A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Atención personalizada e aforro económico co servizo de asesoramento xenético de Embriovet

Gandería Neiras SC é unha das explotacións galegas que está a confiar na profesionalidade da empresa galega especialista en xenética e embrións para a mellora da súa cabana gandeira

Óscar, de Embriovet, e Antonio Valcárcel, de Gandería Neiras SC, coas xovencas da explotación

Óscar Ousinde, de Embriovet, e Antonio Valcárcel, de Gandería Neiras SC, coas xovencas, o futuro da explotación

Nunha explotación de produción de leite as vacas son o seu principal capital. Do seu nivel morfolóxico e produtivo depende a rendibilidade da granxa. Por iso en Gandería Neiras SC están a apostar pola mellora xenética como ferramenta básica para lograr unha eficiencia cada vez máis necesaria a medida que os custos de produción se incrementan.

O servizo de asesoramento xenético que lles ofrece a empresa galega Embriovet permítelles aforrar tempo, preocupacións e diñeiro. Trátase dun servizo profesional flexible e personalizado que ten como finalidade última mellorar a marxe entre ingresos e gastos da granxa a partir da mellora produtiva, morfolóxica e de saúde dos seus animais.

Trátase dun servizo integral, continuo, flexible e personalizado, útil para calquera tipo de granxa. Cando se parte dun nivel máis baixo o salto é máis rápido e evidente

É un servizo asequible economicamente para calquera gandería que inclúe unha auditoría xenética de partida, a definición de obxectivos específicos e personalizados para cada gandería, o deseño do programa xenético e reprodutivo, a xestión dos datos xenómicos, a selección do seme a empregar e a definición dos acoplamentos.

“Empezamos a traballar nesta granxa no ano 2018 coa produción de embrións a partir dunha serie de animais destacados que había na gandería”, explica Óscar Ousinde, técnico de Embriovet, que é quen leva o seguemento desta explotación ubicada en Manán (Sarria), formada por unha cabana total de 144 animais cunha cualificación morfolóxica media de 81 puntos e unha media ICO de 3.377.

Profesionalidade e tranquilidade

Antonio Valcárcel é, xunto á súa irmá Ana, o propietario da granxa. Levaba anos tratando de mellorar pola súa conta o nivel xenético das súas vacas pero buscaba un traballo máis constante e profesional, polo que recurriu á experiencia e fiabilidade que ofrece Embriovet.  

“Empecei mercando algún embrión noutras ganderías galegas. O primeiro foi dunha vaca que daquela era número 1, a Campo 0383 Meridian ET, da gandería Campo de Lucín SC de Dumbría. Ese embrión deu moi bo resultado, vai parir agora de terceiro parto. Despois merquei outro embrión á gandería Baixo Holstein, daquí de Sarria, procedente da vaca Baixo Beemer Maruxa II ET, que deu Neiras Crushabull 9770 ET, que ao nacer na proba xenética xa resultou ser quinta de España por tipo. Buscaba continuar ese traballo e sacarlle o máximo rendemento ao investimento feito”, explica.

Fai anos saía un touro e duraba 5 anos; agora están aparecendo sementais novos continuamente, é unha loucura. Estar ao día require tempo e corres o risco de non atinar. Esta é unha maneira de estar sempre ao día

Antes de poñerse en mans de Embriovet, Gandería Neiras recurría ao servizo de acoplamentos de Africor Lugo. “Estaba contento, pero é un servizo máis limitado, porque as opcións de escolla circunscríbense unicamente aos touros de Xenética Fontao cando no mercado hai moitas máis posibilidades, pero dada a loucura de sementais novos que hai hoxe, leva tempo facer a escolla e corres o risco de non atinar”, recoñece Antonio, que buscou no servizo de asesoramento que ofrece Embriovet “apoio, seguridade e imparcialidade”, di.

Servizo independente e personalizado   

Óscar, revisando con Antonio os datos morfolóxicos dos animais, nunha das visitas trimestrais que fai á explotación

Óscar, revisando con Antonio os datos morfolóxicos dos animais, nunha das visitas trimestrais que fai á explotación

“Somos un servizo independente e totalmente personalizado adaptado ao que o gandeiro quere. Neste caso unha granxa robotizada necesita unhas condicións morfolóxicas moi concretas, pero ademais está o que o gandeiro desexa dos seus animais. Neste caso concreto o que queremos é mellorar as características morfolóxicas das vacas e a súa lonxevidade produtiva”, detalla Óscar.

“O feito de ser un servizo totalmente independente é importante porque ao non estar vinculados a ningunha casa de seme buscamos aquel touro que mellor se adapte, estea no catálogo dunha ou doutra empresa. Por lóxica, cada unha recomenda aos gandeiros os seus touros, é un asesoramento condicionado. O noso non”, aclara.

Ao non estar vinculados a ningunha casa de seme buscamos aquel touro que mellor se adapte en cada caso, en función dos defectos que se queren corrixir na granxa ou das características que se buscan nos animais

“Nós levámonos ben con todas as empresas de seme e temos boa relación con todas elas, pero á hora de escoller un semental eleximos de maneira obxectiva aquel que máis lle interesa ao noso cliente gandeiro”, detalla. Esta é precisamente outra das características que destacan do servizo de Embriovet, xa que ao ser personalizado permite corrixir os defectos que hai na granxa e explotar aquelas características máis destacadas dos animais.

Comprar o xusto, optimizando a elección do seme

“Nótase rápido o avance e o servizo págase só, simplemente co que se aforra na compra do seme. Non se trata de gastar máis en xenética, trátase de saber gastar e de optimizar todo o que compras. Consiste en mercar xusto o que se precisa, porque non é só que touros mercar, senón en que vacas utilizalos. Coa xenómica hoxe en día os datos son moi fiables e ás veces non compensa pagar unha cantidade elevada por unha dose tendo en conta o beneficio que se vai acadar con ela. Hai que buscar a medida xusta”, recomenda Óscar.

O servizo págase só, únicamente co que aforras á hora de mercar o seme. Trátase de optimizar o que compras e o gandeiro moitas veces non está ao tanto de todos os touros que hai dispoñibles porque ten moitas máis cousas ás que atender

“Aforras tempo en organizar o teu programa de mellora xenética, axúdanche a decidir cantas e cales xovencas criar e a facer a selección dos touros en función das túas necesidades e á marxe de criterios comerciais. Todo isto coa garantía de que cho está xestionando un equipo profesional que sabe do tema”, destaca Antonio.

Adáptase a todo tipo de ganderías, tanto pequenas como grandes, con sala, robot ou en pastoreo

Neste momento son 16 as ganderías galegas adscritas a este servizo xenético pioneiro que xurdiu da necesidade dun asesoramento imparcial para a escolla do seme. “Temos ganderías de todo tipo, desde 30 a 300 animais, e con distintos sistemas de manexo, desde robot a pastoreo pero o servizo é versátil e adáptase ás necesidades concretas de cada granxa. En cada unha delas as cousas a mellorar son distintas”, explica Óscar.

Cambio de prioridades co paso ao robot  

Neira Cruxa Bul 9770 ET é un dos animais máis destacados da gandería desde o punto de vista morfolóxico. Está parida de primeiro parto e foi donante xa de 10 embrións implantados na gandería

Neira Crushabull 9770 ET é un dos animais máis destacados da gandería desde o punto de vista morfolóxico. Está parida de primeiro parto e foi donante xa de 10 embrións implantados na gandería

A instalación dun robot de muxido no 2019 variou as prioridades na selección dos animais da granxa de Antonio. “Buscamos adaptar as características das vacas ás necesidades do robot. Cuestións como a lonxitude ou a colocación dos pezóns ou a velocidade de muxido son agora aspectos centrais, parámetros que estamos poñendo como restritivos á hora de escoller tanto os touros como as vacas das que recriamos”, explica.

A forma de traballar é flexible. O asesor visita a granxa cando menos unha vez cada tres meses e está en todo momento a disposición do gandeiro para aclarar dúbidas, analizar os avances ou reorientar os obxectivos fixados se fose preciso.

Grazas á mellora xenética, é posible aumentar a porcentaxe de sólidos sen perder volume de produción

“A atención é personalizada en todo momento e busca adaptar as características das vacas ás necesidades da explotación e ás demandas do mercado. Cunha industria que cada vez con máis intensidade reclama calidades e incluso produtos diferenciados como leite A2A2 a adecuada selección e planificación fai posible acadar os obxectivos con máis rapidez, gañando calidades sen perder volume”, destaca Óscar.

Buscando animais máis duradeiros

Gandería Neiras SC ten neste momento 60 vacas en muxido, cunha media de produción de 42 litros, unha porcentaxe de graxa do 4,1% e do 3,6% de proteína, polo que a capacidade de mellora nestes ámbitos e limitada.

“No noso caso non buscabamos un incremento da produción en si, porque nós xa viñamos de producións altas, incluso máis ca co robot, porque estabamos a tres muxiduras, pero a diferenza está en que eran animais con malas patas, malos ubres e que se acababan moi rápido. A tendencia que buscamos son vacas que en vez de dous partos, duren catro ou cinco”, detalla Antonio.

Unha adecuada selección xenética que nos leve a animais máis sans e máis lonxevos fará que se reduzan os custos de produción

É un traballo a longo prazo, recoñece, porque “aínda que cos embrións avances máis rápido, levamos só tres anos e é pouco tempo para ver resultados”, admite. “Os primeiros embrións que implantamos son vacas que están agora paridas de primeiro parto polo que é cedo aínda para que amosen todo o seu potencial, pero onde primeiro se nota a mellora é nas probas xenómicas das becerras, as que proceden de embrións despuntan todas”, di.

Obxectivo final: incrementar a marxe de beneficio das explotacións 

A gandería conta con robot de muxido e amamantadora para as becerras lactantes. A explotación aténdea Antonio coa axuda dun empregado

A gandería conta con robot de muxido e amamantadora para as becerras lactantes. A explotación aténdea Antonio coa axuda dun empregado

“Ao final a mellora xenética o que conleva é unha maior eficiencia á hora de xerar os ingresos da explotación, porque son animais máis rendibles, máis saudables e duradeiros, sen defectos e máis adaptados ao tipo de granxa, e no panorama no que estamos hoxe en día, no que os gastos soben e soben e o gandeiro non ten capacidade para controlalos, porque a granxa consome o mesmo, o que hai que tratar é de que a eficiencia da explotación sexa a maior posible”, argumenta Óscar.

No contexto actual de subas xeralizadas nos custos de produción, sobre os que o gandeiro non ten case capacidade de intervención para diminuílos, a rendibilidade da granxa, e en moitos casos a súa supervivencia, depende da eficacia e eficiencia na xeración de ingresos

“A vaca come o mesmo, sexa unha ou outra, pero os ingresos que xera non son iguais. A clave, pois, reside nos animais que teñamos, xa que mellorando a cabana a través da xenética conseguimos mellorar os ingresos da granxa por medio dunha maior eficiencia produtiva”, resume.

Óscar aclara que “non ten que ser unha gandería de élite a que recurra a este servizo de asesoramento xenético, senón que é válido e útil para calquera granxa”. “De canto máis abaixo se parta máis rápidos e evidentes van ser os resultados e, de cara ao futuro, se os cimentos son bos, máis estable vai ser o edificio”, compara.

“En momentos de crise coma este non se pode aforrar en xenética porque é algo que se acaba pagando”

As xovencas de Gandería Neiras SC están a despuntar nas probas xenómicas

As xovencas de Gandería Neiras SC están a despuntar nas probas xenómicas. No pasado mes de xaneiro obtiveron o posto número 1, 9 e 24 por tipo no ránking a nivel estatal que publica Conafe

Embriovet é unha empresa galega especializada en mellora xenética bovina que traballa en toda España e Portugal a través da produción de embrións tanto in vitro como in vivo. Dispón, desde o 2018, dun laboratorio de produción de embrións in vitro propio e encárgase tanto da súa extracción nos animais donantes como da súa posterior implantación nas vacas e xovencas receptoras.

Aínda que este novo servizo de asesoramento xenético a explotacións pode estar vencellado ou non á produción embrionaria, Óscar recoñece que os avances son máis rápidos se se traballa de xeito coordinado nos dous ámbitos: a selección do seme e o uso de embrións.

Esta foi a opción escollida por Antonio para a súa granxa. “A mellora xenética sempre é un investimento. Cos embrións o investimento é maior pero o retorno do investimento tamén é máis rápido. Con seme só, tes que pasar tres xeracións para mellorar o que melloras con embrións nun só parto. O investimento é máis forte pero tamén se recupera antes porque dun animal destacado de primeiro parto podes chegar a obter 10 descendentes, cando doutro xeito só terías 1. Ese é un salto cualitativo enorme”, recoñece Antonio.

Embriovet encárgase da extracción, produción in vitro e implantación posterior dos embrións para deste xeito sacar o máximo proveito posible aos mellores animais da granxa

Até o momento Embriovet leva producidos nesta gandería de Sarria un total de 52 embrións de 5 doandes distintas, que foron implantados noutros animais da explotación con menor nivel xenético. “É certo que o programa xenético de calquera granxa gaña moitísimo impulso e se acelera coa introdución de tecnoloxías embrionarias pero non é imprescindible, este é un servizo de asesoramento ao que pode optarse de xeito independente”, aclara Óscar.  

Despuntando nas probas xenómicas

En só 3 anos Gandería Neiras SC está a ver xa os resultados dese traballo. En xaneiro deste ano logrou a xata número 1 entre as mellores novillas xenómicas de España por índice xeral de tipo (IXT) con Neiras Moovin 3642 ET. Entre as súas becerras estaba tamén a número 9 e a 24 da listaxe que publica Conafe.

Gandería Neiras ten o 100% do seu rabaño xenotipado

Neiras Moovin 3642 ET foi un animal saído do laboratorio de Embriovet, pois xestouse a partir dun embrión in vitro. “É unha técnica interesante porque podemos facela a partir de vacas xestantes, nas que non interrompemos o seu ciclo reprodutivo e ademais obtemos os embrións que necesitamos para seguir adiante coa mellora xenética da granxa”, explica Óscar.

Rescate xenético, solución de urxencia para salvar o traballo feito

Ese animal era unha das grandes apostas de Antonio pero un percance repentino poucos días despois de que as probas xenómicas confirmaran o seu potencial estivo a piques de dar ao traste con esas esperanzas. “O que lle pasou é que tivo unha morte súbita e tivemos que vir de urxencia a facer un rescate xenético, que é outro dos servizos que ofrecemos”, explica Óscar.

O domingo 23 de xaneiro pola tarde os veterinarios de Embriovet acudiron de urxencia á explotación e lograron extraer 6 embrións da xata falecida

 “A pesar de que era un animal prepúber, que desde o punto de vista reprodutivo non estaba funcionando para nada, porque só tiña 7 meses, conseguimos 6 embrións, dos que 2 xa están postos e estamos agardando a coñecer o estado de xestación. Iso permitiu non tirar pola borda todo ese traballo que se levaba facendo, salvar ese traballo e continuar con el, porque era un dos animais máis destacados da gandería”, destaca.

Venda de xovencas e embrións

Até o de agora Antonio está a aproveitar os embrións xerados a partir das súas mellores vacas para incrementar o nivel xenético do seu rabaño, pero de cara ao futuro non descarta comercializalos para deste xeito compartir esa mellora con outras granxas e recuperar unha parte do investimento realizado.

Ata o momento o que quixen foi explotar o potencial xenético que me ofrecen os embrións para mellorar o nivel da granxa. Dunha vaca destacada de primeiro parto podes obter 10 descendentes, cando doutro xeito só terías unha

“De momento non vendín ningún, púxenos todos aquí, en vacas e xovencas con menor potencial, pero é algo que non descarto facer de cara ao futuro. O robot é un factor que limita o crecemento da granxa. Teño 60 vacas en muxidura neste momento, 6 secas e 75 en recría, que son moitas máis das que preciso para cubrir as miñas necesidades de reemprazo. Vanme empezar a sobrar unhas 10 ou 15 xovencas cada ano e tanto a venda de embrións como de recría pode ser unha fonte de ingresos máis, unha maneira de diversificar e de obter unha recuperación do investimento realizado en xenética por esa vía”, di.

“Hai cousas nas que non se pode aforrar”  

Antonio, co seu fillo, que tamén se chama Antonio, xunto ás vacas en produción

Antonio, co seu fillo, que tamén se chama Antonio, xunto ás vacas en produción

Aínda tendo as súas necesidades de reemprazo cubertas e malia que o prezo actual do leite non axuda a decidirse a facer investimentos, Antonio considera prioritario seguir destinando recursos á mellora da súa cabana. “Hai cousas que non se deben abandonar”, di. 

“Fai anos cando baixaban os prezos do leite había xente que daba menos penso. Hoxe iso xa non se lle ocorre a ninguén, porque ao final produces menos leite e é contraproducente. Na alimentación do gando está claro que é algo no que non podes aforrar. Pois na xenética o mesmo. Se nun momento de crise tratas de aforrar en seme valo notar dentro duns anos. Pero se tiñas pensado cambiar o tractor, iso igual pode esperar”, razoa.

As vacas son as que xeran os ingresos da túa explotación, canto máis eficientes sexan facéndoo, mellores van ser os teus resultados

Inicialmente esta gandería optou por producir embrións con algunha das súas mellores xovencas e máis tarde invertiu na compra dalgúns embrións de animais destacados tanto de Galicia como de fóra. Agora está a combinar o uso da tecnoloxía embrionaria in vivo e in vitro para producir embrións con doantes xestantes e non interrumpir así o seu ciclo productivo.

As expectativas a longo prazo son mellorar de forma importante en morfoloxía paralelamente á mellora en lonxevidade produtiva e calidades

Grazas a estas técnicas, actualmente Gandería Neiras xa dispón dun plantel de femias moi destacadas que han ser doantes de embrións nos vindeiros meses para servir aos animais máis desfavorecidos da granxa.  “As vacas son as que xeran os ingresos da túa explotación, canto máis eficientes sexan facéndoo, mellores van ser os teus resultados”, conclúe Antonio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *