A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

O castiñeiro, o cultivo forestal de maior rendibilidade

Hifas Foresta analiza neste artigo a produtividade do castiñeiro en plantacións de dobre aproveitamento (froito e cogomelos) ou triplo aproveitamento (froito, cogomelos e madeira)

O castiñeiro é unha especie agroforestal presente en boa parte da Península Ibérica e Canarias, cun cultivo en alza debido á gran demanda de castaña, un froito cada vez máis valorado grazas ás súas características organolépticas e multitude de posibilidades de elaboración (secas, purés, fariñas, marmeladas, conservas, minestras, marrón glacè…).

Falamos dunha especie emblemática que sustenta gran cantidade de usos tradicionais, formando parte da nosa cultura desde hai séculos como recurso alimenticio, fundamental para persoas e gando, así como un elemento de construción, artesanía e combustible esencial en moitos pobos, constituíndo ademais un dos mellores exemplos de ecosistema produtivo integral e sostible.

Por todo iso, o castiñeiro supón un importante recurso para as zonas rurais de clima tépedo, en especial aquelas de media montaña onde a maioría dos cultivos non son viables, axudando deste xeito ao mantemento da poboación e da paisaxe rural.

Souto micorrizado.

Souto micorrizado.

Desde o punto de vista forestal son varios os estudos que evidencian que a mellora da rendibilidade forestal pasa por diversificar as producións forestais, incrementando as superficies para produción de froito. Neste sentido, o castiñeiro como especie agroforestal é unha das alternativas con maior viabilidade.

Rendibilidades
A Asociación Forestal de Galicia levou a cabo un destes estudos onde se evidencia que, desde o punto de vista de rendibilidade, analizando o TIR (Taxa Interna de Retorno) de varios modelos silvícolas, de diversas especies de frondosas caducifolias, as rendibilidades son moi baixas ata que na ecuación entra o froito (a castaña), converténdose entón en modelos produtivos moi interesantes.

Neste gráfico, podes ver exemplos de rendibilidade dos diferentes modelos silvícolas en masas de frondosas caducifolias. Pode apreciarse como as plantacións de castiñeiro, no modelo de máxima rendibilidade, chegan a proporcionar unha taxa de retorno do investimento dun 12,2 % anual durante a súa quenda, coa maioría de modelos ofrecendo unha rendibilidade de entre o 6,60 e o 12,2 %.

O castiñeiro chega a proporcionar taxas de retorno do investimento dun 12,2% anual, o que non ten comparación entre o resto de especies forestais

Se se busca no ranking de rendibilidade o primeiro modelo de non froito (só con aproveitamento de madeira), o liderado corresponde ao bidueiro, que nunha quenda de 25 anos ofrece unha taxa de retorno dun 5,35%.

Non só as frondosas caducifolias saen mal paradas neste estudo de 2018 sobre a comparativa de rendibilidade co castiñeiro para froito, pois un 70% das plantacións de piñeiro xeran intereses inferiores ao 2% anual.

Desde un punto de vista forestal, a tendencia é a de pensar nun aproveitamento madeireiro da plantación, polo que os modelos mixtos de produción de madeira e castaña poden ser unha boa alternativa para non descartar un aproveitamento da madeira, aínda que podería ser perfectamente compatible un enfoque puro de aproveitamento de froito nunha explotación forestal.

Produtividade
Pero ademais destas rendibilidades financeiras, algunhas veces tan difíciles de comprender para o profano na materia, como podemos analizar a produtividade dun castiñeiro?. Imos tentar desenvolver unha análise sinxela das produtividades dalgúns modelos de aproveitamento do castiñeiro.

Castaña de variedade negral.

Castaña de variedade negral.

A gran vantaxe do aproveitamento da castaña é que nos permite un retorno do investimento a curto prazo e unha renda anual, sen ter que esperar ao final de quenda, minimizando desta maneira riscos de perda do investimento, por exemplo, en caso dun incendio forestal.

A entrada en produción dunha plantación dependerá de dous factores fundamentais; a variedade de castiñeiro e os coidados culturais aplicados (regas, fertilizacións, control de vexetación de competencia…), pero podemos falar de entre 5-8 anos, alcanzando a madurez aos 20-25 anos, cunhas producións de entre 10 e 20 Kg/árbore aos 10 anos e de 50 Kg/árbore de media na súa madurez.

Desde Hifas Foresta, empresa especializada en castañicultura e micoloxía aplicada, desenvolvemos e fomentamos modelos multifuncionais, onde entran en xogo as producións de castaña e madeira, engadindo ademais o aproveitamento de cogomelos de alto valor mediante a micorrización dos castiñeiros con Boletus edulis.

'Boletus edulis' nun souto.

‘Boletus edulis’ nun souto.

O castiñeiro caracterízase por ter unha boa produtividade micolóxica, polo que optando por plantas micorrizadas con Boletus edulis podemos chegar a producións deste apreciado fungo de ata 200 kg/hectárea e ano.

Nun modelo multiproducto, empregaremos castaños híbridos resistentes á tinta, de clons seleccionados para produción de castaña (en Hifas Foresta seleccionamos os de maior rendemento e tamaño de castaña), e micorrizados con Boletus edulis, optando por plantacións a marco definitivo de 6×6 a 7×7 metros, o cal supón densidades de plantación de 277 a 204 pés/hectárea respectivamente.

Con este modelo podemos alcanzar producións aos 20 anos de 2.000 a 3.000 Kg/hectárea de castañas, 80-200 Kg/ha de cogomelos e 5-10 m3/hectárea de madeira (a cortar ao final da quenda – aprox. 45 anos).

Modelos intensivos ou marcos amplos

Nun modelo frutícola, podemos optar por comezar a nosa plantación a marcos amplos definitivos (10×10 m) ou optar por modelos intensivos de alta densidade 5×5 metros, 4×6 m, 5×6 m… que terminarán co tempo en marcos amplos 10×10 m, 8×12 m , 10×12 m… Con estes modelos, aínda que perdemos os ingresos finais de curta de madeira, maximizamos as producións de castaña, estando estas entre 3.500 e ata 8.000 Kg/hectárea, mantendo ademais as producións de cogomelos.

Ao mesmo tempo, nestes modelos pódenos interesar optar por cultivares tradicionais, para o que a planta para empregar sería enxertada sobre portaenxertos híbridos micorrizados con Boletus edulis, aínda que non hai porque descartar as variedades híbridas. En Hifas Foresta enxertamos unha selección das variedades máis destacadas para diferentes usos e mercados.

O método HIFAS (exemplo de optimización do modelo frutícola).

O método HIFAS (exemplo de optimización do modelo frutícola).

Produtividade anual de 1 hectárea de souto micorrizado
Plantación con 20 anosde idade a marco 7×7 metros (Triplo aproveitamento)
2.000 – 3.000 Kg. de castaña 3.000 – 4.500 euros
80 – 200 Kg. de cogomelos 640 – 1.600 euros
Madeira, 5 – 10 m³ 600 – 1.200 euros
Total 4.240 – 7.300 euros
Produtividade anual de 1 hectárea de ‘souto’ micorrizado
Plantación con 20 anos de idade a marco 10x10metros (Dobre aproveitamento)
3.500 – 7.500 Kg. de castaña 5.250 – 10.500 euros
80 – 200 Kg. de cogomelos 640 – 1.600 euros
Total 5.890 – 12.100 euros

Se comparamos estes ingresos anuais cos 350-600 € / ano estimados en piñeirais ou os 600-1.000 € ano do eucalipto (considerada a especie forestal máis produtiva na Península), vemos claramente como o castiñeiro con aproveitamento de froito é moito máis rendible.

Fonte: Proxecto I+D+i Hifas dá Terra e Centro de Investigación Forestal de Lourizán (1996-2.000).

Fonte: Proxecto I+D+i Hifas dá Terra e Centro de Investigación Forestal de Lourizán (1996-2.000).

Outro dos aspectos fundamentais á hora de analizar as rendibilidades dunha plantación son os custos de xestión, e aquí o castiñeiro tamén presenta unha gran vantaxe fronte a outras plantacións frutícolas, pois os traballos de mantemento son poucos e puntuais, xa que non presentan a necesidade de reiterados tratamentos fitosanitarios.

Pero é que ademais de todo o que vos contamos, o castiñeiro ten outra serie de beneficios máis ou menos intanxibles, como son a captación de CO2, o aumento da biodiversidade ou a axuda na defensa dos incendios forestais, xa que por exemplo, poden empregarse na planificación forestal en zonas de protección de núcleos de poboación.

Se queres profundar máis sobre o cultivo do castiñeiro, podes atopar máis información no noso blog.

Contacto Hifas Foresta

  • Teléfono: 986 917 361
  • E-mail: info@hifasforesta.com

* Enrique Fandiño

Enxeñeiro técnico forestal en Hifas Foresta.

3 ideas sobre “O castiñeiro, o cultivo forestal de maior rendibilidade

  1. José Vicente Rodríguez Ansede Rodríguez Ansede

    na rendabilidade do castiñeiro debese descontrar o prezo da man de obra de apañar a castaña e os cogumelos… tamen os custe de tratamentos fitosanitarios e podas, gasto en protectores e desbroces. Tamén dicir que o solko para a plantacion de castiñeiros corresponde cos solos de maior calidade de estacion

    Contestar
  2. José Vicente Rodríguez Ansede Rodríguez Ansede

    Ten valor simbolico o castiñeiro… pero esas contas con as contas da leiteira. chancro dano por gado. pragas . tinta. xeadas golpes de calor, avispiña….desbroces ainda q soamente sexa parapoder apañar as castañas e que non teñan gurgullo…..

    Contestar
  3. FERNANDO

    E se vives en Vadeorras, e se te queiman polos incendios, más as que comen os xabarins te queda o xusto para cubrir gastos.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *