Xornadas formativas na Veiga sobre iniciación e mellora da gandaría de vacún de carne

Xornadas formativas na Veiga sobre iniciación e mellora da gandaría de vacún de carne

Ganderia Lameiro, na Veiga (Ourense)

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto organizar un curso sobre iniciación e mellora da gandaría de vacún de carne no concello ourensán da Veiga. Organizada polo departamento de Investigación e Transferencia da Agacal, a acción formativa ten previsto desenvolverse dende o vindeiro luns día 20 de setembro ata o venres 24 no Centro de Desenvolvemento Rural da localidade.

A iniciativa, que se impartirá en horario de mañá, constará de 25 horas lectivas entre sesións teóricas e prácticas co obxectivo de incrementar o nivel de profesionalización do sector de vacún de carne galego. En concreto, na parte teórica analizarase a situación actual do sector, as razas de vacún de carne, a alimentación destes animais e a súa reprodución, así como conceptos básicos arredor da comercialización, da sanidade e do manexo ou sobre a implantación e fertilización de prados, entre outros. Mentres, a parte práctica consistirá nunha visita a unha explotación para aplicar os coñecementos previamente adquiridos.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Para asistir ao curso é preciso descarga a solicitude na web de Medio Rural e remitila cuberta ao enderezo electrónico transferenciatecnoloxica.cmr@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 981546689.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información