A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“A resina debera ser un sector estratéxico nas políticas forestais nacionais e europeas”

Aida Rodríguez, investigadora na Fundación Cesefor, é unha das maiores expertas tanto a nivel nacional como internacional sobre a actividade resineira. Coñecemos con ela máis sobre o sector, o aproveitamento da resina e algúns dos proxectos punteiros nos que está involucrada

“A resina debera ser un sector estratéxico nas políticas forestais nacionais e europeas”

Aida Rodríguez, investigadora na Fundación Cesefor.

Aída Rodríguez García é investigadora e coordinadora de proxectos na área de xestión de recursos naturais do Centro de Servizos e Promoción Forestal e da súa Industria de Castela e León (Cesefor). Leva máis de 10 anos traballando sobre a resina e hoxe en día é unha das maiores expertas no sector.

Nos últimos anos estivo inmersa en destacados proxectos como o grupo operativo Resinlab, aínda en marcha; así como o proxecto interregional SustForest Plus, que se prolongou durante os últimos 4 anos.

Con ela coñecemos máis detalles sobre estas iniciativas e sobre o sector da resina en España.

-Como é o sector da resina en España?
-O da resina debera ser un sector estratéxico, é dicir con plans e programas específicos, dentro das políticas forestais tanto a nivel nacional como europeo, xa que se trata dunha actividade tradicional, que crea emprego no medio rural, aliñada coas iniciativas de bioeconomía, economía circular e desenvolvemento rural. Así como poñen de manifesto varios traballos de investigación, a resinación é unha actividade que proporciona beneficios socioeconómicos, ambientais e servizos sistémicos e que polo tanto interesa promocionar e impulsar. Aínda que a actividade resineira ten menor tamaño que outras actividades forestais, é un sector vivo que crea emprego moi vinculado ao territorio, como moi poucas profesións logran facelo.

“A resina pode ser unha forma de contribuír á descarbonización”

-É unha actividade con futuro?
-O resinado ten unha proxección interesante, xa que o produto obtido é natural e renovable e cuxo principal competidor son os hidrocarburos. A resina pode ser unha forma de contribuír á descarbonización.

-Que factores condicionan que o sector da resina non estea máis en auxe en España?
-O sector acusa unha serie de problemas como a inestabilidade asociada ás fluctuacións do prezo da resina a nivel mundial e sobre a que non existe control. En anos coma este, no que a resina está a lograr prezos excepcionais, todo o mundo quere extraer resina, pero hai anos nos que o prezo da resina cae e entón abandónase a actividade. Somos moi dependentes destas fluctuacións. A nivel nacional procúranse medidas para estabilizar ou amortecer esas fluctuacións, para que o sector non sexa tan fráxil; en especial no que á profesión de resineiro se refire, xa que como é un traballo relativamente precario, duro e pouco recoñecido socialmente, en canto o prezo da resina baixa abandónase a profesión. Aínda que España teña uns montes resinables moi importantes, sen traballadores que extraian a resina de nada serve.

-Que motiva estas fluctuacións tan importantes de prezos?
-Europa representa apenas un 4% da produción mundial de resina. Os principais produtores son China e Brasil e os prezos están condicionados polo que suceda neses países. O aumento do prezo que se produciu en 2010 debeuse a un cambio claro en China, xa que pasou de ser exportador a importar resina, o que provocou un xiro do mercado.

-Cales son os principais usos da resina en España?
-A primeira transformación que se fai da resina sepárase en colofonia e aguarrás. A colofonia úsase principalmente en adhesivos, gomas, colas, vernices, tintas de impresión e tamén mesmo en usos alimenticios. En canto ao aguarrás, utilízase en disolventes, perfumería e cosmética, aromas, desinfectantes ou pinturas. 

“Necesítase incidir na profesionalización do sector, mellorar a percepción pública que se ten desta actividade e achegar transparencia sobre esta actividade e as posibilidades da resina”

-En que aspectos é preciso incidir para mellorar o aproveitamento da resina producida en España?
-Desde o punto de vista do traballador que extrae a resina habería que incidir moito na profesionalización da actividade e mellorar a percepción pública que se ten desta actividade. Tamén é necesario fomentar as agrupacións, xa que é un sector moi atomizado. Ademais é preciso fomentar a mecanización para lograr mellorar a rendibilidade da extracción.

