Máis de trinta exposicións, concursos e presentacións para coñecer as razas gandeiras autóctonas en Abanca Semana Verde

Máis de trinta exposicións, concursos e presentacións para coñecer as razas gandeiras autóctonas en Abanca Semana Verde

A 44ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra entre o 2 e o 5 de xuño, contará na súa área gandeira con multitude de propostas para coñecer as razas autóctonas galegas.

En canto ás autóctonas de Galicia en perigo de extinción, estarán presentes de man da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA), Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) e Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Destacarán as súas exposicións e concursos morfolóxicos. Así, en canto a estes últimos, terán lugar o segundo Concurso da Ovella e Cabra Galegas, o 4º do Porco Celta, o 7º Campionato Galego da Galiña de Mos, que inclúe o 13º Concurso Monográfico e a 9ª Exposición e Concurso por lotes, e tamén unha nova edición do Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega de Puraga. Das bovinas celebraranse o 9º Concurso Morfolóxico da Raza Cachena, o 8º da Vianesa, 7º da Caldelá, 6º da Limiá e o 4º da Frieiresa. Ademais, de Galiña de Mos haberá un mercado de aves vivas con varios produtores de Avimós.

Estas razas en perigo de extinción tamén protagonizarán outras actividades, como o III Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta e as organizadas pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Estas serán as presentacións “O cabalo de pura raza galega, doma e morfoloxía. a nosa raza”, en colaboración co programa FEADER, Xunta de Galicia e Ministerio de Agricultura, e tamén o taller sobre “Coidado e ferraxe do pé do cabalo”.

Por outra banda, a feira Abanca Semana Verde contará nesta edición con outras razas autóctonas, como a Galiña Piñeira, o Can de Palleiro e a Rubia Galega. Desta última haberá unha ampla exposición organizada pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Loura Galega (Acruga), composta por 35 animais entre os que se mostrarán vacas, becerros e sementais.

Aínda que as razas autóctonas serán as protagonistas, tamén formarán parte desta área outras razas. Así, poderán verse algunhas avícolas, como a galiña Sussex, a Franciscana, a Isazul ou o pito de Pescozo Pelado, ademais de catro impresionantes parellas de bois das razas Minhota e Barroça e tanto un boi como cinco becerros de Maronesa,

Salimat Abanca

As razas autóctonas galegas tamén estarán presentes no 25º Salón de Alimentación do Atlántico. Participarán 15 produtores das razas en perigo de extinción baixo as marcas comerciais “Gandería Balín”, “Cachenas de Pantón”, “Cachenas de San Breixo”, “ Gandaría e Carnicería Lage”, “Gandería Tras do Río”, “Granxa Castro de Madrosende”, “Aves do Concello”, Montes de Boado” “Granxa Aeiroá”, “Granxa Pitagudín”, “Granxa A Ciruxana”, “O Agro-Roberto Louzán”, “Cooperativa Tres Fuciños”, “Embutidos Hermelino”, “Cárnicas Domínguez”, “ CienporCel” e “ Churras da Caneira”, que presentará ou seu novo Caldo de Galo da raza Galiña de Mos, elaborado con carnes da raza e grelos, entre outros ingredientes.

Así mesmo, estarán con stand Asoporcel e Boaga, participando ademais co restaurante “Tapirazas”, onde cada día se poderá degustar un menú diferente a base da maioría destas razas. “Tosta de focaccia con chacina de raza Cachena e crema de queixo San Simón da Costa”, “Goulash das razas Cachena, Caldelá e Limiá con castañas”, “Cabrito de raza Cabra Galega asado ao forno en dous coccións con patacas ao romeu”, “Bao de churrasco de raza Porco Celta con emulsión de chimichurri” ou “Galo de raza Galiña de Mos estofado a baixa temperatura” serán soamente algunhas das súas propostas, elaboradas polo cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do Restaurante AUTGA-Autóctonas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información