A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Así funcionan as 30 compactadoras forestais de Greenalia que procesan 500.000 toneladas de biomasa en Galicia

A firma galega Greenalia aposta por empregar a compactadora forestal Monra ENFO-2000 para procesar os restos de biomasa das plantacións. Con 30 destes equipos repartidos por toda Galicia procesan cada ano preto de 500.000 toneladas de biomasa

Así funcionan as 30 compactadoras forestais de Greenalia que procesan 500.000 toneladas de biomasa en Galicia

Greenalia conta con 30 compactadoras forestais Monra ENFO-2000. // Foto. Greenalia.

A xestión dos restos forestais que quedan trala corta dunha plantación (ramas, cortizas…) é hoxe en día unha parte máis dos traballos de silvicultura. Mentres que durante anos estes restos se consideraban residuos, agora comezan tamén a verse como un recurso máis do monte. Pero, como se xestiona esta biomasa para o seu aproveitamento?

Un dos destinos desta biomasa residual das cortas é empregala para a produción de electricidade e neste labor é fundamental contar con equipos axeitados que faciliten o procesado da biomasa, tal e como indican dende Greenalia, unha das principais empresas que está a utilizar os restos forestais para este fin na súa planta de Curtis-Teixeiro (A Coruña).

Para empregar esta biomasa, en Greenalia optan por compactala no monte, para o que contan con 30 unidades compactadoras forestais Monra ENFO-2000, fabricadas pola empresa asturiana Talleres Ramón Castro S.L. A maior parte destas compactadoras están traballando en plantacións das provincias de Lugo e A Coruña. “A xestión desta biomasa é un xeito de converter un residuo en enerxía, creando valor na cadea e emprego de calidade no eido rural”, apunta David Vila, responsable de xestión de biomasa da empresa galega.

A compactadora forestal ENFO-2000

En Greenalia optaron pola compactadora Monra ENFO-2000 polas prestacións que ofrece esta máquina, única a nivel mundial. “Estas compactadoras optimizan tódolos procesos da cadea de subministración, dende a recollida ata a xestión na planta de biomasa de Curtis-Teixeiro”, apunta Vila. De feito, o sistema de prensado e atado que utiliza esta máquina permítelle compactar os restos das cortas ata un 80% do seu volume inicial, o que lles facilita tanto o seu manexo como o transporte ata o destino final.

A compactadora forestal ENFO-2000 permite compactar os restos de corta ata un 80% do seu volume inicial, o que facilita o seu manexo e transporte

Estes equipos para compactar foron pensados e están adaptados ás esixencias do sector forestal, onde é habitual traballar en pronunciadas pendentes e atoparse con terreos difíciles. Os seus fabricantes destacan o deseño robusto, compacto e funcional, así como o emprego de materiais de alta calidade na súa fabricación, o que permite utilizalas naquelas zonas máis desfavorables sen ningún tipo de restricións en canto á lonxitude do fardo ou ó tipo de madeira que estean a procesar.

Compactadora-forestal-Greenalia-Monra-Enfo-2000

A gran adaptación a terreos difíciles que amosa a compactadora forestal Monra ENFO-2000 é unha das súas principais vantaxes. // Foto: Greenalia.

A unidade niveladora, composta por 2 potentes cilindros hidráulicos controla a nivelación da compactadora en terreos con costas pronunciadas. Dispón tamén dunha unidade alimentadora equipada con 4 rolos (2 horizontais e 2 verticais) con rascadores para evitar os atrancos de material e que ó mesmo tempo lle proporcionan un gran potencia de tracción.

Ademais, esta compactadora está pensada para poder ser acoplada e desacoplada con facilidade e rapidez ó vehículo base, mediante un sistema de enganche rápido hidráulico. Trátase dun sistema de acoplamento opcional, pero que ofrece un uso máis áxil da compactadora, unha mellora que a fai moito máis manexable no día a día.

