A Xunta anuncia que mañá comezará a ingresar case 14 millóns de euros en axudas ás ganderías de vacún de carne

A Xunta anuncia que mañá comezará a ingresar case 14 millóns de euros en axudas ás ganderías de vacún de carne

O conselleiro do Medio Rural, José González, nunha visita a unha gandería do concello da Peroxa

A Xunta anuncia que comezará a aboar mañá xpves preto de 14 millóns de euros a máis de 7.300 gandeiros de vacún de carne para paliar as consecuencias no sector da invasión rusa de Ucraína. Casualmente este anuncio coincide coa mobilización dos produtores prevista para xusto mañá xoves en Lugo, en demanda dun incremento dos prezos da carne en orixe, da non discrminación do sector nas axudas da nova PAC e de solucións ao problema dos ataques dos lobos ao gando.

Así mesmo, o conselleiro do Medio Rural, José González, anuncia que vén de remitirlle unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, solicitándolle unha reunión urxente para tratar unha batería de propostas en defensa do vacún de carne, tal e como avanzara na última Conferencia sectorial de agricultura e desenvolvemento rural. Na misiva, o titular de Medio Rural transmite que “cómpren solucións para a situación que está a vivir este eido fundamental do sector primario, dado que os prezos pagados aos gandeiros de vacún de carne non chegan -sinala- para cubrir o incremento dos custos de produción rexistrado nos últimos dous anos”.

Nesa liña, pon sobre a mesa medidas como analizar a posibilidade de modificación do primeiro piar da PAC, para igualar o apoio ás vacas nutrices do vacún de carne co apoio que ten actualmente o vacún de leite, e a flexibilización dos requisitos da nova campaña destas achegas, incluídos os ecorreximes e o caderno dixital.

Ademais, demanda que se baralle a eliminación do IVE da carne -aínda que sexa temporal-, a modificación da Lei da cadea alimentaria para que se definan mecanismos necesarios de cálculo dos custos de produción do vacún de carne que se poidan ter de referencia -como podería ser a aplicación Contacarne- e que se estude a repartición dos prezos en cada elo da cadea de valor co gallo de comprobar que se cumpre a Lei da cadea alimentaria e evitar marxes abusivas na industria e na distribución, garantindo un prezo xusto para os produtores.

A maiores, na carta o conselleiro aposta por establecer axudas extraordinarias para sectores como o vacún de carne mentres se manteñan á alza os prezos dos insumos das explotacións, promovendo na Comisión Europea outra autorización adicional do 5% dos importes anuais dos Programas de Desenvolvemento Rurais nacionais ou do Plan Estratéxico da PAC para destinar a estes sectores, ou ben novos mecanismos que permitan habilitar axudas alternativas.

Así mesmo, o conselleiro avoga por outras medidas, como por demandar a Europa que a gandaría extensiva dispoña dun mecanismo de axuda, en forma de prima anual por animal, para compensar aos produtores polos beneficios que aportan ao territorio e ao medio ambiente ou por promover campañas de promoción e medidas a prol dos produtos locais fronte aos de terceiros países, entre outras propostas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información