A Axencia de Turismo de Galicia xunto coas cinco rutas do viño de Valdeorras, Rías Baixas, O Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei veñen de presentar unha nova edición do programa ‘Primavera de Portas Abertas’ que, precisamente, bota a andar a fin de semana do 3 ao 5 de maio coa Ruta do Viño de Valdeorras.
Nun acto celebrado en Santiago de Compostela, os presidentes das cinco rutas e os responsables de turismo do Goberno galego valoraron a experiencia desta iniciativa en anos anteriores a prol da difusión do enoturismo nesta Comunidade.
Neste sentido, o presidente da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez Rodríguez, destacou a ilusión coa que afronta esta nova ‘Primavera de Portas Abertas’ esperando mellorar os indicadores de éxito alcanzados en anos anteriores.
De feito, segundo adiantou Joaquín Sánchez Rodríguez, as previsións de participación así o indican ao completar practicamente a inscricións nas diferentes propostas formuladas pola Ruta nesta edición. “Valdeorras ten moito que ofrecer no eido do turismo”, salientou ao tempo que engadiu que “o godello está a experimentar un boom”, o que axuda a xerar interese cara esta comarca.
Así, desde a Ruta do Viño de Valdeorras veñen de deseñar unha interesante e completa oferta enoturística formulada para a ocasión que tentará poñer en valor a excelencia dos nosos viños e tamén o territorio onde se producen.
Nesta programación, segundo explicou Joaquín Sánchez Rodríguez, non faltará a visita ás covas, “un verdadeiro tesouro destas terras, onde os visitantes poden comprobar como se elaboraba o viño antigamente e se almacenaba”.
Viño, paisaxe, patrimonio e xentes
O presidente da Ruta do Viño de Valdeorras subliñou que ‘Primavera de Portas Abertas’ permitirá dar a coñecer nesta ocasión os brancos e os tintos de trece adegas do territorio ao tempo que se poderá gozar das paisaxes que lle dan cobixo ás vides, os monumentos e elementos do patrimonio que as acompañan no seu crecemento e, por suposto, entrar en contacto coas xentes hospitalarias da comarca de Valdeorras.
En total serán 15 propostas que van desde rutas pola historia do pasado viticultor da comarca, xogos participativos, rutas en bicicleta eléctrica ata andainas en plena natureza. Ademais, un showcooking da man da recén galardoada no Galicia Forum Gastronómico como mellor cociñeira do ano, Begoña Vázquez, propietaria do Restaurante Regueiro da Cova de Verín, conxugará a cociña tradicional con toques vangardistas acompañada con viños da comarca.
Joaquín Sánchez Rodríguez salientou tamén a posibilidade de entrar en contacto cunha realidade que só se dá nestas terras como é o turismo industrial ao ser “a comarca onde a primeira actividade é a lousa” e ao contar cun gran número de hidroeléctricas ao longo do leito do Río Sil.
Pola súa banda, o xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Antonio Casas, subliñou a variedade de elementos deste programa que coinciden co modelo turístico que se pretende impulsar desde a Xunta de Galicia. Como novidades da iniciativa destacou o incremento no número de participantes ao rexistrar 69 adegas, 13 restaurantes, 21 aloxamentos e un total de 60 iniciativas de turismo activo, ademais dunha nova ruta de buses que sairá da cidade de Ferrol. Finalmente, Antonio Casas, puxo en valor as posibilidades que ofrece o esta modalidade para desestacionalización do turismo.