Fardos-biomasa-Greenalia_-

A maior parte das pacas forestais son de biomasa de eucalipto e piñeiro. // Foto: Greenalia.

Xestionar 500.000 toneladas de biomasa

Desde que a súa planta de Curtis-Teixeiro comezou a funcionar a mediados do pasado ano, en Greenalia están a xestionar arredor dunhas 500.000 toneladas de biomasa ó ano. Boa parte desta biomasa procede do empacado e da retirada dos restos de corta, de aí que sexa fundamental contar cun importante número de compactadoras. Na actualidade, só coas compactadoras están a traballar unhas 60 persoas, todas elas das zonas rurais nas que se desenvolven os traballos. Porén, en toda a cadea de subministración traballan directamente preto de 150 empregados.

Cada unha das compactadoras forestais Monra ENFO-2000 consegue unha produción dunhas 20.000 toneladas ó ano. A maior parte das pacas forestais son fundamentalmente de eucalipto e piñeiro. “As plantacións de eucalipto son as que máis biomasa residual xeran”, explican dende Greenalia.

“As pacas de biomasa que facemos teñen unha medida e peso óptimos para adecuarse ós medios loxísticos e de carga e descarga”: David Vila, responsable de biomasa de Greenalia

Estas compactadoras tamén lle permiten obter unhas pacas de biomasa fáciles de transportar e xestionar. Adoitan elaborar pacas cunha lonxitude de 2,50 metros. Porén, o peso é variable, dependendo do grao de humidade e o tipo de madeira que se empregue, pero van dos 300 ata os 450 quilos. “As pacas de biomasa que facemos teñen unha medida e peso óptimos para adecuarse ós medios loxísticos e de carga e descarga”, sinala o responsable da xestión de biomasa da firma galega.

compactadora-forestal-Greenalia-

Tecnoloxía fiable e de proximidade

No aproveitamento da biomasa que fan no monte en Greenalia, as compactadoras forestais Monra ENFO-2000 están a ser unha ferramenta indispensable. Estas máquinas contan ademais con destacados sistemas hidráulicos e electrónicos que proporcionan un funcionamento rápido, fiable e preciso. Tanto é así que desenvolveron un sistema electrónico específico para as funcións desta máquina. “Unha vez introducidos tódolos parámetros, o proceso realízase automáticamente e a pantalla táctil amosa as operacións que están sendo executadas”, explican os fabricantes.

A colaboración directa entre fabricante e cliente permitiulle incluir melloras que incrementan as prestacións das compactadoras

“As melloras desde as primeiras unidades é moi notable, o traballo de desenvolvemento da Monra ENFO-2000 fixo que aumentase a produtividade dos equipos”, valora Vila. O perfeccionamento destas máquinas incluíu melloras no sistema hidrostático ou de tracción, o que lle confire maiores prestacións. “As melloras que se foron engadindo fan que a máquina sexa moi fiable, coa única tarefa de facer os mantementos indicados no momento preciso”, afirma o responsable de biomasa da planta.

Á marxe das prestacións que están a proporcionar as compactadoras no monte, Vila tamén destaca a importante colaboración que estableceron cos fabricantes, o que está a redundar directamente nunha mellora dos equipos e nun servizo máis eficiente para o tratamento da biomasa que requiren. “A compactadora de ENFO-2000 é moi fiable e para nós é moi importante que se fabrique aquí preto, dado que así podemos traballar de xeito conxunto en continuas melloras”, conclúe David Vila.

Una idea sobre “Así funcionan as 30 compactadoras forestais de Greenalia que procesan 500.000 toneladas de biomasa en Galicia

  1. Yo

    Eso e todo posible os travalladores que estamos a andar nesas maquinas por soldos e condicion que nadie ve tirados polos montes sen axuda de ningun tipo e sen nadie que se preocuoe de nos solo da producion que facemos vergonzoso

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *