A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

O grupo biotecnolóxico Zendal invirte na start up Innogando

A empresa galega, con sede no Porriño e que exporta as súas vacinas a 65 países, realizará unha achega económica e prestará a súa rede comercial aos creadores de Rumi, un dispositivo para xeolocalización e seguimento en tempo real do gando

Innogando RumiRumi, o colar intelixente que permite a xeolocalización e seguimento en tempo real do gando, acaba de recibir un importante respaldo por parte do grupo biotecnolóxico galego Zendal, que formalizou a súa aposta pola start up Innogando cun primeiro investimento destinado á cocreación de dispositivos especializados que melloran a produtividade dos animais.

Esta aposta de Zendal por Innogando reforza o proxecto da start up galega, que foi destacada na Clasificación das Mellores 100 Start ups de España 2021 pola súa labor nos campos da tecnoloxía aplicada ao sector gandeiro e a mobilidade. A participación de Zendal non se circunscribe unicamente á achega económica, senón que tamén prestará apoio coa súa rede de distribución.

Para Zendal esta alianza con Innogando enmárcase nun proxecto máis amplo, que abarca a colaboración con outras empresas emerxentes e que confirma a aposta da biotecnolóxica con sede no Porriño pola coinnovación e a transformación dixital no mundo da saúde e o benestar.

Alianza estratéxica

En palabras do seu CEO Andrés Fernandez, “o apoio a Innogando reflicte o noso compromiso coa investigación e o desenvolvemento nas áreas de saúde humana e animal, cun obxectivo final que é a mellora da calidade de vida e do benestar”.

Zendal, que xa fabrica vacinas veterinarias, ampla desta forma a súa aposta pola innovación en saúde animal coa creación de dispositivos que melloran a produtividade do gando

Zendal é a marca corporativa dun grupo biotecnolóxico que aglutina a seis empresas enfocadas á investigación, o desenvolvemento, a fabricación e a comercialización de vacinas de saúde humana e animal e outros produtos de alto valor engadido para o ámbito da saúde. As firmas que se atopan baixo o seu paraugas son CZ Vaccines, Biofabri, Vetia, Petia, Zinereo e Probisearch,

A compañía, con sede no Porriño, conta cun equipo formado por máis de 500 persoas, na súa maioría de alta cualificación. As súas diferentes instalacións posúen múltiples áreas diferenciadas de produción biotecnolóxica e laboratorios, en España e Portugal (previsto no primeiro cuadrimestre de 2022), o que a posiciona en lugar preferente para a produción de vacinas en Europa. Actualmente, exporta os seus produtos de saúde a 65 países.

Mellorar a produtividade do gando

Elio López, CEO de Innogando

Elio López, CEO de Innogando

O proxecto de Innogando nace da inquedanza dun grupo de mozos e mozas formados nas áreas de Veterinaria, Informática e Electrónica para dar resposta a unha demanda de dixitalización do sector gandeiro. Neste caso, para mellorar a calidade de vida dos gandeiros profesionais a través da tecnoloxización de moitos sistemas e, ao mesmo tempo, ampliar a rendibilidade da súa granxa e reforzar o benestar dos seus animais.

Entre os desenvolvementos máis destacados desta empresa con sede no Arneiro atópase Rumi, un sistema de localización GPS para gando que monitora en tempo real o estado do animal e recompila toda a información nunha App para que o usuario poida acceder a ela cando o necesite.

A boa acollida de Rumi permitiu a Innogando afianzar as súas vendas a nivel nacional e preparar o salto para a venda internacional

A boa acollida deste produto permitiu un crecemento rápido da compañía, que conta xa cun cadro de persoal de 10 traballadores e vendas a nivel nacional. Por iso, “a curto prazo expómonos como principais retos seguir medrando, para o que fortaleceremos a nosa rede comercial a nivel nacional e prepararémonos para dar un salto para a venda internacional, xa que neste tempo comprobamos a necesidade deste tipo de servizos e doutros nos que xa estamos a traballar”, destacou o CEO de Innogando, Elio López.

Innogando nace en 2020 como un proxecto no que tecnoloxía e natureza se unen co obxectivo de dixitalizar o sector gandeiro. A empresa está formada por gandeiros, veterinarios e enxeñeiros informáticos e electrónicos. O proxecto conta, ademais de co apoio de Zendal, co de Xesgalicia e Vigo Activo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *