Axudas para subministrar froita, castañas e leite aos centros escolares galegos

A Xunta lembra que ata o 20 de setembro está aberto o prazo para solicitar as axudas para subministrar froita fresca, castañas e leite aos centros escolares galegos durante o curso 2023-2024

A Consellería do Medio Rural lembra que permanece aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas a subministrar froita fresca, castañas e leite ao alumnado dos centros escolares galegos durante o curso 2023-2024.

Así, a convocatoria conta este ano cun orzamento que supera lixeiramente o millón de euros e os centros escolares que queiran participar nos programas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro día 20 de setembro. Poderán acceder a elas os centros escolares de educación infantil, primaria e secundaria (incluíndo a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio).

Cada ano, miles de alumnos galegos consumen froita e leite durante o recreo nos centros escolares onde estudan grazas a estas axudas que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), adscrito á Consellería do Medio Rural. En concreto, as achegas dispoñibles para o vindeiro curso escolar superan os 378.000 euros no apartado do leite e os 642.000 euros no caso da froita.

Haberá dous períodos de repartición autorizados, de novembro de 2023 a febreiro de 2024 e de marzo a xuño do ano que vén. En cada período, a distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos, mentres no caso do leite líquido terá lugar durante un mínimo de 20 días lectivos seguidos. Os centros escolares participantes teñen que desenvolver os dous programas de repartición: o de froitas frescas e castañas e o de leite.

A través desta liña de subvencións, a Consellería do Medio Rural pretende potenciar o consumo de froita e leite entre os nenos e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro. Fomentarase a distribución de produtos galegos, de proximidade e que empreguen na súa obtención sistemas de produción sustentables e respectuosos co medio ambiente.

Enlace á resolución completa do DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información