Outro dos aspectos nos que se debe incidir é en achegar transparencia ao sector para que se coñezan datos como o número de resineiros, a superficie de monte en resinación ou as toneladas producidas e transformadas de resina en España. Doutra banda, tamén é necesaria a posta en valor do produto, dándoo a coñecer ao público xeral, de maneira que o consumidor coñeza en que produtos hai resina e as propiedades desta. Falta moito por facer en visibilización e valoración do produto.

-Esta resina queda no mercado nacional?
-Ata o momento practicamente o 100% da resina extraída en España queda na Península Ibérica. A industria de transformación española é importadora, compra toda a producida en España ademais de resina doutros países.

-Na fundación Cesefor estades a traballar en proxectos nacionais como o grupo operativo Resinlab. En que liñas de investigación vos centrades?
-Co Resinlab temos tres obxectivos principais: En primeiro lugar traballamos sobre a profesionalización do resineiro, fomentando o cooperativismo e asociacionismo. Tamén procuramos facer un diagnóstico do sector nas 3 comunidades autónomas nas que traballamos (Castela e León, Castela-A Mancha e Estremadura).

Outro dos bloques de traballo é realizar ensaios en campo para testear as novas metodoloxías de extracción mecanizadas en bolsa cerrada, fronte á tradicional, para ver se se mellora a rendibilidade coa mecanización. Ademais, estase a facer unha vixilancia dos piñeirais para asegurarnos que a extracción da resina non compromete a sustentabilidade dos piñeiros debido aos condicionantes climáticos.

A terceira parte do proxecto céntrase en crear un observatorio de datos para incrementar a transparencia do sector e potenciar a transferencia do coñecemento.

-En que fase do proxecto vos atopades?
-Atopámonos a metade de execución do proxecto, xa que terminaremos en abril de 2023 e en agosto de 2022 presentaremos os primeiros resultados. Na primeira parte avanzouse bastante, traballando nas tres comunidades elixindo poboacións concretas en cada territorio para poder facer un traballo a pequena escala e ver a realidade territorial, facendo xornadas de participación con axentes do territorio. Fixemos unha diagnose e agora estamos a implementar melloras, como o impulso e acompañamento de asociacións de resineiros en Soria, León e Guadalaxara.

Na parte de mecanización xa se fixeron ensaios o ano pasado e continúan nesta campaña. Polo momento, as producións mecanizadas son máis baixas que coa tradicional, xa que hai que mellorar o método.

Na terceira parte, aínda estamos a identificar aos expertos e recompilando a información. Nos seguintes meses crearase unha web onde envorcar toda a información.

“Co proxecto SustForest Plus creouse unha Rede Europea de Territorios Resineiros e de parcelas de experimentación entre España, Francia e Portugal. Agora falta que comecen a mobilizar ao sector”

-A nivel europeo, desde a Fundación Cesefor tamén estivestes involucrados en iniciativas como o SustForest Plus, no que participaron España, Portugal e Francia e que acaba de concluír hai apenas uns meses. Que resultados lograstes neste proxecto?
-Este proxecto estivo en marcha durante os últimos 4 anos e Cesefor exerceu de coordinador. Todos os resultados das iniciativas desenvolvidas poden consultarse na web de SustForest Plus, pero entre os máis destacados atópase a creación da Rede Europea de Territorios Resineros, unha asociación con representación dos 3 países e de toda a cadea de valor. Agora falta que esa rede empece a funcionar fóra do proxecto e comece a mobilizar ao sector. Tamén se creou unha rede de parcelas de experimentación, que tamén é de vital importancia para ir impulsando o I+D+i no sector. Ademais creouse unha aplicación (ResinApp) para controlar a rastrexabilidade da resina dende o monte á fábrica, o que será clave para a creación dun certificado de calidade, cuxas bases xa se estableceron dentro do proxecto e poden consultarse na súa propia web.

Logo Acrema 660

Logos asociados grupo Acrema

Proxecto financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desarrollo Rural 2014-2020, cun importe de 561.719,17 euros, financiado con fondos FEADER nun 80% e AGE nun 20%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *