A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Vitidron, viticultura de precisión con drons en Galicia

Esta firma especializada traballa nos viñedos galegos e do norte de Portugal para axudar a adegas e viticultores a mellorar a súa produción

Vitidron, viticultura de precisión con drons en Galicia

A xestión de viñedos a través de dron está a asentarse en Galicia da man de Vitidron, unha empresa de servizos que lle ofrece a adegas e viticultores unha nova ferramenta para a toma de decisións. O seu forte sitúano na anticipación aos problemas, pois as cámaras especiais dos seus drons logran detectar o que o ollo humano non ve a simple vista, como pode ser o inicio dun estrés hídrico, a falta de vigor ou a presenza de enfermidades fúnxicas.

“O noso traballo consiste en voar o dron sobre o viñedo cunha cámara multiespectral para obter imaxes de alta precisión. Esas imaxes, que teñen unha precisión de moi poucos centímetros por pixel, son procesadas posteriormente polo noso software propio, específico para viticultura, que mesmo conta coa axuda da Intelixencia Artificial, e a partir de aí definimos un informe claro para o cliente, con datos precisos, mapas e imaxes, que entregamos en menos de 24 horas”, explica o director de Operacións de Vitidron, Federico Enguix.

O servizo está pensado para facer un seguimento dos viñedos ao longo de todo o ciclo do cultivo, desde marzo ata a vendima. “A nosa recomendación é efectuar polo menos un voo mensual e nos meses máis delicados, como poden ser xuño e xullo, mesmo voos cada 15 días”, sinala Federico. Ese seguimento permite facer unha comparación da evolución do viñedo e anticiparse aos problemas, co consecuente aforro de cartos, tempo, e desgustos.

Vitidron vertical

Durante a campaña 2021, nun verán moi cálido, o estrés hídrico das plantas foi un dos puntos clave de control. “En viñedos como os de Rías Baixas, que normalmente non teñen rega artificial, comezamos a detectar a carencia de auga antes de que houbese síntomas visibles no viñedo, o que lle permitiu aos clientes anticipar medidas. Tamén tivemos un caso dun viñedo que tiña rega artificial no que detectamos problemas de estrés hídrico en só unha parte. Entón comprobouse que o problema residía en que unha sección do sistema de rega estaba taponada”, lembra o director de operacións de Vitidron.

O servizo oriéntase a superficies de certa extensión, 5-10 hectáreas, ou que teñen difícil acceso, caso por exemplo da Ribeira Sacra

Vitidron orienta o seu servizo a adegas e a plantacións cunha certa extensión mínima, na contorna das 5-10 hectáreas. “Nun viñedo pequeno pódese facer un seguimento cotián simplemente andándoo, pero en superficies de maior dimensión iso non é viable. Para superficies grandes ou de difícil acceso, como son as da Ribeira Sacra, co dron logramos facer unha radiografía precisa e rápida do viñedo a un custo alcanzable”, -valora Federico-. “A nosa experiencia dinos que estamos a contribuír a melloras claras da produción en canto a cantidade e calidade das uvas”, conclúe.

Detalle dunha imaxe de análise dun viñedo.

Detalle dunha imaxe de análise dun viñedo.

De cara ao futuro, a empresa valora ampliar a súa gama de servizos. A maiores da liña de viticultura de precisión, Vitidron sopesa realizar aplicacións aéreas con drons, aínda que as actuais restricións legais a este tipo de voos aprazaron polo momento ese paso.

Máis información de Vitidron

• Teléfono: 986 07 00 68
• Whatsapp: +34986070068
• E-mail: info@vitidron.es
Páxina web

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *