A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Abanca presenta a súa nova división “Agro e Mar”

"Abanca Agro e Mar" nace co obxectivo de prestar servizos financeiros adaptados ás necesidades dos profesionais, empresas, cooperativas e demais axentes do sector primario galego.

Abanca presenta a súa nova división “Agro e Mar”

De esquerda a dereita, Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde, Jesús Combarro, director de ABANCA Agro e Mar, e Luis Beraza, director xeral de Negocio España de ABANCA.

Abanca presentou hoxe a súa nova división “Abanca Agro e Mar”, que nace co obxectivo de prestar servizos financeiros adaptados ás necesidades dos profesionais, empresas, cooperativas e demais axentes do sector primario galego.

Esta nova proposta pretende, segundo explicou hoxe no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), o director xeral de Negocio España, Luis Beraza de Diego, cubrir unha vella “demanda” do sector primario.

“Agora esíxese un nivel de asesoramento experto moito maior que o que se facía antes da crise, e iso nos está a obrigar a todos a converternos en asesores expertos para cubrir as necesidades de grupos concretos de clientes. Por iso nace Abanca Agro e Mar”, subliñou Beraza de Diego..

Os servizos desta nova división, que estará dirixida por Jesús Combarro, canalizaranse a través dunha rede de proximidade formada por 244 oficinas de Abanca situadas nas zonas rurais e do litoral de Galicia.

Os dous dirixentes de Abanca destacaron a importancia que os sectores de Agro e Mar teñen en Galicia, tanto polo seu elevado número de unidades produtivas -68.000 explotacións agrarias e 4.500 buques pesqueiros- como porque concentran o 6,5% dos postos de traballo, con preto de 70.000 empregados.

“Son dous sectores de alto interese porque a súa contribución ao PIB é superior ao dez por cento e porque este sector se comportou mellor que outros durante a crise”, asegurou Beraza de Diego durante a presentación da nova división.

O 7% dos créditos de Abanca son para o sector primario

Agro_Mar_abanca_standar_3

Presentación de “Agro e Mar” de Abanca

Combarro, ademais, sinalou que o “obxectivo” que se marcaron é chegar a todos os integrantes do sector, dende os produtores á industria transformadora, pasando polos vendedores e provedores, cunha oferta “á medida das súas necesidades e en condicións moi competitivas”.

O investimento crediticio do banco para actividades pesqueiras, gandeiras ou agrícolas é superior aos 950 millóns de euros, o que supón un 7% do seu financiamento total a empresas, dous puntos por enriba do peso do sector no PIB galego, segundo revelou Beraza de Diego.

“Proporcionamos servizos financeiros a 600.000 clientes en zonas rurais e da costa galega, e somos a primeira entidade financeira na tramitación de axudas da PAC aos agricultores e gandeiros de Galicia, cunha cota de mercado que rolda o 50% “, apostilou.

Abanca mantén máis de 40 convenios de colaboración con diferentes entidades do sector, como asociacións, cooperativas ou confrarías, e a nivel internacional ten presenza en nove países.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *