Axudas para investimentos en actividades non agrícolas no rural

Medio Rural convoca estas subvencións con dúas liñas, unha para apoiar a adquisición de maquinaria e de equipamento en empresas xa existentes e outra para promover novas actividades empresariais en aldeas modelo

Publicidade

Administración convocante: Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220125/AnuncioO90-301221-0001_es.html

Prazo: Ata 25/02/2022

Resumo:

Aldea modelo de Trascastro, no concello lugués do Incio

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se convocan 3 millóns de euros en axudas para proxectos de investimento en actividades non agrícolas.

Cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, un total de 2,6 millóns de euros dese orzamento están asignados a este ano, mentres 400.000 euros corresponden ao vindeiro exercicio de 2023.

As solicitudes de subvención poderán presentarse no prazo dun mes contado a partir de mañá mércores e os investimentos deberán xustificarse antes do 30 de setembro

O obxectivo desta convocatoria é dobre. Por unha banda, a Xunta reserva 2,3 millóns de euros do presuposto a apoiar a adquisición de maquinaria e de equipamento en empresas existentes que desenvolvan actividades empresariais non agrícolas no territorio rural galego co gallo de contribuír á súa mellora, ampliación e/ou modernización.

Novas empresas e investimentos municipais nas aldeas modelo

Mentres, os outros 700.000 euros serán para apoiar a posta en marcha de novas actividades empresariais de carácter non agrícola nas aldeas modelo xa declaradas, nunha aposta por impulsar os instrumentos que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

A Xunta financia tamén obras de alumeado, saneamento, asfaltado e arranxo de centros sociais por parte dos Concellos

Co obxectivo de fomentar os investimentos nas aldeas modelo, o DOG deste martes publica tamén outra liña de axudas, orientada a Concellos, para financiar instalacións e servizos en aldeas modelo (alumeado, saneamento, pavimento, centros sociais, etc.).

Beneficiarios: persoas físicas ou pequenas empresas

Poderán beneficiarse destas axudas as microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de setembro do ano pasado, aínda que no caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo admitiranse empresas en constitución ou constituídas con posterioridade a esa data.

Os solicitantes deberán estar dados de alta antes do 1 de setembro do ano pasado, agás no caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo 

Tamén poderán acceder ás achegas persoas físicas que residan nunha zona rural e que estean suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, desde antes do 1 de setembro de 2021 ou despois, no caso tamén de proxectos en aldeas modelo.

Diversificación de actividades das explotacións agrarias

O mesmo requisito en canto ás datas de alta como autónomo ou de constitución de persoas xurídicas aplícase tamén para o terceiro tipo de beneficiarios, isto é, titulares dunha explotación agraria ou membros da súa unidade familiar que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

O proxecto deberá desenvolverse na propia explotación pero ha de ter carácter non agrario

O prazo de presentación de solicitudes de axuda será dun mes contado a partir de mañá mércores, día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O prazo límite para executar e xustificar as actuacións correspondentes á anualidade deste 2022 será o vindeiro 30 de setembro, mentres as de 2023 terán como data tope o 1 de agosto do ano que vén.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *