Arredor de 700 gandeiros de vacún de leite procedentes de España e Portugal déronse cita onte xoves na xornada de portas abertas celebrada na gandería SAT Lodos e Pérez, no concello lugués da Pastoriza.
Organizada por Lely, a xornada permitiu coñecer de primeira man unha gandería punteira tanto pola súa aposta polo benestar animal -foi unha das primeiras en instalar unha cornadiza flexible e sen barra superior que permite maior liberdade ás vacas-, pola robótica e polos excelentes datos de produción de leite.
Así, esta granxa familiar de recente creación conta con 170 vacas en muxido e produce diariamente arredor de 8000 litros. En concreto, os animais son muxidos de media tres veces ao día polos tres robots Lely Astronaut A 5 instalados, logrando unha produción promedio de 49 kilos de leite por vaca e día (o dato de onte foron 48,8 kilos).
Na gandería SAT Lodos e Pérez os robots contan tamén con báscula Gravitor de pesaxe, así como o Lely Pura, un sistema de desinfección das tetoeiras por vapor e tamén o MQCC2, un sistema de reconto de células somáticas creado por Lely . Por outra parte, esta granxa tamén dispón dun robot arrimador de comida Lely Juno 150.
A maior parte dos asistentes procedía de Galicia e Asturias, pero tamén houbo uha destacada presenza de gandeiros de Cantabria e Castela e León, e en menor medida de Cataluña e doutras comunidades. Destacou tamén a visita dun grupo duns 30 gandeiros de Portugal.
A xornada, na que tamén colaboraron as empresas Pensos Rego, Sumigan Muiña SL, ABS , Construcción CO.SE.CO. SL, Lebriquim e GeneAdvance, concluiu cun xantar campestre.