Ábrese o prazo para solicitar novas axudas para instalación de enerxías renovables en vivendas

Esta convocatoria por parte da Xunta está dirixida a particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas con varias liñas de subvención destinadas a placas fotovoltaicas, aeroxeradores e baterías, así como a sistemas de aerotermia, xeotermia, biomasa e enerxía solar térmica

A convocatoria inclúe enerxías térmicas e produción de electricidade para autoconsumo en vivendas

A convocatoria inclúe enerxías térmicas e produción de electricidade para autoconsumo en vivendas

A Xunta de Galicia abre esta semana o prazo de solicitude de novas liñas de axudas dirixidas ao autoconsumo e enerxías renovables no sector residencial e terciario destinadas a particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas. En total, cun orzamento de 17,2 millóns de euros, o obxectivo é chegar a 3.000 beneficiarios e crear ao redor de 300 empregos e está destinada fundamentalmente a fomentar a enerxía térmica e fotovoltaica en vivendas. 

Estas novas liñas de axudas súmanse ás dirixidas ao autoconsumo e almacenamento enerxético en empresas, entre as que se inclúen as explotacións gandeiras, abertas no mes de outubro, polo que o orzamento total co que conta Galicia para fomento de enerxías renovables ascende a 37 millóns de euros.

Ás novas liñas de axudas poden acollerse tanto particulares como autónomos

En concreto, aqueles interesados xa poden solicitar os apoios ao autoconsumo e almacenamento eléctrico a partir de proxectos baseados en enerxías renovables, unha liña para a que o Goberno galego destina 11,5 millóns de euros. A intensidade destes apoios, de concorrencia non competitiva –é dicir, por orde de presentación de solicitudes–, varía en función da instalación pero calcúlase que poida permitir aforros nas facturas enerxéticas de 2,6 millóns de euros ao ano e mobilizar 28 millóns.

As subvencións están destinadas fundamentalmente a enerxía térmica e fotovoltaica en vivendas 

Por outra parte, durante esta semana tamén se abre o prazo para a solicitude de axudas de enerxía térmica residencial. En concreto, desde este mércores 15 de decembro, activarase a convocatoria para apoiar proxectos de xeotermia e hidrotermia e o xoves 16 abrirase a referida a iniciativas baseadas en aerotermia. Así mesmo, a partir do venres 17 poderán solicitarse os apoios para proxectos de biomasa e enerxía solar térmica.

Esta liña de axudas de renovables térmicas vai dirixida ao sector residencial e conta cunha dotación de preto de 5,7 millóns de euros e, aínda que a intensidade da axuda tamén é moi variable, os apoios poden chegar aos 13.500 euros no caso de instalacións xeotérmicas de circuíto pechado. O obxectivo é mobilizar ao redor de 10 millóns de euros e acadar aforros económicos de 500.000 euros ao ano.

Esta nova convocatoria está financiada con fondos Next Generation da UE destinados á recuperación económica trala pandemia provocada pola covid-19

As peticións de axuda presentaranse directamente polo solicitante, agás no caso de persoas físicas que non realicen actividades económicas ou unha comunidade de propietarios, que o farán a través de entidades colaboradoras.

Mitigar a escalada de prezos da factura da luz

Caldeira de biomasa nunha vivenda

Caldeira de biomasa nunha vivenda

A través destas convocatorias, a Xunta segue a impulsar o uso de enerxías renovables entre todo tipo de usuarios –fogares, empresas e administracións– co obxectivo de avanzar na transición ecolóxica. Así, estes apoios contribuirán á redución dos custos enerxéticos dos beneficiarios, nun momento de continua escalada de prezos na factura da luz que teñen que pagar familias e empresas; ademais da creación de emprego, a reactivación económica e a mellora ambiental que repercute na calidade de vida dos cidadáns.

As convocatorias, financiadas con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, súmanse ás abertas en outubro e dirixidas a empresas e explotacións agrogandeiras, que cun orzamento de 19,8 millóns de euros buscan fomentar tamén o autoconsumo e o almacenamento enerxético.

Desde o mes de outubro está aberto tamén o prazo para proxectos de autoconsumo e almacenamento enerxético en empresas e explotacións gandeiras

Deste xeito, entre as axudas para autoconsumo e fomento das enerxías renovables que se abren esta semana e as liñas que se convocaron en outubro para empresas, a Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, destina 37 millóns de euros, o que se traducirá nunha mobilización de investimentos público-privados de 98 millóns de euros, aforros económicos de 10 millóns ao ano e a redución de 33.100 toneladas de emisións anuais de CO2 –equivalente a plantar 1.655.000 árbores–.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *