A gandería lucense SAT García Quintana, situada en Trabada, leva traballando tres anos co programa de xestión do gando Uniform-Repro. Coñecemos a súa experiencia e valoracións con respecto desta ferramenta que contribúe á dixitalización da granxa. Paco Oliveros, un dos socios da SAT valora o uso do programa.
-Como é a túa gandaría hoxe?
-Actualmente temos entre 180 e 200 vacas en ordeño. O rabaño témolo dividido en dúas zonas de naves, distanciadas uns 500 metros entre elas. Nunha zona están as vacas en lactación e as secas, na outra a recría. Seguimos levando a gandaría 6 socios, 4 traballamos onde as vacas, os outros 2 traballan na recría.
A nosa SAT foi fundada en 2004 (con 4 socios). En 2015 fusionámonos con outra gandaría, para formar SAT García Quintana, e pasamos a ser 6 socios.
Cando tiñamos sistema de muxido en sala, dúas socias dedicábanse expresamente a muxir as vacas á mañá e á tarde. Agora que xa temos todo o muxido con robots, o que facemos é traballar os 4 que estamos coas vacas a quendas, mañá e tarde, e facemos varios labores (alimentación, encamado, arrimar vacas ao robot, etc). Gañamos moito en calidade de vida.
-Como crees que serán as gandarías de produción de leite no futuro?
-Creo que o futuro se presenta complicado. Non o vexo escuro do todo, pero tampouco claro. As gandarías que queden serán moi profesionais e eficaces. Agora mesmo, coas marxes que temos, polos prezos dos cereais ou as cuestións ambientais para a xestión dos xurros, especialmente aquí na cornixa… hai que ser moi eficaces e aproveitar a tecnoloxía da que dispomos.
-Cal é a última innovación que fixestes?
-A última innovación que fixemos foi a instalación do terceiro robot en agosto de 2020.
Tamén renovamos a nave de recría, seguindo as últimas recomendacións para o benestar das tenreiras e xovencas. Asesorámonos na orientación da nave, ventilación, metros por animal, etc. Fixemos a obra a principios deste ano.
-Cal é a vosa experiencia con UNIFORM despois destes anos? Como vos axuda no día a día?
-A nosa experiencia con UNIFORM-Repro é moi positiva. Agora resultaríanos realmente difícil manexar a granxa sen o programa. Revisamos e utilizamos as listas de tarefas todos os días, é o primeiro que facemos ao chegar á granxa. Tamén utilizamos moito a App móbil. Usámola sobre todo os que traballamos coas vacas adultas. Xa apenas usamos o papel, só para cousas moi puntuais.
-Paréceche importante ter un programa de xestión? Que beneficios lle ves despois deste tempo utilizándoo?
-Hoxe en día paréceme algo imprescindible. Cun programa tes acceso a datos e información en todo momento, en listaxes, en gráficos… Ademais, con UNIFORM-Repro, a primeiros de ano temos xa toda a revisión de como vai ir o ano, porque revisando datos e informes de anos pasado podemos facer esa análise. Tamén nos proporciona saber cal é a nosa marxe de mellora, en que aspectos da gandaría podemos mellorar, ou se estamos estancados ou non.
“Co programa tes acceso a datos do pasado para poder analizar ben, e tamén un acceso sinxelo e rápido para o traballo diario”
-Crees que é importante para as gandarías de tamaño como a túa utilizar o programa de xestión UNIFORM? Por que?
-Creo que é moi importante, polo que xa comentei antes. Cun programa coma este tes acceso a datos do pasado para poder analizar ben, e tamén un acceso sinxelo e rápido para o traballo diario, tes os datos ao instante.
-Como valoras o servizo de asistencia?
-Pois nunha escala do 1 ao 10 daríalle un 9, e porque a perfección non existe (ri). A asistencia é moi rápida, sempre que o necesitamos, o equipo de soporte reaccionou rápido e deunos unha solución. Tamén está moi ben toda a información adicional que se nos ofrece aos usuarios, como os seminarios online e presenciais, os vídeos demostrativos ou os boletíns.
-Estás contento coa interfaz con robots Lely? Por que?
-Si, moito. O programa dos robots usámolo para o imprescindible, para aquilo que se require enviar a orde directamente á máquina para evitar calquera erro ou interferencia. Basicamente, para a separación de leite por uso de antibióticos. Para todo o demais utilizamos UNIFORM-Repro como programa principal. Pasa todos os datos perfectos ao programa dos robots, ao instante, e as máquinas funcionan ben.
-Cal é o maior reto na túa gandaría actualmente? Como che axuda UNIFORM-Repro a superalo?
-Agora que xa temos as naves completas, poderiamos barallar pór un cuarto robot. Pero non o estamos valorando. Creo que agora o reto real é que, co que xa temos, cheguemos á máxima rendibilidade posible, e mantendo un bo nivel de vida.
O programa UNIORM-Repro axúdanos moito, porque mostra onde podemos mellorar, en que partes da xestión reprodutiva temos que traballar máis, que touros podemos utilizar… Tamén podes ir vendo a produción a diario e ir facendo seguimento. É moi rápido, e esa é a gran vantaxe para ser máis eficiente, ser rápido.
-Recomendarías UNIFORM-Repro a outros gandeiros? Por que motivos?
-Recomendaríao sen lugar a dúbida. É moi fácil de usar no computador e a App móbil é súper cómoda.