A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia entrou en vigor o 22 de maio de 2021. Dende entón, cos diferentes instrumentos creados ao abeiro desta norma, estanse a mobilizar máis de 9.300 hectáreas en toda Galicia.
Deste total de hectáreas, 8.788 ha corresponden a polígonos agroforestais e 574 ha a aldeas modelo. Entre ambos instrumentos de recuperación estase a beneficiar a máis de 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas.
Estas iniciativas póñense en marcha en aplicación desta norma, co fin de recuperar grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona. O obxectivo é dinamizar o territorio e xerar actividade económica, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais.
Polígonos de iniciativa pública
A día de hoxe, dos 21 polígonos de iniciativa pública existentes en Galicia, 10 están xa iniciados e 11 atópanse en fase de actuacións previas. Estes 10 polígonos xa iniciados supoñen a recuperación de 4.114 ha.
Así, os máis adiantados son os de Cualedro (con 64 hectáreas e unhas 72 parcelas de 70 propietarios) e Oímbra (preto de 22 hectáreas e unhas 72 parcelas de 73 propietarios), para os que xa se tramitou a declaración de utilidade pública. Nela establécense como usos e actividades admisibles para o polígono de Oímbra os cultivos agrícolas de ciclo curto e a gandaría en extensivo, ademais de árbores froiteiras como actividade secundaria. No caso de Cualedro, establécense como actividades a gandaría en extensivo e os cultivos complementarios.
Nos outros oito polígonos, téñense practicamente rematados os estudos de viabilidade, nos que se propoñen diferentes usos ou actividades para cada un deles, destacando os cultivos de horta, viñedo e forestal. Estes polígonos son os de Remuíño en Arnoia (224 ha e 6.753 parcelas), Barzamedelle en Leiro (146 ha e 183 parcelas), Pousada, en Riós (94 ha e 663 parcelas), Vences, en Monterrei (22 ha e 535 parcelas), Solbeira, en Paderne de Allariz (43 ha e 317 parcelas), Vilalén-Tomonde, en Cerdedo-Cotobade (68 ha e 1.534 parcelas), Mandelos, en Crecente (45 ha e 391 parcelas) e Santaia-Foxado, en Curtis (3.386 ha e 6.161 parcelas).
11 polígonos máis en fase inicial
Ademais, hai outros 11 polígonos de iniciativa pública nos que se ten iniciado un procedemento de actuacións previas, os cales suman 4.674 hectáreas e 9.750 parcelas de 5.013 propietarios. Trátase dos de Ver, en Bóveda; Barcia, en Navia de Suarna; Prado, en Castrelo de Miño; Freixido, en Larouco; Panascos, en Tomiño; Alta Limia, Corno do Monte e Lamas Ganade (todos eles en Xinzo de Limia); San Salvador de Sabucedo (Porqueira); A Graña de Seoane (Montederramo) e Soutopenedo (San Cibrao das Viñas).
En calquera caso, cómpre matizar que a Xunta busca desenvolver polígonos en zonas nas que exista vontade e interese por parte dos propietarios e da xente do lugar, xa que a Lei de recuperación establece como un tipo de zonas preferentes para o desenvolvemento de polígonos agroforestais de iniciativa pública aquelas nas que desde o inicio se conta co acordo dos propietarios de máis do 70% da superficie. Por este motivo, a Xunta colabora coas distintas administracións locais co fin de localizar ámbitos nos que se poida dar esta condición.
Dáse prioridade ás explotacións galegas instaladas que demanden base territorial
Ao abeiro dos polígonos, reestruturaranse as parcelas para que teñan un tamaño suficiente que garanta a rendibilidade en función dos cultivos, dando prioridade ás explotacións galegas instaladas que demanden base territorial.
Tamén, no caso dos polígonos agroforestais de iniciativa pública, serán zonas prioritarias aquelas de concentración ou reestruturación parcelaria rematadas que presenten un abandono superior ao 50%; as áreas cortalume, que se delimitarán con criterios técnicos co fin de xerar descontinuidades da biomasa que freen ou atenúen o avance dos incendios mediante a implantación da actividade agrícola, gandeira ou forestal; aquelas nas que se acredite a disposición de compromisos de adhesión ao proxecto, que deberán supoñer unha superficie mínima do 70% das terras incluídas no perímetro proposto do polígono agroforestal.
Entre as restantes zonas, darase carácter preferente ao desenvolvemento de proxectos de polígonos agroforestais cando concorran algunhas das seguintes circunstancias:
-Zonas de elevada aptitude agropecuaria delimitadas no catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia que se atopen en situación de especial abandono.
