Convocadas axudas para maquinaria agrícola en réxime asociativo

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230726/AnuncioG0426-110723-0002_gl.html

Prazo: Ata 28/08/2023

Resumo:

A Xunta incrementa este ano por riba do 11% a dotación das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo, ata chegar aos 7,8 millóns de euros na convocatoria correspondente aos anos 2023-2024. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan estas achegas ao longo dos próximos dous anos, que están financiadas co Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as cooperativas agrarias con sección ou servizo de maquinaria, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola en común (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria da terra con cinco ou menos anos de antigüidade ou as sociedades agrarias de transformación nadas da fusión de dúas ou máis explotacións nos últimos cinco anos naturais.

As axudas apoian, en concreto, os custos de adquisición de maquinaria agrícola e os honorarios dos técnicos encargados dos estudos técnicos-económicos de viabilidade do investimento. O seu obxectivo é promover o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, impulsar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego e racionalizar os custos de mecanización. Outras finalidades pasan por incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no rural galego.

O importe das subvencións será do 35% dos custos, unha porcentaxe que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios que priman a localización da entidade en zonas con limitacións naturais e o feito de que o beneficiario proceda dunha fusión de cooperativas. Ademais, este ano, como novidade, increméntase ata os 600.000 euros o volume total do investimento subvencionable para cada beneficiario (antes era de 250.000 euros). O investimento mínimo para poder recibir axuda é de 20.000 euros.

Os interesados nestas achegas contan cun mes de prazo para solicitalas a contar dende mañá, día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes deberán ser presentadas de xeito telemático, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *