Acruga leva 18 reses á poxa de machos e femias de Adai, que se celebra este venres 6

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega presentará oito xatas preñadas da Granxa Gayoso Castro, así como seis femias e catro machos de sete ganderías

Acruga leva 18 reses á poxa de machos e femias de Adai, que se celebra este venres 6

Poxa anterior en Adai. / Arquivo.

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) continúa coa súa labor de promoción da raza cunha nova poxa de femias e machos, que se desenvolverá na feira de Adai (O Corgo, Lugo) este venres a partir das 12 horas. O evento, que en principio será o último da tempada de poxas, é un dos poucos que se puido manter trala pandemia. Acruga agarda, por tanto, unha boa participación e tamén boas cotizacións das reses, que terán unha axuda á compra de Caixa Rural Galega de 200 euros as femias e 300 euros os machos.

A poxa comezará ás 12 horas e as persoas interesadas en retirar tarxetas para participar poderán facelo minutos antes do inicio. Acruga presentará na feira de mañá oito xatas preñadas, de idades comprendidas entre os 25 e os 30 meses, procedentes todas elas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, así como seis novillas e catro machos procedentes de sete ganderías dos concellos de Samos, Pantón, Lugo e O Corgo.

O prezo de saída para os exemplares da Granxa Gayoso Castro, froito dunha colaboración entre Acruga e a Deputación de Lugo, será de 1.900 euros. Por outra banda, os gandeiros e gandeiras establecerán a cantidade na que arrinca a poxa para os seus exemplares. As femias contan cunha axuda aportada por Caixa Rural para a súa adquisición de 200 euros por cada unha e de 300 no caso dos machos.

O presidente de Acruga, César Dorado, salientou estas achegas de Caixa Rural nun contexto no que se viron restrinxidas as oportunidades de compra. Dorado ensalzou a cita de mañá por ser unha feira con “moita aceptación, dado que concorren moitos compradores e véndese moi ben”.

Rabaño de elite
Oito dos dezaoito exemplares que irán mañá venres á poxa de Adai son parte do rabaño de elite da granxa Gayoso Castro, que funciona grazas á estreita colaboración de Acruga coa Deputación de Lugo dende a sinatura dun convenio no ano 2007. O obxectivo común é mellorar a xenética e promover a expansión da raza, cubrindo a demanda de gandeiros de Rubia Galega e tamén a de novos criadores que apostan pola súa incorporación a esta raza.

Segundo explicou Dorado, é unha vantaxe adquirir en Adai xatas deste centro de recría porque “xa están seleccionadas a través dun proceso xenético, proceden de reprodutores con bos índices xenéticos”. Polas boas cualidades das reses, dende Acruga agardan unha boa participación e boas cotizacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información