-Ampliación da base territorial das explotacións existentes mediante o acceso a terras estremeiras en situación de abandono ou infrautilización ou con usos ou orientacións non conformes coa cualificación feita no catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia.
-E recuperación e posta en valor de terras acaídas para producións acollidas a Indicacións Xeográficas Protexidas e Denominacións de Orixe Protexida, así como para producións que estean a optar a ese recoñecemento ou calquera outra marca de garantía de calidade.
Polígonos de iniciativa privada
En abril do ano pasado, a Consellería do Medio Rural lanzou unha Manifestación de Interese na que se preguntaba expresamente pola necesidade de terra para o desenvolvemento das actividades agrarias.
A través desta convocatoria recibíronse un total de 1.244 enquisas simplificadas sobre demanda de terra agraria e 255 proxectos completos para o sector agrario galego. A partir dos datos incluídos nestas propostas puidéronse xeolocalizar 991 solicitantes e 21.321,7 ha delimitadas xeograficamente. Neste senso, cabe sinalar que un total de 34 iniciativas amosaron interese por desenvolver polígonos agroforestais de iniciativa privada, que supoñen máis de 1.300 hectáreas a mobilizar.
Aldeas modelo
Así mesmo, cabe indicar que outro instrumento de mobilización e recuperación de terras que ofrece a Lei de recuperación son as aldeas modelo.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de resolver a declaración de tres novas aldeas modelo, no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Trátase das de Soutogrande, no concello ourensán de Vilariño de Conso; Cortegazas, no tamén municipio ourensán de Avión; e Ferreiros, na localidade coruñesa de Ames.
Así, a aldea modelo de Soutogrande, en Vilariño de Conso, ten unha superficie de 33,50 hectáreas, distribuídas en 99 parcelas de 46 titulares catastrais. Canto á de Cortegazas, en Avión, abrangue 15,11 ha, repartidas en 727 parcelas de 99 propietarios. Por último, a de Ferreiros, en Ames, ten unha superficie de 8,55 hectáreas, con 128 parcelas implicadas de 52 titulares catastrais.
As novas aldeas modelo decláranse en colaboración cos concellos correspondentes, todos eles situados en zonas de alto risco de incendios (ZAR) e adheridos ao sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.
Cabe lembrar que o obxectivo principal desta figura recollida na Lei de recuperación é devolver á produción terras con boa aptitude agronómica que se atopen en estado de abandono ou infrautilización, impulsando deste xeito nova actividade económica agroforestal que non só fixe poboación e xere riqueza na contorna, senón que -ao tempo- reduza o risco de incendios forestais e mellore a calidade de vida dos veciños dos núcleos que se busca poñer en valor.
As novas aldeas modelo declaradas súmanse ás xa en marcha e fan un total de 21. Por provincias, hai unha na Coruña, outra en Pontevedra, cinco en Lugo e 14 en Ourense que, conxuntamente, acadan as 574,27 ha de superficie de actuación, 9.346 parcelas e 2.359 titulares catastrais.
As aldeas modelo de Lugo son as de Trascastro (O Incio), Parada dos Montes (A Pobra de Brollón), Moreda (Folgoso do Courel), Bustelo de Fisteus (Quiroga) e Francos de Proendos (Sober). A situada na provincia de Pontevedra é a de Mouteira-Parada, no municipio de Cerdedo-Cotobade.
A maiores, séguese cos traballos de recollida de sinaturas doutras sete aldeas modelo de cara á súa aprobación: unha na Coruña, outra en Lugo, unha máis en Pontevedra e catro en Ourense. En total, representarán outras 194,84 ha de superficie de actuación, 3.395 parcelas e 901 titulares catastrais.
Uso eficiente e sustentable da terra
Todos estes instrumentos de mobilización de terras regulados pola Lei de recuperación, entre eles os polígonos agroforestais e as aldeas modelo, contribúen a un uso máis eficiente e sustentable da terra agraria a través da ordenación dos usos do solo rural e da minoración dos predios abandonados (co beneficio que isto supón para a loita contra incendios e o medio ambiente). Desta forma, contribúese á orientación das explotacións cara unha produción competitiva e sustentable que eleve, consecuentemente, o nivel de vida dos profesionais do sector primario de Galicia.
En definitiva, trátase de distintas fórmulas, pero todas cun mesmo obxectivo: dinamizar o territorio e xerar actividade económica para que sexa posible vivir no e do rural. E tamén para anticiparse aos lumes e diminuír os danos que poidan causar.