A situación de grave crise que atravesan as explotacións lácteas fai precisas novas liñas de apoio. É a conclusión á que chegou o Ministerio de Agricultura, que estuda medidas dirixidas ás granxas con altas débedas ou con problemas de viabilidade. O secretario de Agricultura do Ministerio, Carlos Cabanas, anunciou que traballarán coas comunidades autónomas para valorar distintas posibilidades.
O anuncio chegou na sexta reunión do comité de seguemento do acordo lácteo, un foro mensual no que participan os asinantes do pacto de setembro, industrias lácteas, cadeas de distribución, cooperativas, Asaja e o propio Ministerio. No encontro, Cabanas fixo un repaso polos escenarios de prezos, produción e consumo, todos eles pouco alentadores.
Produción e consumo
A produción de leite continúa en ascenso, en comparación cos mesmos meses do ano pasado, e os prezos evolucionan á baixa, aínda que Cabanas precisou que por primeira vez en moito tempo, España ten un prezo superior á media europea. Agricultura, con todo, recoñece que tamén hai zonas, caso de Galicia, cun prezo inferior, e gandeiros en situación complicada.
O consumo de lácteos caiu en xaneiro un 10% en relación ó mesmo mes do ano pasado. A parte positiva, soben os prezos no super
En canto ao consumo, en xaneiro a caída foi dun 10,6% en relación ao mesmo mes do ano anterior. A parte positiva, os prezos ao consumidor subiron un 1,3%.
Agricultura presentará nos próximos días o segundo informe trimestral sobre o grao de cumprimento do acordo lácteo. O Ministerio destaca avances como o protocolo posto en marcha entre industria e distribución para resolver posibles incidencias relativas á utilización do leite como produto reclamo, así como o avance no contrato homologado.
Cabanas, por último, animou ás industrias a avanzar na identificación da orixe do leite, un terreo no que aínda é necesario traballar.