A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

O Grupo Lence e a UNED de Lugo, unidos pola formación de futuros profesionais

A Universidade Nacional a Distancia e o grupo lácteo asinan un convenio que fomenta a colaboración entre o tecido empresarial e o ámbito docente, polo cal os alumnos poderán facer as súas prácticas nos laboratorios de Leite Río

Un momento da sinatura do convenio nas instalacións do Grupo Lence no polígono do Ceao

Momentos previos á sinatura do convenio de colaboración nas instalacións do Grupo Lence no polígono do Ceao, coa presenza de Carmen Lence, Ana Traseira, Jesús García (director de operacións do Grupo Lence) e Carlos García (director do proxecto NaturalMente da UNED de Lugo)

O Grupo Lence, que engloba entre outras actividades a transformación láctea baixo marcas como Río de Galicia ou Leyma, asinou este mércores un convenio de colaboración coa Universidade Nacional a Distancia (UNED) que permitirá ao medio cento de alumnos universitarios do grado de Químicas realizar as súas prácticas nos laboratorios cos que conta Leite Río. 

Este acordo, que pon de manifesto o compromiso do principal grupo empresarial lácteo galego coa formación dos estudantes lucenses, permitirá que os alumnos do centro asociado da UNED en Lugo non teñan que desprazarse a outros centros limítrofes, como A Coruña, Pontevedra, Ourense ou Ponferrada, para realizar as prácticas obrigatorias de laboratorio, que pasarán a desenvolverse nas dependencias da factoría Ceao II de Leite Río, ubicada no polígono industrial lucense. Deste xeito, os estudantes poderán dispoñer dunhas instalacións dotadas da última tecnoloxía para a realización das súas prácticas formativas.

Ao mesmo tempo, logo da sinatura este mércores dos tres primeiros convenios de prácticas para a formación dos estudantes de Química da universidade lucense nas dependencias de Leite Río a CEO do Grupo Lence, Carmen Lence, e a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, explicaron que a colaboración entre ambas entidades tamén permitirá a estudantes doutras titulacións levar a cabo prácticas curriculares e extracurriculares na sede do grupo empresarial lucense.

A colaboración é un dos valores do Grupo Lence e estamos moi orgullosos de prestar as nosas instalacións para a formación de futuros profesionais

“A colaboración é un dos valores do Grupo Lence: colaboramos cos nosos equipos, provedores, clientes e, como non, con institucións como a UNED. Estamos moi orgullosos de achegar as nosas instalacións para a formación de futuros profesionais”, declarou Carmen Lence trala sinatura do acordo.

O Grupo Lence mantén tamén unha estreita colaboración con outras institucións académicas, como por exemplo a Universidade de Santiago, dentro do seu programa piloto Smart Milk para axudar ás súas ganderías provedoras a ser máis eficientes, e tamén a través da Aula de Produtos Lácteos do Campus Terra, destinada á investigación de novos produtos derivados do leite. 

Leite Río mantén acordos tamén coa USC para axudar ás súas ganderías a ser máis eficientes e coa Aula de Produtos Lácteos do Campus Terra para a investigación de novos produtos derivados do leite

Pola súa banda, a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, agradeceu a Carmen Lence a súa sensibilidade e compromiso coa formación universitaria dos lugueses e manifestou a importancia deste acordo, posto que este ano será o primeiro que se poida ofertar este servizo ao alumnado. Ademais, incidiu na importancia de establecer sinerxías co tecido empresarial que poidan abrir portas e ofrecer oportunidades laborais aos novos titulados.

Preocupación polo medio ambiente e responsabilidade social

Ambas entidades manifestáronse moi satisfeitas co acordo e xa están a estudar novas vías de colaboración, entre as que se encontra o asesoramento en materia medioambiental, dada a coincidencia de obxectivos neste eido entre o Grupo Lence e a UNED. 

O grupo lucense ten un compromiso firme co rural galego a nivel económico, social e medioambiental

Os responsables da Universidade a Distancia detallaron a Carmen Lence e Jesús García os obxectivos do seu proxecto #LugoNaturalMente, que obtivo catro distincións nacionais en materia de sostibilidade no último ano e que ten tres eixos principais de actuación, como son a loita contra o cambio climático, a posta en valor do patrimonio natural e ambiental da provincia e a divulgación e promoción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 da ONU, aspectos que comparte o Plan Estratéxico de Leyma e Leite Río, coa sostibilidade económica, social e medioambiental do rural galego como aspectos fundamentais a acadar. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *