Gandería Neiras SC, como optimizar o tempo e o rendemento nunha explotación pequena

Antonio Valcárcel e a súa irmá Ana son titulares na parroquia de Manán, en Sarria, dunha explotación de leite robotizada con 58 vacas en produción e dunha granxa porcina con 1.000 animais de cebo. Explícannos como traballan para aproveitar as sinerxias das dúas actividades

Antonio xunto ás vacas da súa explotación en Manán, da que é titular desde os 19 anos

Antonio xunto ás vacas da súa explotación en Manán, da que é titular desde os 19 anos

“Non son as explotacións máis grandes as que máis gañan”. Esa é a filosofía coa que traballa Antonio Valcárcel, centrado en optimizar a produción e a rendibilidade dos 58 animais que moxe, porque di: “entre unha explotación de 60 vacas ben dimensionada e traballada e unha de 120 que teña que mercar insumos gaña máis cartos a de 60”.

Antonio ten 39 anos pero non é un recén chegado. Leva 20 anos como titular da explotación familiar, á que se incorporou con tan só 19, ao xubilarse o seu pai. Desde entón foi introducindo continuas melloras tratando de gañar en eficiencia e comodidade.

O último cambio foi a instalación dunha amamantadora e a introdución fai un ano dun robot de muxido. Antonio optou por un modelo de tráfico guiado, da marca Delaval, fronte aos sistemas robotizados de tráfico libre. Considera que ten vantaxes o seu funcionamento: “para ir beber ao bebedeiro ou deitarse ás camas as vacas teñen que pasar por unha porta de selección que as desvía cara ao robot ou as deixa pasar en función do tempo que leve cada unha sen muxirse; deste xeito o que te aforras é practicamente ter que achegar vacas”, di.

A amamantadora para as becerras foi unha das últimas melloras na granxa

A amamantadora para as becerras foi unha das últimas melloras na granxa

A razón que o levou a poñer o robot foi a de aforrar en persoal. “Tiña unha sala 5×2 en espiña e muxía tres veces ao día, ás 8 da mañá, ás 4 da tarde e as 11 da noite, así que tiña un empregado que me viña facer as tres muxiduras. Aínda que diariamente eu non muxía, tés que estar pendente igual e nas libranzas ou se cambiaba de empregado tiña que estar. É moi rara agora a noite que teño que vir”, asegura.

Coa axuda do robot, Antonio é capaz de atender el só a explotación. O seu día a día céntrase no coidado das vacas. Non fai traballo agrícola e forma parte dunha CUMA que lle facilita a alimentación do gando. “Maquinaria non merquei nada, teño dous tractores, dous Masei, un de 40 anos e outro de 30, son os que tiña meu pai”, explica. A CUMA á que pertence só ten carro mesturador, así que o resto de traballos encárgallos a unha empresa de servizos.

Antonio ensila na casa a produción das 18 hectáreas de terreo das que dispón, nas que bota 13 a millo e unha e media a alfalfa. “A superficie é boa e produtiva nesta zona e logramos rendementos de 60.000 quilos por hectárea o ano pasado e por enriba dos 50.000 sempre. Os arrendamentos son caros, están a 600€ a hectárea nesta zona, pero sabes que sementas e recolles”, di.

Aproveitar sinerxias

Botan 13 hectáreas de millo, que abonan co purín procedente da granxa de porcos

Botan 13 hectáreas de millo, que abonan co purín procedente da granxa de porcos

No 2018 Antonio constituiu xunto á súa irmá Ana Gandería Neiras SC, da que forman parte dúas explotacións: a de produción de leite con 125 cabezas totais e outra de ceba de porcos con capacidade 1.000 animais, logo dunha ampliación levada a cabo este ano. “Só cebamos e temos integración con Coren, así que non dá moito traballo”, asegura.

Aínda que Antonio está máis centrado na granxa de vacas e Ana na dos porcos, e contan con dous CEAS diferentes, o obxectivo co que crearon a sociedade é aproveitar as vantaxes de traballar en conxunto.

Un dos beneficios mutuos é o aproveitamento do purín. “Ao ter tamén porcos tés máis purín e iso mellora a produtividade das fincas á hora de obter forraxe para as vacas, do mesmo xeito que ao ter as vacas tamén tes terras onde botar o purín que xeran os porcos”, explica. Unha simbiose da que se benefician mesmo outros veciños con explotacións. “Problema de purín para abonar as fincas non teño, abono as miñas e levan tamén os veciños para as súas”, conta Antonio.

Na parroquia de Manán hai concentración parcelaria desde o ano 1988 e iso axuda á hora de facer os traballos agrícolas. “Ao usar maquinaria externa optimízase o tempo e os custos”, evidencia. Son fincas grandes e con bos accesos. Por exemplo, a carón mesmo da explotación dispón de 5 hectáreas nunha peza nas que sementa millo e nas que os desprazamentos para abonar con purín ou para recoller a colleita e carrexala para o silo son practicamente inexistentes. Para a alfalfa, que comezou a botala fai 5 anos, Antonio escolleu as fincas que non valían para millo.

Incrementar a produción coa mellora xenética

Antonio leva 4 anos investindo en seme e en embrións para mellorar a xenética da súa granxa

Antonio leva 4 anos investindo en seme e en embrións para mellorar a xenética da súa granxa

O crecimento da explotación de leite está condicionada por dous factores, por un lado a capacidade máxima do robot de muxido instalado e por outro a base territorial dispoñible. “Non hai onde alugar máis fincas nesta zona”, explica Antonio.

De maneira que o obxectivo co que traballa neste momento é o de completar o número de animais que é capaz de atender o robot e seleccionar aqueles máis eficientes e produtivos. A media de produción nestes momentos é de 43 litros, con 3,70% de graxa e 3,35% de proteína.

Eses datos supoñen unha mellora a respecto de cando muxía en sala. “Antes de poñer o robot, con tres muxidos, xa estabamos en 40 litros, pero baixamos a 31 durante as obras e no posterior periodo de adaptación ao robot”, recoñece. “Cando estás a dúas muxiduras diarias e pasas ao robot sempre melloras na produción, pero cando estás a tres muxidos o habitual é baixar ao principio porque ao comezo só logras medias de 2,3 muxiduras por vaca no robot e iso as vacas nótano moito. Mesmo tivemos algúns problemas de mamite pero circunscritos só a ese periodo de adaptación, agora xa estamos en niveis de células moi baixos, similares aos que tiñamos antes de colocar o robot”, explica.

A produción media por vaca é de 43 litros, tres máis que antes de instalar o robot, cando facía tres muxidos en sala, e logo de pasar un difícil periodo de obras e de adaptación, no que a produción baixou de 40 a 31 litros por animal e día

No caso da gandería Neiras SC, ademais, os trastornos para os animais foron maiores, xa que o robot está instalado no espazo que antes ocupaba a sala de muxido, a carón mesmo das cornadizas e das camas, así que as obras supuxeron unha alteración importante da tranquilidade das vacas.

Antonio trata de optimizar o robot mediante a selección xenética dos animais e tamén personalizando os programas de muxido. “Busco que vacas con moita produción se muxan 3 ou 4 veces a costa de vacas que están dando menos, porque a unha vaca que produce 30 litros chégalle con 2 muxidos diarios”, indica. A media total do robot no conxunto das vacas en produción é neste momento nesta gandería de 2,7 muxidos/dia.

Exceso de recría

Grazas ao seme sexado medraron en número de cabezas e sóbranlles xovencas, que teñen pensado vender

Grazas ao seme sexado medraron en número de cabezas e sóbranlles xovencas, que teñen pensado vender

Tres son os campos nos que gandería Neiras SC está a traballar para lograr unha maior eficiencia dos animais cos que conta. O primeiro é contar con boas forraxes e materias primas para lograr unha boa alimentación do gando, o segundo é a mecanización e informatización do muxido e o terceiro a mellora xenética. “Estou centrándome moito niso agora mesmo, levo catro anos investindo en seme e en embrións e estou logrando mellorar a xenética que teño”, indica Antonio.

A estratexia que emprega xa lle permitiu incrementar o número de cabezas sen ter que mercar ningunha xovenca e mesmo ter excedente de recría neste momento. “O que fixen foi poñer nas primeirizas e nas vacas boas seme sexado e con iso xa aumentei para este ano 2019 en case 20 animais máis en produción, das 40 que muxía na sala ás 58 que muxe agora o robot e quero aumentar noutras 10. Logo empezarei a seleccionar porque non quero tampouco tanta recría, porque as xovencas comen moito e non dan leite”, razoa.

“Desde hai un ano poño moita carne, porque agora mesmo sóbrame recría e non quero ter tanta, porque as xovencas comen moito e non dan leite”

Desde fai un ano xa comezou a poñer nas vacas máis frouxas touros cárnicos e ten idea tamén de vender o excedente de recría. “Neste momento teño 63 vacas adultas e outras 62 becerras e xovencas. A miña idea é vender as que me sobran, pero iso permíteme o luxo de poder seleccionar moito os animais, porque nos vindeiros 2 anos se quero podería renovar todos os animais que hoxe teño en produción”, evidencia.

Mellora das instalacións

A nave de produción ten 20 anos pero vén de ser ampliada e remodelada

A nave de produción ten 20 anos pero vén de ser ampliada e remodelada

Antonio fai a recría na propia explotación. Aproveitou para iso a cuadra vella que tiñan os seus pais. A nave central na que están hoxe as vacas en produción foi feita cando el se incorporou, fai xa 20 anos, e foi ampliada agora cun patio de exercicio, máis camas e un anexo para o robot, a leitería e a oficina.

Na procura dunha maior comodidade das vacas, os cubículos novos, que acaba de facer, son máis anchos que os que xa tiña. “Unha vaca hoxe dá máis leite ca cando eu me incorporei e non son as mesmas esixencias as que necesita unha vaca de 50 litros con respecto a outra de 25”, argumenta.

“Os cubículos novos fíxenos máis amplos porque hoxe as vacas dan máis leite que fai 20 anos e non son as mesmas a esixencias as dun animal que produce 50 litros con respecto a outro que dá só 25”

As camas son todas, tanto as xa existentes como as novas, mantas de goma con carbonato cálcico. “As canles e a instalación do purín son as que tiña, aproveiteina, pero non me deixaba introducir area e tamén penso que a longo prazo é contraproducente”, considera. Tamén é estreito o pasillo de alimentación, de só 4 metros. “É o que xa tiña tamén”, explica.

Estabilidade de prezos e garantía na recollida

Gandería Neiras SC entrega a Danone desde fai 14 anos

Gandería Neiras SC entrega a Danone desde fai 14 anos

Malia tratarse dunha explotación de pequeno tamaño, Neiras SC fixo un desembolso econóico importante na súa actual posta ao día. Pero Antonio síntese respaldado pola empresa á que lle entraga o leite e iso dálle seguridade á hora de facer os investimentos.

“Levamos 14 anos con Danone, foi unha das boas decisións que tomei naquel momento. Había veciños que estaban en Danone e eu levaba anos querendo entrar, pero Danone non acostuma coller xente. Un ano facíalles falta leite e ofrecéronmo cobrando menos ca estaba cobrando pero non o dubidei, comecei de inmediato”, lembra.

“Tés estabilidade de prezos, cando o leite está alto igual non é a que máis paga, pero cando o leite baixa en picado tampouco notas esa caída brusca”, indica. Tamén valora a continuidade, di. “Están facendo contratos de 5 anos, na zona de Lalín xa os están facendo e aquí chegarán tamén. Ter garantida a recollida 5 anos tal como están as cousas é unha confianza e unha seguridade moi grande”, asegura.

Esa confianza entre produtor e empresa semella ser mutua. Este ano a gandería de Antonio foi recoñecida co premio de calidade e seguridade alimentaria que a compañía francesa outorgou entre as ganderías ás que recolle o leite en España. Para obter este galardón esta explotación de Sarria tivo que manter durante todo o ano nas analíticas resultados de calidade super A no leite que entrega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información