A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“En 2021 reciclamos máis de 90 toneladas de residuos na planta de Delagro das Pontes”

“En 2021 reciclamos máis de 90 toneladas de residuos na planta de Delagro das Pontes”

Pablo García Muñiz, responsable da planta nas Pontes

Hai 7 anos inaugurábase nas Pontes o complexo Multidisciplinar de Delagro e, desde entón, o espírito de mellora continua guiou o día a día nos 36.000 m2 das súas instalacións. Non só para ofrecer cada vez un mellor e máis completo servizo senón tamén para ir dando pasos firmes cara a unha produción cada vez máis sustentable.

Pablo García Muñiz, responsable da planta nas Pontes, cóntanos cales son os proxectos que puxeron en marcha en Delagro co obxectivo de contribuír á redución da pegada de carbono, entre os que destacan as iniciativas de reciclaxe e a procura de procesos máis eficientes.

“De papel e cartón, reciclamos 10.200 kg; de plástico, 17.400 kg e de madeira 62.500 kg”

“Hai xa tempo que en Delagro somos conscientes de que a suma de pequenos xestos sustentables finalmente marca a diferenza. Así que en 2021 decidimos agrupar todas esas pequenas accións que xa levabamos a cabo na planta das Pontes e marcámonos uns indicadores e unha folla de ruta para ir medindo a nosa contribución a unha produción máis sustentable. Poder comprobar que as medidas implementadas van dando os seus froitos motívanos e fainos sentirnos orgullosos, porque vemos que tamén teñen impacto á hora de prestar un mellor servizo ás cooperativas socias”, explica Pablo García.

Unhas medidas que, segundo explica, están baseadas no tres “R”: Reducir emisións, Reciclar e Reutilizar. “Para nós isto tradúcese en utilizar os recursos de forma máis responsable, a través da implementación de procesos máis eficientes”, sinala o responsable da planta.

Reciclaxe: clasificar e xestionar máis de 90 toneladas de residuos

No que respecta á reciclaxe, os datos recollidos ao longo de 2021 dan unha idea da magnitude operativa do complexo, que ten unha capacidade de produción de 40.000 toneladas de fertilizantes anuais. “De papel e cartón, reciclamos 10.200 kg; de plástico, 17.400 kg e de madeira 62.500 kg”, subliña Pablo. “Todos os residuos que xeramos na planta clasifícanse polo seu tipo e tramítanse a través dun xestor que os traslada ás plantas de residuos. Alí, posteriormente, trátanos para darlle unha segunda vida segundo o tipo de residuo”, engade.

Reutilizar madeira e cartón en bo estado: aforro e responsabilidade

Algúns envases reutilízanse antes de envialos a reciclar, aproveitando así ao máximo a súa vida útil. “Na planta reaproveitamos todos os pallets de madeira que recibimos e estean en bo estado para usar no almacenamento da mercadoría que nós mesmos envasamos. Facemos o mesmo coas caixas de cartón: todas aquelas que recibimos e estean en bo estado, clasifícanse e aprovéitanse na plataforma loxística para expedir mercadoría”.

Reducir a pegada de carbono: unha carreira de fondo

Respecto á redución da pegada de carbono, desde Delagro iniciaron un sistema de medición e control, implantando unha normativa interna e uns parámetros para o cálculo da pegada de carbono. Isto permitiulles reducir en 75 toneladas de CO2 as emisións nas Pontes. “Hai tempo que no complexo temos presente o obxectivo de reducir a pegada de carbono e cremos que chegara o momento de deseñar un plan para ir mellorando os nosos obxectivos, clasificando as medidas segundo a súa complexidade de implementación, custo e potencial”.

“Grazas a medidas como a instalación dunha planta solar, a substitución de carretillas diésel por carretillas eléctricas e a optimización de rutas, logramos reducir en 75 toneladas as emisións de CO2 nas Pontes”

Algúns dos pasos xa iniciados para conseguilo son a instalación da planta solar, a substitución de carretillas diésel por carretillas eléctricas, a utilización de insumos con materiais reciclados, plan de movementos e acarreamentos de mercadorías internas para reducir as emisións… “Nesta liña seguiremos achegando o noso grauciño de area para a construción dun futuro mellor”, sublña.

Carretillas eléctricas na planta de Delagro

Carretillas eléctricas na planta de Delagro

O camiño cara á sustentabilidade pasa pola eficiencia

A optimización de rutas e cargas é tamén clave á hora de reducir emisións. “Estamos en constante actualización e mellora das instalacións para incrementar a eficiencia da maquinaria, dos itinerarios para servir aos nosos clientes e dos protocolos de mantemento, o que ademais de ter un reflexo directo nos rendementos, que non deixaron de medrar, tivo un impacto na redución de emisións”, explica.

O centro multidisciplinar das Pontes é o centro neurálxico de Delagro, actuando como fábrica de fertilizantes e tamén como centro loxístico desde onde se presta servizo a miles de gandeiros e agricultores do norte de España e de Portugal. “Por iso é tan importante que funcione como un reloxo e iso implica tamén ser sustentable: aproveitar correctamente os recursos e traballar de forma eficiente. Isto é bo para o medio ambiente e para a sociedade, pero tamén para a propia organización e as persoas que dela formamos parte. Sabemos que este é un camiño longo, unha carreira de fondo, e que seguiremos actualizando estas cifras de 2021, chegando cada vez un pouco máis lonxe cun traballo de mellora contínua”, conclúe o responsable da planta. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *