O Goberno pretende deixar de subvencionar a alimentación das colmeas

COAG denuncia que suporía un sobrecusto duns 10.000 euros anuais para un apicultor profesional con 500 colmeas e considera a alimentación suplementaria en períodos como o outono e o inverno "imprescindible" debido aos efectos do cambio climático

Alimento sólido de mantenimiento, usado en otoño-invierno en las colmenas

Alimento sólido de mantemento, usado en outono-invierno nas colmeas

O sector apícola de COAG denuncia que o Ministerio de Agricultura pretende eliminar a subvención á alimentación suplementaria das abellas, vital diante dos efectos do cambio climático e a elevada mortandade en colmeas, e que en 2023 supuxo un sobrecusto anual de 10.000 euros para unha explotación tipo de 500 colmeas.

Durante a reunión deste mércores co secretario xeral de Recursos Agrarios e Seguridade Alimentaria do Ministerio de Agricultura, Fernando Miranda, o sector apícola de COAG mostrou o seu absoluto rexeitamento a esta proposta, que tamén eliminaría os apoios á compra de cera, equipos de protección individual ou gastos de envío e recollida de mostras.

A alimentación suplementaria das abellas é vital diante dos efectos do cambio climático e a elevada mortandade en colmeas debido á varroa e a vespa velutina

“O ministerio non pode botar balóns fóra e dicir que son imposicións de Bruxelas. A decisión do Ministerio baséase nunha interpretación excesivamente restritiva da base legal aplicable, polo que hai marxe para buscar alternativas e negocialas coas autoridades comunitaritas, tal e como nos trasladaron na propia UE”, subliñou Pedro Loscertales, responsable do sector apícola de COAG.

En Galicia, a Xunta xa priorizou este ano dentro do Plan Apícola os elementos de protección de colmeas contra a velutina e os tratamentos para a varroa fronte á alimentación e as ceras

A alimentación complementaria refírese a diferentes prácticas de suplementación da alimentación natural, practicamente imprescindibles na actualidade, que axudan aos apicultores a reducir a mortandade das súas colonias debido a cuestións ambientais (os efectos do cambio climático sobre a vexetación), a cuestións sanitarias (o debilitamento das colonias polas accións directas e indirectas do ácaro Varroa destrutor e polas técnicas de manexo utilizadas para maximizar a eficacia dos tratamentos) ou aos danos provocados por especies invasoras exóticas (Vespa spp.)

Os apicultores españois arrastran tres campañas consecutivas de graves perdas pola seca

O sector apícola de COAG xa remitiu ao MAPA o pasado mes de marzo un informe elaborado polos Servizos Técnicos de Apicultura desta organización que baixo o título, A alimentación suplementaria: unha ferramenta imprescindible para a supervivencia das colonias de abellas, advertía dos graves efectos para a viabilidade das explotacións profesionais apícolas da retirada destes apoios económicos. “Isto sería moi problemático no sector, non só polo que suporía en próximos exercicios, senón tamén porque moitos dos conceptos que se poñen en cuestión xa foron obxecto de gasto na campaña actual”, apostilou Loscertales.

Os apicultores españois arrastran tres campañas consecutivas de graves perdas por mor da seca, con reducións da colleita de mel de ata o 80% nas zonas con menores precipitacións. A pesar diso, os prezos pagados pola industria envasadora mantivéronse por baixo dos custos de produción, situando a miles de explotacións apícolas por baixo do limiar de rendibilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información