euros.
En canto ao vacún maior, a tendencia xeral foi tamén a unha lixeira baixada. Deste xeito, quedaron en 1.030 euros de media en categoría primeira, 712 en segunda -a máis numerosa- e 425 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.079 , 712 e 427 euros, respectivamente.
As cotizacións quedaron da seguinte maneira:
Ovos estables e suba do coello
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse manter as cotizacións para todas as categorías. Así, a L e a M quedaron en 1,12 e 1,08 euros a ducia, respectivamente. A XL e a S tamén se mantiveron sen cambios en 1,21 e 0,92 euros a ducia, respectivamente.
Nos coellos, en Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, as cotizacións subiron un 0,10% ata os 1,50 euros o kilo.
Suba do porco cebado e sen cambios nos leitóns
En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou unha semana máis subir os prezos; desta volta un 0,02% para as categorías Selecta e Normal, que quedaron nos 1,355 e 1,330 euros por quilo, respectivamente. A Canle II tamén subiu, un 0,026% ata 1,727 euros por quilo. Na categoría de desvelle a suba foi do 0,02% ata un intervalo de entre 0,68 e 0,74 euros o quilo.
En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, tamén houbo unha suba, neste caso do 0,03%, ata os 1,660 euros o quilo, mentres que nos demais mercados europeos tamén houbo unha tendencia xeral á suba das cotizacións.
En canto aos leitóns, despois de varias semanas de subas, acordouse manter as cotizacións da semana pasada. Deste xeito quedaron nos 41 euros os procedentes de varias explotacións e nos 46 euros os procedentes dunha única explotación.
Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira: