Apia Natura: Meles das distintas rexións de Galicia recoñecidos a nivel internacional

Esta iniciativa de Elías Seoane está repartida en máis de 500 colmeas por todo Galicia, das cales saca resultados de diferentes partes do territorio con resgos moi representativos. O tratamento do produto, o tipo de abella ou a relación do animal co entorno son cuestións clave que dan lugar a mostras de calidade seleccionadas e recoñecidas en galardóns internacionais

Apia Natura: Meles das distintas rexións de Galicia recoñecidos a nivel internacional

'La Original' a primeira mel traballada pola marca, feita a partir dunha mestura de meles de todo Galicia

Un mel de excelencia que sexa un reflexo da paisaxe e do territorio. Este é o obxectivo do apicultor e promotor da marca Apia Natura, Elías Seoane. A consecución dun produto premium, alleo ao industrial e completamente natural é a base da súa filosofía. Os resultados obtidos a partir de colmeas repartidas por toda Galicia orixinan unha gama de meles que son o reflexo da súa orixe xeográfico.

A importancia do entorno xunto ao tratamento que reciben as colmeas dan lugar a meles únicas con características de diferentes rexións de Galicia. A súa estratexia de fabricación hibrida experiencias ancestrais con avanzadas técnicas de vangarda. Facer un proceso de decantación lenta ou evitar sobrequecementos na extracción é un dos eixos principais no seu método de traballo para xerar meles puros, considerados dos mellores do mundo e premiados recentemente no London Internacional Honey Awards.

Características do mel e métodos de traballo

A primeira característica que o apicultor destaca é que “se trata de meles seleccionadas dentro de Galicia, en zonas coas mellores producións”. Dentro das gamas de produtos que traballan está ‘La Original’, un blend froito da mestura de meles de todo Galicia, desde colmeas asentadas nas Rías Baixas a outras localizadas nos Ancares ou no Courel. Lanzada antes da pandemia, foi un dos primeiros bastións de Elías Seoane, e así mesmo, a primeira en recibir unha mención de ouro nos London International Honey Awards 2020. Durante o 2021, renovou o galardón no mesmo posto, e ademais conseguiu un terceiro posto na categoría de deseño pola etiqueta do produto, feita por seu irmán, Mateo Seoane.

'La Original', o primeiro mel que traballaron e o máis galardoado

‘La Original’, o primeiro mel que traballaron e o máis galardoado

Na evolución da marca, Apia Natura sacou unha nova liña de tres meles de zonas concretas de Galicia. Calquera deles, recibiu a medalla de ouro nos premios internacionais de Londres 2021. Un procede das Rías Baixas e “é un mel moi clariño, onde abunda eucalipto, acacia e algo de silva, cunhas propiedades organolépticas moi contidas, sen grandes retrogustos que dan lugar a un resultado doce”, explica Seoane. Unha segunda gama de meles correspóndese a meles de interior, da provincia da Coruña e da zona do Mandeo principalmente, nos cales “predomina o castiñeiro e que da lugar a meles con máis corpo, máis cor e sabor máis intenso”, detalla o apicultor. Por último, Apia Natura ten unha mel de alta montaña, “un mel moito máis escuro, onde predominan as queirugas, os melatos e partículas de castiñeiro, na cal apenas existen toques doces, e moi floral en nariz”, especifica o promotor de Apia Natura.

As tres tipoloxías de meles que conforman a gama máis recente de Apia Natura xunto con 'La Original'

As tres tipoloxías de meles que conforman a gama máis recente de Apia Natura xunto con ‘La Original’

“En xeral, esta gama de tres meles ben a representar todo o noso territorio” (Elías Seoane)

O método de traballo é outra das distincións que aporta Apia Natura á produción de meles no noso territorio. Aínda que “en Galicia temos uns meles incribles, un produto excepcional tanto se falamos de pole como de mel”, afirma Seoane. Na procura dun valor engadido, traballan dunha maneira que pretende respectar ao máximo o traballo das abellas mediante un proceso de decantación lenta e a temperatura controlada.

“Se tivera que escoller unha zona de Europa onde se producisen boas meles sería sobre todo Galicia,acompañada da cornisa cantábrica; unha franxa con gran potencial” (Elías Seoane)

“Evitamos calquera tipo de filtrado industrial que nos empeore o produto, para así non perder propiedades”, sinala Seoane. A súa maneira de abordar o proceso é mediante decantación lenta. Outro dos resgos do seu método de traballo que describe o apicultor da marca é que “non hai sobrequecementos en ningunha parte do proceso; nunca se pasa de 37 ou 38 graos o produto porque así non perdemos calidade”.

A relación abella e entorno

A marca galega traballa con abella autóctona. “Se traballamos con abella que está adaptada ao medio, neste caso a ‘apis mellifera mellifera’, moi característica do norte da Península; máis pequeniñas e agresivas, cun pouco menos de produción, pero un mel de maior calidade”, detalla Seoane. As baixas destas abellas en inverno son moi reducidas pola súa adaptación ao clima. Resiste moi ben as temperaturas baixas e as humidades.

O sistema de trofalaxia destes animais é longo. É por iso que con estas abellas cómpre buscar procesos de floracións longos para que as abellas traballen en idoneidade de condicións. Que sitios busca Apia Natura para as súas colmeas? As zonas onde se localizan as máis de 500 colmeas están sempre afastadas de calquera fonte de contaminación ou mesmo de zonas altamente concorridas. “En calquera punto no que nós consideremos que poida haber contaminación, onde incluímos certas ganderías, certos tipos de viñedos ou plantacións de transxénicos, e en xeral, sitios que poden utilizar sulfatos, non asentamos colmeas”, comenta Elías Seoane.

Algunhas das colmeas do proxecto galego ubicada nun espazo sen contaminacións.

Algunhas das colmeas do proxecto galego ubicada nun espazo sen contaminacións.

As zonas de floración autóctona teñen moita presenza en calquera das zonas seleccionadas pola marca para as súas colmeas. “En alta montaña xa non hai outra cousa, pero en interior buscamos zonas onde predomine desde carballo ou castiñeiro ata bidueiros e queirugas”, expresa Seoane. Da mesma maneira, o apicultor detalla que “a calidade do mel non está plenamente conectado co tipo de floración, se é autóctona ou non, pero o gran nivel de meles que hai en Galicia débese en parte a elo”.

“As mellores meles non teñen por que ser únicamente de árbores autóctonas. Si que é verdade que para representar o noso mel, e para diferenciarnos, é imprescindible incluír estas floracións” (Elías Seoane)

Entre os obxectivos futuros de Apia Natura está seguir na mesma liña na que están: continuar elaborando un produto de máxima calidade, aínda que moitas veces teñan que sacrificar cantidade. A partir desta premisa, cada día intentarán mellorar os procesos de elaboración, buscando a aplicación de melloras e de innovación para levarlle ao consumidor un dos mellores meles do mundo.

Consellos ao sector apícola galego

Unha das claves para obter un produto de calidade é o trato que recibe unha vez se extrae das colmeas. Isto afectará ás súas características. “Traballar con coidado coas abellas, cos fumes que se utilizan, ter extraccións moi controladas en tema de temperaturas principalmente, para non sobrequecer o mel”, aconsella Elías Seoane. Todo o trato que se lle dá ao produto é fundamental para obter os mellores resultados. Nel influirán desde o volume e calidade do fume que se empregue ata o transporte das alzas, ou a propia extracción.

Buscar zonas boas, con boas floracións e sen afeccións de sulfatos ou pesticidas. “Se te estás iniciando a clave é localizar unhas floracións autóctonas que dean bo rendemento e produción, sen deixar de lembrar que canto máis explosivas sexan as floracións do entorno, máis vai afectar á súa produción”, recalca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información